Lugo: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O venres 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.

Santiago: presentación de Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco

O xoves 13 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro da profesora e escritora Carmen Blanco Un mundo de mulleres, publicado en Biblos Clube de Lectores. No acto intervirán, coa autora, María Xosé Agra e Tucho Calvo.

Intervención de Marta Dacosta na inauguración do VI Ciclo Escritores/as na Universidade

O xoves 6 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, tivo lugar a inauguración do VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, actividade organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Neste acto de inauguración estiveron presentes: Camiño Noia, Directora do Departamento de Filoloxía galega e latina, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística e Marta Dacosta en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Reproducimos a continuación a intervención de Marta Dacosta:

Bo día a todos e todas, en primeiro lugar quero darvos as grazas pola vosa presenza.
É unha honra para min estar aquí representando a AELG que unha vez máis se comprace en organizar estes encontros con escritores e escritoras na Universidade. Esta actividade é froito dun convenio coa SXPL e no seu deseño contamos coa colaboración do Departamento de Filoloxía galega e latina da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Grazas tamén pois a estas entidades por facer posíbel que esta actividade se manteña. Agardemos que no futuro a capacidade financeira e ese convencemento da importancia do papel da literatura no proceso de normalización permitan seguir adiante con este tipo de actividades.
Para a AELG esta é unha actividade fundamental no sentido de que permite a comunicación directa entre os nosos escritores e escritoras e o alumnado e o profesorado universitario. Entendemos que estas mesas redondas son unha actividade complementaria axeitada, pois poder escoitar ao propio autor, coñecer de primeira man a súa posición e os seus motivos, é sempre altamente enriquecedor.
Nesta ocasión a Universidade de Vigo propuxo o suxestivo título «Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise». Estamos pois ante unha proposta de debate que bebe directamente da problemática actual da lingua galega, a ferramenta fundamental da escritora, a que nos define e nos sitúa.
Desde 2008 o pantasma da crise percorre os países ricos, e un capitalismo esgotado reaccionou empuñando a arma do medo para sobrevivirse a si mesmo. Entón os gobernos sumáronse á ladaíña e sacaron de tesoiras. A cultura e a lingua foron as dúas primeiras vítimas: liñas de axuda que desaparecen, orzamentos que diminúen, medios de comunicación, en galego, que pechan… Neste tempo, a AELG denunciou a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura do noso país que, ao final, acaban por se traducir na destrución de emprego.
Sinalábase antes a importancia do papel da literatura como ferramenta normalizadora. E si, na historia da nosa literatura, a defensa do idioma ocupa, naturalmente, un lugar central. Por iso non podo deixar de pensar que Castelao volvería hoxe falarnos daqueles que pretenden derrubar o Pórtico da Gloria, dos que elevan o inglés á categoría de lingua universal para enviarnos como paquetes teutóns a procurar traballo fóra da nosa terra. E pregúntome, con que argumentos lles explicaría hoxe Sarmiento a idoneidade de que a nosa lingua estea presente nas escolas e sexa a lingua na que os nosos nenos e nenas aprendan a ler e a escribir aos que se empeñan en dicir que o galego non serve para nada e que debemos aprender inglés?
Esta segunda década do segundo milenio ten no seu haber o triste cómputo da perda de espazo para a nosa lingua. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega manifestou no seu día a súa posición contraria ao actual Decreto 79 que modificou o estatus do noso idioma no ensino. Malia a entrega e o traballo de décadas, hoxe reduciuse a súa presenza nos centros escolares por vía normativa, e esta eiva marcará a súa vitalidade entre as xeracións futuras, esas para as que as escritoras e os escritores deixamos as nosas arquitecturas de palabras, empeñados e sermos galegas e galegos.
A pasada fin de semana a asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro das tres asociacións de escritores coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 nel recóllese a nosa afirmación de que
“1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, os que usamos como instrumento de creación as nosas linguas… que
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.”
Neste ano 2011 en que se cumpren 100 anos do nacemento de Cunqueiro, cómpre lembrar as palabras de quen, para alén das súas posicións políticas, sempre considerou que a lingua era un deber incuestionábel. Cunqueiro era consciente e declarouno publicamente de que a lingua é fulcral para o futuro dun pobo, porque nela reside a nosa identidade. Por iso quixo que o lembraramos para sempre como quen procurou Mil primaveras máis para a lingua galega.
A poesía, a narrativa e o teatro, están unha vez máis ante a encrucillada. Deséxovos que ao longo destas mesas redondas botedes algo de luz en tan escuros días no camiño de procurarmos outras mil primaveras máis para a lingua galega.

