Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 (I)

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 tivo lugar o 25 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio da área de Cultura do Concello de Lugo, foi amenizado por Germán Díaz.

Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións fíxose na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebrou en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
No acto, conducido Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth, e Xosé Luís Freire, quen leu a laudatio de Pablo Quintana.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Apertura da Gala, por Antonio Reigosa e Lois Pérez:

Discurso da presidencia da AELG, por Cesáreo Sánchez:

Dorothé Schubarth e Pablo Quintana, mestres da memoria

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galicia en 1978 e recolleu durante cinco anos miles de cantigas populares. Compilounas e sistematizounas con criterios científicos no monumental Cancioneiro popular galego. Pablo Quintana, nado en Vilanova de Oscos (Asturias), é outro dos imprescindibles na transmisión da nosa música tradicional con traballos como Recolleita ou O cego andante. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Dorothé Schubarth: “O pulso do canto galego é como un péndulo”

Entrevista de Irene Pin a Dorothé Schubarth en Sermos Galiza:
“Entrevistamos Dorothé Schubarth (Basilea, 1944), co gallo da recollida do Premio Mestra da Memoria, outorgado pola AELG en Lugo. Musicóloga, compositora, editora e estudosa do Cancioneiro Popular Galego, publicado ao carón de Antón Santamarina. Unha obra imprescindíbel da lírica de tradición oral, que conta tamén con gravacións únicas agora auspiciadas polo Arquivo Sonoro de Galiza. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza. (…)
– Sermos Galiza (SG): De onde lle vén o interese pola música tradicional?
– Dorothé Schubarth (DS): De onde? Iso non o sei. Crieime con moita tradición, era o que había antes, moita consciencia da tradición.
– SG: E como veu dar a Galiza?
– DS: Sempre me preguntan iso. Podes ir a todos os sitios, o feito importante é quedar. Cheguei a Galiza de vacacións, pero fiquei porque me resultou moi interesante, máis que outras rexións. Por iso estou aquí. Ademais, atopei o apoio e a axuda de xente como Antón Santamarina, iso fai moito.
– SG: Desde a cátedra de harmonía e contrapunto da Academia de Música de Lucerna, desenvolveu pescudas sobre a música dos Balcáns e do Cáucaso. Presentan semellanzas coa galega?
– DS: Nesas rexións do bordo aparecen melodías moi sinxelas, digamos que primitivas, nun sentido de respecto pola palabra. Isto é bastante común nestes lugares, mentres en sitios do centro, onde hai máis evolución, mesmo unha tradición distinta como acontece coa música dos Alpes, non se atopan tan facilmente trazos unitarios. O que pasa é que moitas veces cadaquén quere ver o individual, o del, e esquecemos que estamos conectados dende antano.
– SG: A ordenación do Cancioneiro é fundamentalmente temática, mais ten sinalado que se volvese comezar non o faría do mesmo xeito. Que mudaría?
– DS: Iso sempre acontece, cando rematas un traballo desta envergadura pensas que poderías empezar de novo doutro xeito que che parece mellor. No caso do Cancioneiro, hai un problema de clasificación que xorde cando un canto pode estar en dúas categorías diferentes. Por exemplo, un canto de seitura pode ser un romance e un canto de labor. Que se pode facer con iso? Non teño solución para o problema. Loxicamente, unha vez rematado o traballo tes máis vista sobre o conxunto. Neste sentido, encaixa o que se fixo no sétimo volume, que practicamente constitúe un índice de melodías. Isto quere dicir que, como nun alfabeto, buscas un sistema para xuntar as melodías que son familiares, o que implica unha procura bastante intensa e metódica. Xa se fixo en cada volume e ao final elaborouse un que inclúe todas as melodías, pois vexo que para os que traballan na música é práctico. Se se entende o sistema, permite chegar a unha melodía e ver onde aparece, en distintas formas: como un canto de traballo, como unha copla, como un baile… pero é sempre a mesma. En realidade, é un pouco máis que un índice, mesmo dá algunha información a maiores, porén, debido á gran cantidade de datos que aparecen, igual esta dimensión non se percibe. O obxectivo era ser o máis fiel posíbel ao orixinal na transcrición musical da cantiga, mais tamén lingüísticamente, atendendo ás variantes dialectais.
– SG: Foi isto dificultoso sen dominar totalmente a lingua galega?
– DS: A transcrición faise ao pé da letra, tal como o dixeron as informantes. O sabio está alí [referíndose a Antón Santamarina], e tamén é unha posibilidade de ver as diferentes formas de falar.
– SG: Que método empregou para a catalogación?
– DS: As coplas puxéronse cada unha nunha ficha e as melodías tamén. Despois coloqueinas e no caso da música fixen dous sistemas e decidinme por un, pero copiei cada texto e experimentei con el. O primeiro de todo foi ver o número de versos, sen contar as repeticións, que non se teñen en consideración na música, por exemplo, cando o primeiro está repetido e logo veñen dous novos, ou ao revés. A este respecto hai moitas variantes. Para catalogar úsase en primeiro lugar o sistema básico, sen as variacións. Despois hai que prestar atención á melodía: se son poucas notas, se vai máis arriba, máis abaixo… Iso é outro parámetro. En resumo, dito isto, abárcase todo.
– SG: Estamos vivindo un proceso de recuperación, especialmente acentuado nos últimos anos, da música tradicional non só como folclore, senón como organismo vivo. Que papel pode xogar o Cancioneiro?
– DS: É difícil. Tampouco me preocupei moito do asunto, só observei que a dinámica do cancioneiro vai por aí. O problema durante moito tempo, aínda que agora vai diminuíndo, é que a xente só o mira de fóra, porque non sabe ler a música. O 90% lese ben, só algunhas pezas son complicadas, para min tamén. Mais cando a xente sabe un pouco de solfexo, xa de entrada fica estrañada porque non hai raias de separación de compás.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]”

