Emma Pedreira obtén o ​IV Premio Internacional de Poesía Jovellanos. El mejor poema del mundo polo seu poema Lista da compra da viúva

Desde Ediciones Nobel:
“(…) Ediciones Nobel premia desde Asturias como ‘El Mejor Poema del Mundo’ a composición Lista da compra da viúva, da poeta galega Emma Pedreira Lombardía.
O xurado considera que o poema premiado representa unha poesía da cotidianeidade onde o misterio da vida e os seus milagres se agachan nunha lista da compra, na voz lembrada dunha avoa, nunha lingua pequena onde alenta o ánimo do mundo. Emma Pedreira, seguindo á vez a lección de Rosalía de Castro e de Anne Carson, conmóvenos cun poema que gardamos na nosa memoria.
Lista da compra da viúva editarase nun libro xunto aos outros 30 finalistas seleccionados polo xurado. (…) O premio está dotado con 2.000 euros.
Nesta edición participaron 1.093 composicións, reafirmando así a importancia dun premio internacional en que este ano están representados 41 países. (…)”

Alberte Blanco: “A adicación á política non é compatible co exercicio dunha literatura pensada”

Entrevista a Alberte Blanco en La Región:
“(…)- La Región (LR): Semella que foi deixar a política e comezar a escribir. Foi unha vía de escape para esa inactividade?
– Alberte Blanco (AB): Non, a min dende sempre me gustou escribir. O que ocurre é que a miña actividade política, que comecei moi pronto, mo impediu dalgún xeito ata o de agora. A adicación á política non é compatible co exercicio dunha literatura pensada. Se estás respostando ás inquedanzas da cidadanía pola súa realidade non tés a necesaria tranquilidade para escribir.
– LR: Fálenos un pouco da nova obra, O códice esmeralda, que se está a distribuír estes días polas librarías.
– AB: É unha novela ambientada alá por principios do século XVIII, concretamente no ano 1702, o da batalla de Rande. Realmente son como tres historias entrelazadas, aínda que se poderían ler por separado, relacionadas coa tripulación de flota de Nueva España que atracou en Vigo. O achado dun antigo manuscrito familiar embarca a Xacobe nunha investigación que o retrotrae aos tempos da batalla de Rande. Xan Bieito, un antepasado seu, fora grumete na frota de Nova España e relatara as peripecias da longa viaxe, ademais da histórica batalla naval de 1702 na Ría de Vigo. O manuscrito deixaba entrever a existencia dun tesouro oculto, protexido por un estraño enigma que teóricamente deberían resolver os seus sucesores.
– LR: Con todo, non é o único xénero que cultiva. Digoo pola recente publicación do libro sobre o camiño de ferro na comarca.
– AB: Si, foi un traballo importante de investigación, como outros que teño asinado, tanto de xeito colectivo como a título particular. Fáloche, por exemplo, dun ensaio sobre o monte galego, froito en parte da miña experiencia nesa responsabilidade. (…)”

Henrique Monteagudo publica en Galaxia: Carlos Casares, Un contador de historias, vida e obra

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““O que máis vai perdurar, creo, da súa figura é a súa obra literaria”. Henrique Monteagudo publica en Galaxia: Carlos Casares, Un contador de historias, vida e obra. Pode accederse á entrevista aquí.”

A Coruña: presentación da revista DiVersos, números 24 e 25

A quinta feira 23 de marzo, ás 20:00 horas, en Linda Rama (Porta de Aires, 4), na Coruña, preséntanse os números 24 e 25 da revista DiVersos. No acto participan Alfredo Ferreiro, Ramiro Torres e José Carlos Marques, director da revista.