Desde La Región:
“Enrique Manuel Neira Pereira foi designado coma o gañador do XXVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais pola súa obra Do aritmómetro á computación cuántica. Como as máquinas de cálculo, informáticas, robóticas e de comunicación transformaron Galicia nun século e medio.
O xurado (composto por Teresa Devesa, Xaquín Vázquez, Carmen Villarino, Xosé Henrique Costas e Isabel Mociño) valorou deste traballo que se trate “dunha historia que aposta pola modernidade e polo futuro dende Galicia. Unha panorámica da contribución das galegas e galegos ao avance das máquinas calculadoras, da programación informática, da robótica, dos satélites e da intelixencia artificial, todo isto encadrelado con abondosas referencias literarias”.
Do mesmo xeito, os integrantes do xurado tamén consideraron merecente de accéssit a obra Sobreviver na palabra escrita a trajetória intelectual. Ademais, manifestaron que “todos os traballos presentados a esta edición contan cun alto nivel de calidade e que, en aplicación das bases do certame, só se valoran aqueles se axeitan ás bases: anónimos e inéditos en calquera formato”. (…)”
Arquivos mensuais: Xuño 2023
Carballo: tertulia e debate sobre “Presente e futuro da creación artística”
Compostela: presentación de Perder (2016-2021), de Roberto Salgueiro
Vimianzo: presentación de O que me quedaba por dicirche, de Alberto Mancebo
Pontevedra: presentación de Diarios/1 Azul Monforte, de Antón Lopo
A Coruña: palestra “O Maroutallo: desexo, mímese e disforia nunha obra de Otero Pedrayo”, con Serxio Couso
O 22 de xuño, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, Serxio Couso ofrecerá unha palestra baixo o título “O Maroutallo: desexo, mímese e disforia nunha obra de Otero Pedrayo”. A palestra fai parte do Ciclo Aula Aberta, realizado en colaboración coa Universidade da Coruña. Nela realizarase unha lectura en chave de xénero da última obra narrativa publicada en vida por Ramón Otero Pedrayo, O Maroutallo (1974), co obxectivo de reflexionar sobre o proceso de construción da identidade das mulleres, sempre mediada polo vínculo que os homes estabeleceron con elas. As persoas interesadas poden anotarse aquí.
Homenaxe A Escritora na súa Terra a Fina Casalderrey: resposta á laudatio
Betanzos: conversa arredor de Escola de mulleres, de Inma López Silva
A Escritora Nones Araújo Gaña o I Premio de Novela Curta Alén do Concello de Ares
Desde o Concello de Ares:
“O pasado 5 de xuño, o xurado da I Edición do Premio de Novela Curta Alén do Concello de Ares anunciou que a gañadora é Nones Araújo, profesora e escritora afincada en Vigo cunha destacada traxectoria literaria e varios premios no seu haber. O premio ascende aos 2.000 euros e conleva a posterior publicación da obra. A súa presentación será o 19 de agosto dentro da programación do VI Ares Indiano.
A novela premiada, titulada A Madriña, foi elixida por unanimidade polo xurado, composto pola profesora ad honorem da Universidade de Santiago, Blanca Roig Rechou, a profesora da Universidade de Vigo, Mª del Mar Fernández Vázquez, e a directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez Herrera. O xurado destacou a calidade literaria e a profundidade temática da obra.
A Madriña relata en primeira persoa a vida da protagonista, quen lembra a súa historia a partir das consecuencias da emigración familiar. O xurado destacou as citas iniciais de cada capítulo, a riqueza do léxico empregado, o ton e ritmo do relato, as oracións sentenciosas e os dobres sentidos, así como o manexo das referencias culturais. Da mesma maneira, eloxiouse o uso dunha linguaxe que respecta as diferenzas de xénero e a habilidade da autora para plasmar os trazos dos personaxes e ambientes. (…)”