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Elena Gallego Abad

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria con Elena Gallego Abad, celebrado o pasado 26 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotografías realizadas por Era Comunicación).

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Dores Tembrás

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Dores Tembrás, celebrado o pasado 26 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Ourense: “Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas”, con Jorge Campos

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), ten como obxectivo nesta quinta edición afondar no diálogo entre imaxe e texto e tamén en como a partir doutras expresións artísticas se configuran obras infantís.
Desenvolverase na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, todos os martes do mes de outubro, días 1, 8, 15, 22 e 29, sempre ás 18:00.

Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso). Inscrición, gratuíta, en imocino@gmail.com.
Entrada libre.

Este é o programa:

29 de outubro
Jorge Campos
Explorando narrativas alternativas.

Escola de Escritoræs. Obradoiro Poéticas rebeldes: poesía infantil e xuvenil, con Fran Alonso, en Pontevedra

O Obradoiro Poéticas rebeldes: poesía infantil e xuvenil é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra. Será impartido por Fran Alonso, cunha sesión especial de Carlos Negro.

A poesía infantil e xuvenil conxuga a súa capacidade para seducir desde a lectura coa maxia da palabra, coa súa enorme disposición para o xogo e a súa vocación rebelde e subversiva. Sen dúbida, é un xénero, cheo de forza e de futuro. Nese curso coñeceremos e escribiremos poesía infantil e xuvenil penetrando nos seus segredos, mergullándonos nas súas formas, nos temas, nas voces ou nos silencios. Exploraremos a súa relación coa música, coa ilustración, coa oralidade e coa arte, sen esquecer os mecanismos para saber transmitila e os camiños que levan á súa publicación.

Terá 8 sesións de dúas horas cada unha.

Calendario e inscrición
– Haberá oito sesións de dúas horas de duración cada unha, os días: venres 25 e xoves 31 de outubro; venres 8, 15 e 22 de novembro, xoves 28 de novembro; xoves 5 de decembro e venres 13 de decembro de 2019.
– Horarios: de 18:30 a 20:30.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición, gratuíta, no correo electrónico oficina@aelg.org.
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019: Elena Gallego Abad, o 26 de outubro

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Todos os Paseos comezarán ás 11:30 h.
Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.

