A Coruña: homenaxe a Manuel María en Monte Alto

Dentro das Festas do barrio de Monte Alto, organizadas pola Asociación de Veciños, onde viviu os seus últimos anos na Coruña Manuel María, este sábado 11 a partir das 12:00 h. celébrase unha homenaxe popular ao poeta, que inclúe o descubrimento dunha placa conmemorativa e un recitado de poemas ao pé da casa onde estivo vivindo (na rúa Javier Fonte, 1).

Xavier Rodríguez Baixeras: “A vida consiste nunha desertización de riquezas”

Entrevista a Xavier Rodríguez Baixeras en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia: Deserto diamantino fai referencia a algún lugar xeográfico ou é un espazo mental?
Xavier Rodríguez Baixeras: No estado de Bahía hai unha zona moi interesante que se chama Chapada Diamantina, que é unha chaira na que se extraían diamantes. Máis ao norte hai unha zona completamente diferente, o Sertão, despoboada, moi seca. Eu comparei ambas rexións e estas cousas teñen unha dimensión simbólica. A vida consiste nunha desertización de riquezas que se perden co tempo, se gastan. Maniféstanse na creación, xa que o poeta vai perdendo a voz orixinal; no amor que se vai desgastando e secando; na idade… en fin, todo este mundo que un poboa ao longo da vida vaise perdendo. Por iso a primeira parte chameina regalía, o principio.”

Gondomar: presentación da exposición Material metáfora, de Pepe Cáccamo

O venres 10 de setembro, ás 20:30 h., na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida do Campo da Feira, 10, baixo) de Gondomar, inaugúrase a exposición Material metáfora, de Pepe Cáccamo, que permanecerá aberta entre o 10 de setembro e o 20 de outubro, podendo ser visitada os días laborables entre as 18:00 e as 20:00 h.
En palabras do propio autor, “Material Metáfora é un texto obxectual, un libro de poemas en tres dimensións, un volume antolóxico (unha antoloxía de ideas dotadas de volume) que pretende dar corpo a un conxunto teimoso de analoxías pertencentes ao campo semántico da luz, á textualidade impresa dos libros literalmente abertos, aos alfabetos da cor, á gramática das identidades antropomórficas… Son obxectos procedentes ás veces dunha incitación discursiva, dun pre-texto verbal. Noutras ocasións foi o diálogo dos corpos físicos, o parentesco de proximidade entre significados visuais, a clave organizativa da analoxía conceptual. Metáforas, símbolos, imaxes visionarias, alegorías, símiles … os recursos retóricos cos que se construíron os poemas deste volume pertencen ao campo dos chamados procedementos imaxinativos. Son os tropos da retórica literaria (clásica, moderna e contemporánea) que eu quixen trasladar ao espazo tridimensional. Alén da madeira, o ferro, o cristal ou o papel, o material básico destes obxectos é a Metáfora, ese invento, esa substancia prodixiosa que nos permite entregar vida acústica e visual ao diálogo de identidades que labran o texto do mundo.”

Santiago: participación de autores galegos no IBBY na xornada do venres 10 de setembro

Dentro das actividades para o venres 10 de setembro no 32º Congreso do IBBY que se celebra No Pazo de Congresos de Santiago, esta é a participación de autores galegos:
– 14:00 – 15:30 Sala Obradoiro: Mesa redonda Ilustración, ferramenta de representación de minorías, na que participa Miguelanxo Prado.
– 14:00 – 15:30 Sala Obradoiro: Mesa redonda As nenas: minoría ou maioría?, presentada por Marilar Aleixandre, coordinada por Julinda Abu-Nasr (Líbano), coa participación de Victoria Fernández, Mariasun Landa e Devika Rangachari (India)

Santiago: participación de autores galegos no IBBY na xornada do xoves 9 de setembro

Dentro das actividades para o xoves 9 de setembro no 32º Congreso do IBBY que se celebra No Pazo de Congresos de Santiago, esta é a participación de autoras galegas:
– 14:00 – 15:30. Sala Obradoiro: Panel de Centros de Promoción e Investigación da lectura. Presenta: Elisa Yuste Tuero (España), coordina Pedro C. Cerrillo (España). Participan: Carmen Barvo (Colombia), José António Gomes (Portugal), Gemma Lluch (España), Michèle Petit (Francia) e Blanca-Ana Roig.
– 16:00 – 17:30. Dentro das sesións de comunicacións na Sala 12 (tema: Xénero e opción sexual): A educación das nenas, os estudos feministas e a literatura infantil no Estado español: algunhas claves da súa vinculación en publicacións periódicas, por Montserrat Pena Presas.
– A partir das 18:00 horas procederase á entrega dos Diplomas da Lista de Honra do IBBY, nos que este ano son galardoados Agustín Fernández Paz, como autor, por O único que queda é o amor, e Ignacio Chao, como tradutor de A noite d’O Risón.