

Desde a AELG divulgamos a versión en galego deste artigo publicado polo Director Xeral de CEDRO, Jorge Corrales.
A Comisión Europea recibiu o pasado 10 de xullo a versión final do Código de boas prácticas para a intelixencia artificial, un marco voluntario que estabelece pautas para aplicar o Regulamento de IA. Con todo, o texto non garante a protección mínima para os dereitos de autoría fronte ao uso non autorizado das súas obras por parte dos desenvolvedores desta tecnoloxía.
O Código foi redactado por trece expertos e polas achegas, avaliadas pola Oficina Europea de Intelixencia Artificial, de máis de mil axentes do sector (tecnolóxicas, representantes de titulares de dereitos, etc.).
O director xeral de CEDRO, Jorge Corrales, explica que «pedimos que este Código sirva para garantir unha regulación europea que respecte os dereitos de autoras/es e editoras/es e evite que os modelos de IA se adestren a costa do seu traballo, sen o seu consentimento e sen compensación para eles/as». «Lamentabelmente, este protocolo ofrece un “porto seguro 3.0” ás tecnolóxicas e outros desenvolvedores para que continúen espoliando os dereitos de escritoras/es, tradutoras/es e editoras/es de libros, xornais e revistas», engade.
Tres capítulos, tres valores
O Código estrutúrase en tres capítulos:
Unha oportunidade perdida
Aínda que estas directrices recoñecen que adherirse ao Código non equivale a cumprir coa lexislación vixente da propiedade intelectual, entre a que non menciona explicitamente o Regulamento de IA, o seu contido non é abondo para protexer os dereitos de autoría ante a actuación das empresas tecnolóxicas. En opinión de CEDRO, estas carencias dirixen directamente aos tribunais para resolver os conflitos que se poidan presentar coas tecnolóxicas, situación dificilmente sostíbel polos/as titulares.
Sobre todo, tal e como analiza Corrales, «se se ten en conta que o Código é un marco voluntario, polo que non soluciona o desequilibrio que existe desde hai máis de dúas décadas entre os dereitos de propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es e os intereses das grandes multinacionais tecnolóxicas. Esta desigualdade orixinouse polos distintos procesos de dixitalización que vivimos –e estamos a vivir na actualidade– e a pouco eficiente regulación dirixida a protexer as/os creadoras/es e produtoras/es de cultura».
Neste sentido, o texto deixa sen aclarar distintas situacións, o que vén perpetuar esta situación de desvantaxe para autoras/es e editoras/es. Por exemplo, estabelece que os desenvolvedores de IA deben pedir permiso ás e aos titulares de dereitos antes de usaren os seus contidos; porén, insiste na importancia de reservaren os seus dereitos para deixar que as súas obras non poidan utilizarse sen a súa autorización. Ademais, considera que esta exixencia non afecta aos acordos privados que poidan ter coas tecnolóxicas, deixando sen aclarar se neses casos segue sendo preciso facer esa reserva de dereitos.
O Código tamén especifica que os desenvolvedores de intelixencia artificial só serán responsábeis legalmente se cometen actos relevantes para que se active o Dereito de Autoría. Cómpre ter en conta, ademais, que esa responsabilidade só se aplica dentro do territorio dos Estados membros da Unión Europea.
Por outra banda, esta guía de boas prácticas tamén recolle compromisos básicos xa previstos explicitamente na regulación actual, como non eludir as medidas de protección de dereitos (DRM, etc.) nin usar obras pirateadas, polo que non achega nada do que debe agardarse dun código de boas prácticas. Tamén menciona a posibilidade de levar a cabo a reserva de dereitos a través de protocolos web, cando estes sistemas levan anos sendo ignorados por moitas grandes plataformas tecnolóxicas e foron deseñados con outra finalidade. Pola contra, non recolle un compromiso de aceptar reservas de dereitos efectuadas en linguaxe natural a través dos clásicos termos e condicións.
O Código lembra a obriga de que as empresas de IA utilicen única e exclusivamente obras protexidas ás que accedesen de xeito legal. Con todo, deturpa completamente esta obriga legal. E iso porque a reduce a un mero compromiso de exclusión de uso daquelas obras que proveñan de sitios web que fosen recoñecidos por algunha autoridade europea como reiterados e persistentes infractores de dereitos a escala comercial.
Así mesmo, advirte que os buscadores non poden adoptar medidas discriminatorias, como reducir o tráfico cara a unha web, cando un/ha titular decide exercer o seu dereito de reserva. O problema agravouse coa chegada dos chatbots con intelixencia artificial integrados nos buscadores web, dado que moitas veces amosan respostas sen enlazar aos contidos orixinais. Todo iso, a pesar de que esta práctica xa foi cuestionada polas autoridades de competencia no pasado. A esta situación tampouco dá resposta este texto.
En materia de transparencia, o Código estabelece unha solución para dúas obrigas fixadas no referido artigo 53.1 puntos a) e b) e, porén, o formulario inclúe vagamente a cuestión fundamental da información das obras utilizadas no adestramento dos modelos de IAX (punto d) do devandito artigo 53), pois non se publicou o formulario previsto para iso.
O director de CEDRO afirma ao respecto que «Este texto representa unha oportunidade perdida para volver conectar a actuación dalgúns gobernos e das grandes empresas tecnolóxicas cos valores da sociedade. Tanto uns como outros dispoñen de códigos éticos que, na práctica, parecen non aplicarse», e engade: «cada paso nesta dirección limita aínda máis as posibilidades de preservar piares fundamentais para a cohesión social. Non pode haber innovación entendida só desde o técnico, se se ignora como eses avances se integran na vida en común –un proceso en que as humanidades e, por tanto, o traballo de escritoras/es, tradutoras/es e editoras/es é esencial–».