Sábado 26 de outubro
Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella.
Con Elena Gallego Abad.

Lugo: XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú

A XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

Sempre existiu unha literatura oral pensada para cantar, adaptable a melodías en función do uso social. Desde os cantos de traballo aos festivos, os de Entroido ou os propios do Nadal, os das romaxes ou os romanceados con historias tráxicas ou cómicas.
Con Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú pretendemos conectar esas dúas realidades creativas, contextualizando temas, usos e supervivencia destas manifestacións.

Para recuperar pero, sobre todo, para actualizar ese saber herdado, nesta duodécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral tentamos, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas/os especialistas na materia, propoñer unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular.

Inscrición 
Está solicitada a homologación ante a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional por 8 horas, e a matrícula é preferente para socios/as da AELG e da AS-PG (por orde de inscrición).

Hai dúas modalidades de inscrición:
1. Para o profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario, a matrícula, gratuíta, farase desde o 3 de outubro até o 24 de outubro a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega. Máis detalles sobre a Xornada, aquí.
2. Para as persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG desde o 3 de outubro até o 24 de outubro a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.30), e a Asociación de Escritoras e Escritores emitirálles un diploma acreditativo de asistencia.

Programa
10:15 Recepción, entrega de material e inauguración
10:30-11:30 Conferencia: O romanceiro tradicional e a cultura galega: identidade, língua e normalização
José Luís Forneiro
11:30-12:30 Conferencia: O romance tradicional; relación entre texto e melodía.
Dorothé Schubarth
12:30-14:00 Mesa redonda: Romances con rima e melodía. Supervivencia do xénero
José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth
Coordina: Antonio Reigosa
16:00-17:00 Conferencia: Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú
Xurxo Souto Eiroa
17:00-18:00 Conferencia: A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa
Branca Villares Naveira
18:00-19:30 Mesa redonda: Os camiños incertos da canción. Lingua e música popular no século da globalización
Xurxo Souto Eiroa e Branca Villares Naveira
Coordina: Lois Pérez
19:30-20:30 Sesión práctica: Transmisión oral na música tradicional no século XXI: A Tradescola de Lugo e a Asociación de Gaiteiros Galegos
Interveñen alumnado e profesorado da Tradescola, Escola de Música Tradicional (Lugo)

Denominación da actividade: XII Xornada de Literatura de Tradición Oral
Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú.

Modalidade formativa: Curso
Data de realización: 26 de outubro de 2019
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 e tarde de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8, 27001, Lugo)
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula, se procede: Gratuíta
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na www.as-pg.gal, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», ten sede na capital lucense, e terá lugar no seu Centro Cultural Vello Cárcere (Av. Alcalde Anxo López Pérez, 34 –como chegar) ás 19.00 do día 25 de outubro de 2019.
Contará coa participación musical de Germán Díaz.

En 2016 tivo lugar a primeira Gala dos Premios “Mestras e Mestres da Memoria”, unha distinción creada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG no ano 2013 que antes se entregaba na Gala das Letras da AELG. Creouse así a específica «Gala dos Premios Mestras/es da Memoria», coa que a AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral.

Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións farase na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebra en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo. Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana recibirán os diplomas que os acreditan como Mestra e Mestre da Memoria, previa lectura das laudatios correspondentes a cada unha/un delas/es, a cargo respectivamente de Antón Santamarina e Xosé Luís Freire.

MESTRA DA MEMORIA 2019: DOROTHÉ SCHUBARTH
youtube, Premios Martín Códax da MúsicaYou Tube, Premios Martín Códax da Música
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.

MESTRE DA MEMORIA 2019: PABLO QUINTANA LÓPEZ
Canela Producións
Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos…, arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo.
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en vídeo industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en  Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.