Publicado Castelao e os bascos, versión galega do libro de Iñaki Anasagasti

Editado pola Fundación Moncho Reboiras para o estudo da cuestión social e sindical en Galiza (Fesga), con tradución para o galego e notas de Xurxo Martínez Crespo, xa está dispoñíbel on-line o libro Castelao e os bascos, que Iñaki Anasagasti publicara no 1985, que pode ser descargado libremente aquí.
Castelao e os bascos na súa versión española fora un bestseller en 1985, publicada pola editorial bilbaina Ekin coas súas 607 páxinas, e só ficaban exemplares soltos nalgunhas mans particulares. O traballo de Iñaki Anasagasti chantara un fito senlleiro naquelas datas, pois expoñía, de xeito ameno e divulgador, unhas relacións pouco recoñecidas entre Castelao e os nacionalistas vascos, enxertadas dentro do movimento Galeuzca.” (Do prólogo de Xosé Estévez).

Editado en francés Un ollo de vidro, de Castelao

“Estes días chega ás librerías do mundo francófono, editado en Les Fondeurs de Briques, o libro de Castelao, orixinal de 1922, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete en tradución directamente do galego de Vincent Ozanam: Un oeil de verre. (…) O libro chega ás librerías de Francia coas ilustracións do propio Castelao e que nós tamén publicamos na nosa edición. Máis unha vez, a nosa literatura florece noutras linguas. Unha boa nova para encetar o outono literario.” Vía Galaxia.

Convocado o V Certame Literario Terras de Chamoso

“Por quinto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
– CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
– CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
– CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
– POESÍA (de 30 a 60 versos).
– RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 23 de novembro de 2011.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato. Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 17 de decembro de 2011, no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

A Coruña: presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, no programa de radio Recendo

O martes 11 de outubro, entre as 19:00 e as 20:00 horas, dentro do programa de radio Recendo, que a A. C. Alexandre Bóveda organiza dentro da emisora CUAC FM, César Morán presentará o seu libro-disco Haberá primavera, en homenaxe a Álvaro Cunqueiro, publicado en Galaxia en breve. Esta emisora pode escoitarse na comarca da Coruña no 103.4 FM.

A edición galega incrementa o número de libros rexistrados no ISBN

“En 2010 inscribíronse no rexistro do ISBN 4.754 libros editados en Galicia. Así o recolle o Ministerio de Cultura na súa Estadística de la edición española de libros con ISBN. A cifra mantén a tendencia crecente, cun notable incremento fronte aos 4.069 títulos rexistrado en 2009 e os 3.690 de 2008. Tamén sube o número destes títulos que saíu en galego, con 2.544 títulos fronte aos 2.121 de 2009. Canda a isto increméntase tamén o número de editoras das que ten constancia Ministerio de Cultura no noso país, cun total de 164 este ano fronte ás 157 do pasado. Segundo estes datos, a produción media por editora foi de 29 títulos en 2010, unha cifra que tamén mantén tendencia crecente nos últimos anos, con 26 títulos de media en 2009 e 23 de 2008 e 2007. Os datos do Ministerio sinalan tamén que se editaron no noso país 686 obras en soporte distinto do papel, todas elas libro electrónico. En 2009, malia a se publicaren 699 noutros formatos, a presenza da edición electrónica era lixeiramente inferior, só un 99,6% desa cifra. En canto a traducións, no pasado ano vertéronse ao galego 170 obras doutras linguas, un incremento a respecto dos 117 do ano anterior e dos 131 de 2008. No entanto, aínda non se acadaron as cifras de 194 obras traducidas en 2006 ou as 198 de 2007.” Vía Cultura Galega.

Convocado o VIII Premio de Narración Curta Happy Curtis, de Concello de Curtis

BASES

1. Convócase o VIII Premio de Narración Curta do Concello de Curtis Happy Curtis, cóntanos o día máis feliz da túa vida.
2. Os traballos presentados deberán estar escritos en lingua galega.
3. Os textos deberán ser orixinais, inéditos, e non premiados en ningún outro certame.
4. Deberán enviarse escritos en formato word e cunha extensión comprendida entre os 3000 e os 5000 carácteres (espazos incluídos).
5. Enviaranse ao seguinte correo: happycurtis@concellodecurtis.org. Achegarase no arquivo unha última folla que conteña unha copia do DNI, enderezo, teléfono de contacto, e a categoría á que pertence.
6. A data límite de entrega é o 30 de novembro de 2011.
7. Establécense dúas categorías:
* 1A. Dos 12 ós 18 anos.
* 1B. Dos 19 anos en diante.
e dous premios en metálico para cada categoría:
* Categoría A:
Primeiro premio de 200 euros.
Segundo premio de 100 euros.
* Categoría B:
Primeiro premio de 350 euros.
Segundo premio de 150 euros.
8. En calquera das categorías o premio poderá quedar deserto se o xurado considera que os presentados non acadan un mínimo de calidade.
9. Os traballos que non cumpran as presentes bases quedarán fóra de concurso.
10. O xurado estará composto por membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura, a lingua e as letras.
11. Os traballos premiados pasan a ser propiedade do Concello de Curtis, que se reserva o dereito de publicación a través dos medios que considere oportunos e sen afán de lucro.
12. A presentación das obras supón a aceptación destas bases.

Para calquera dúbida, escribir ó correo electrónico do certame: happycurtis@concellodecurtis.org ou chamar ó 651046603.