Folla de ruta
Unha vez aprobado polos Estados membros e a Comisión Europea, as empresas que se adhiran ao Código deben axustar o seu comportamento ao estabelecido nel, sen que a sinatura supoña de xeito automático que cumpren co Regulamento da IA. Do mesmo xeito, non recolle ningunha mención aos usos de obras protexidas que as empresas de IA veñen desenvolvendo até a data. «Este Código segue a liña do Regulamento, que prioriza o funcionamento das tecnolóxicas no mercado sobre a protección dos dereitos de autoría», subliña Jorge Corrales. «Non serve para protexer os dereitos de propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es. Vén perpetuar o espolio cultural que supón a IA», conclúe.
Está previsto que a Comisión publique este mes de xullo unha guía con instrucións prácticas sobre quen debe aplicar as normas de IA de uso xeral e como facelo.
Entrevista de Ana G. Liste a Marilar Aleixandre en Praza:
“(…) – Praza (P): Esta novela é unha demostración máis de que non hai que abrir ningunha ferida do golpe de Estado de 1936 porque seguen abertas, e neste caso incluso ocultas ata hai preto de quince anos. Como foi o impacto inicial ao coñecer a represión que sufriu o curmán do seu pai?
– Marilar Aleixandre (MA): Creo que esta cuestión vai máis alá do que poida ocorrer nunha familia específica. O temor coseu as bocas dos vencidos e iso é algo xeral porque continuamente sabemos de historias de xente que conta cousas que aconteceron na súa familia e que non se falaron. Ti sabes que iso era así, o que non pensas é que tamén ocorría na túa propia familia. Dous anos antes, en 2008, soubemos pola outra parte da familia dun tío avó que antes de estar exiliado en Venezuela estivo nun campo de internamento. Neste caso si que nos contaran que estaba exiliado porque era republicano, pero non toda a súa historia, porque tivo que ter cargos no Partido Comunista. Pero de Antonio non sabiamos nin que existía, meu pai podería ter morto sen contarnos nada. Pero estas foron das primeiras fosas que escavaron a finais de 2009 no País Valencià, e a través do segundo apelido do meu pai, que é moi raro, localizaron aos fillos dun irmán del que lles deron o teléfono do meu pai. Chamaron o meu pai, que lles dixo que non quería dar saliva e, como conto ao comezo da novela, dicía que non quería saber nada desa historia. Pero como nos conta que o chaman, tiramos do fío.
– P: Na novela os nomes propios están cambiados, pero mantéñense as relacións de parentesco e circunstancias veraces das súas vidas?
– MA: Si, os nomes están cambiados e, de feito, hai unha árbore xenealóxica ao comezo da novela. Miña avoa, que na novela é Sole, vivía casa con casa coa súa irmá. O que nos conta meu pai é que este curmán seu viviu na súa casa de neno. Cando o pai de Antonio [o protagonista desta historia] regresa a Doña Mencía arruinado, volve marchar ao pouco a intentar buscar traballo en Vallecas (cando aínda non formaba parte de Madrid) e reparte aos seus fillos entre a casa da miña avoa e a da súa irmá. Antonio e meu pai levábanse un ano.
– P: Seu pai chegou a contarlles como se sentía ao saber do que pasara co seu curmán?
– MA: Negábase a falar disto. O que nós interpretamos agora, porque ao principio pensabamos que sabía algo e non nolo quixo contar, é que eles o único que souberon foi que deixaron de chegar cartas de Antonio. Levaba desde os 13 anos en Vallecas e non fora a Doña Mencía, só de visita unha vez ao saír do cárcere. Daquela, a Guardia Civil non informaba das mortes. Por que se localiza esta fosa en Benagéber? Porque a familia do outro guerrilleiro ao que matan á vez que a el, a nai e a irmá, van ao programa de Paco Lobatón, Quién sabe dónde, e alí se poñen a investigar. Ao principio os enterran como descoñecidos, levaban documentación falsa, de dous en dous xunto a outros seis traballadores do pantano que eran de alí. As bocas estaban cosidas fóra tamén, aquilo era noite e néboa, como o dos nazis. Non existiron e xa. Entón, cando no programa conseguen que a Garda Civil lles diga que está en Benagéber, empezan o proceso ata que unha asociación memorialista consegue que se inicie a exhumación. (…)”
Desde a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia:
“A 41ª edición da MIT, organizada polo Concello de Ribadavia, e baixo a nova dirección formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, anuncia o outorgamento do Premio de Honra 2025 ao que fora o director da Mostra ata o ano pasado, Roberto Pascual.
Roberto Pascual foi director da MIT de Ribadavia dende 2009 ao 2024, unha importante etapa na que soubo facer da Mostra un evento de referencia tanto para a profesión e a cultura galega como para a escena internacional. Nestes anos a MIT avanzou e situouse entre os máis prestixiosos festivais de teatro, en diálogo con compañías, redes e circuitos escénicos de primeiro nivel. Á vez que mantivo o carácter comunitario, identitario e arraigado no espírito transformador e renovador dos seus inicios históricos, alimentando o valor da cultura como pilar esencial para a cidadanía.
Este galardón instaurouse no ano 2000 co obxectivo de recoñecer publicamente a colectivos ou persoas notoriamente responsables do progreso e do bo labor nas artes escénicas galegas, contribuíndo á modernización e democratización social e cultural. Despois de 16 anos á fronte da Mostra, Pascual deixa unha fonda pegada tanto no festival e o sector teatral como na veciñanza de Ribadavia. Con este galardón, a nova dirección da Mostra quere recoñecer o seu compromiso coas artes escénicas e coa cultura galegas. (…)”