Manifesto da AELG en conmemoración do Día de Rosalía

NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
por Teresa Moure

Noutro 24 de febreiro nacías, Rosalía, no Camiño Novo, nas inmediacións de Santiago de Compostela, a poucos quilómetros de onde se escribe esta lembranza. Hoxe celebramos o teu nacemento unicamente por termos así un punto de referencia para te homenaxearmos porque, para actuarmos con propiedade, deberiamos celebrar o día en que escribiches tal ou cal poema, o día en que decidías dar ao prelo o poemario inaugural do primeiro Renacemento, o día en que remataches o prólogo de Follas Novas, ou tantos outros días decisivos para a escrita en galego cuxa data exacta descoñecemos e que, daquela, non podemos conmemorar.

Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país -o país “en que me eu criei”, como ti dirías-, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo e dos moitos cambios que operaron no mundo. Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquinas. Con toda seguranza, celebrarías o progreso económico, que nos libra de ver por toda a parte, como ti viches, a miseria e os padecementos dunha sociedade empobrecida que queremos deixar atrás, aínda que seguramente o teu ollar, atento aos detalles, se decataría con precisión de que o luxo consumista en que nos bambeamos non ten nada a ver coa xustiza nin abrangue toda a poboación. Porque ti, Rosalía, non escribías poemas para exercer de delicada nin de dama triste e mexeriqueira, senón coa intención de condensares na escrita a forza revolucionaria que levan as palabras dentro. “Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres”, escribiches hai case cento trinta anos e, con todos os matices que cumpra introducir, este texto segue a nos conmover pola reivindicación das clases traballadoras e da situación especial das mulleres. Non importa se os labregos e mariñeiros non representan xa a maioría dos galegos porque a preocupación social dos teus versos podería aplicarse por igual ás masas proletarias, separadas da sociedade do benestar por marxinación social ou desemprego, e se nos teus poemas os mozos labregos emigran á Habana, na actualidade marchan a Canarias ou xogan a seren cidadáns de ningures nun sistema capitalista que non sabe de patrias.

Se puideses saber como vén sendo interpretada a túa obra, -como punto de arranque, como peza chave, como exemplo dunha rara lucidez-, ti que non fuches vaidosa, descansarías en paz. Aínda que para iso habería que evitarche o coñecemento de seres tamén malinterpretada, manipulada e lida en certos círculos, sobre todo fóra da Galiza, como soñadora melancólica, como intimista romántica, todo por teres dedicado algúns poemas á infinita dor da existencia, o que parece convertelos en material máis doce, menos atrevido que a maioría da túa escrita. Sen dúbida, fuches tan adiantada ao teu tempo que militaches en causas que aínda non se recoñecían como tales, nin tiñan quen as defendese. Así se explica que o que hoxe chamamos violencia de xénero e aparece nos medios de comunicación como un asunto actual, como un problema acabado de detectar, estivese xa naqueles versos de Follas novas: “Que hai uns negros amores de índole pezoñenta/ que privan os espritos, que turban as concencias,/ que morden si acariñan, que cando miran queiman,/ que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan./ Máis val morrer de friaxen/ que quentarse á súa fogueira”. Seguro que se vivises hoxe entre nós os seminaristas volvían apedrear as túas xanelas, aínda que se cadra só te insultaban por blogue: as formas poden variar mais, con toda probabilidade, seguirías estando nas barricadas. Por iso o pouso da túa obra fica ao fondo. Por iso, neste día de homenaxe, sobre todas as cuestións que espertaron o teu interese, quizais deberiamos atender especialmente o teu compromiso coa lingua. “As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles” porque hoxe eses versos son xa accesíbeis a quen os causou. Nunca na historia precedente tivemos a totalidade da poboación alfabetizada e coa posibilidade de frecuentar libros (de os sobar, de os ler, de os aprender, de os adquirir, de os comentar, de se impregnar deles). Daquela estamos xa na época en que as multitudes dos nosos campos poden coñecer sen mediadores o que ti dixeches só en certa forma para elas. Mais esta situación feliz foi producirse nunha época en que todo vai ás présas. Ti dicías que dez anos son moitos a xulgar pola présa con que hoxe se vive e nin te imaxinabas canto máis apurado se pode andar, como andamos agora, correndo sen sabermos onde nin detrás de que. Porque cando tiñamos todo para nos envolvermos como sarillo na historia pasada e comezar a florecer, os ánimos afrouxan. Dixéronnos que o mundo era todo igual e que se expresaba en inglés e moitos acreditan en tal desatino, volvendo as costas ao que é de seu e soñando con vestiren coma outros, con falaren coma outros, con seren coma outros… E como non sería cousa de chamares as xentes á guerra para logo desertar da bandeira que ti mesma levantaras, Rosalía, se estiveres entre nós, estarás en aberta oposición aos sectores da sociedade que reclaman a súa liberdade a non seren galegos, a non se construíren como tales. Como tantos libros enganosos, que só din medias verdades, contan que eras unha dama do XIX, de non fitarmos en profundidade, podemos esquecer que eras -e es, que a túa obra vive- unha activista comprometida, que non andabas con florituras nin escribías de pombas e flores por teres alma de muller, que o teu compromiso coa nación e coa lingua foi tan alto que todo o que tivo un eco por leve que fose, con tal que chegase a te conmover, todo isto ousaches cantar para declarar perante os que sen razón nin coñecemento ningún nos desprezan “que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que […] demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que se pode facer dunha provincia a outra provincia irmá por probe que esta sexa”. Contigo aprendemos a ser elos dunha cadea, a non renegarmos, a recoñecermos que só sendo galegas e galegos podemos ser universais. Que o peso da terra sexa leve, compañeira!

Nova xunta directiva da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, na súa Asemblea Anual de Socios e Socias celebrada o pasado sábado 7 de febreiro de 2009 no salón de actos do CGAC, aprobou a renovación da xunta directiva, que no sucesivo estará formada por:

Cesáreo Sánchez, presidente
Antía Otero, vicepresidenta
Mercedes Queixas, secretaria xeral
Antonio Reigosa, vogal Lugo, responsable da sección de Literatura Oral
Isidro Novo, vogal Lugo
Xerardo Méndez, vogal Ourense
Francisco Castro, vogal Pontevedra-Vigo
Elvira Riveiro, vogal Pontevedra-Vigo
Francisco Souto, vogal A Coruña
Carlos Quiroga, vogal relacións Lusofonía
Xavier Queipo, vogal Área Internacional

Máis información: resumo das resolucións da Asemblea anual da AELG.

Asemblea anual de socios e socias da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrará a Asemblea Anual de Socios e Socias o vindeiro sábado 7 de febreiro de 2009, ás 11,00 horas en primeira convocatoria, e ás 11,15 horas en segunda convocatoria, no Salón de Actos do Centro Galego de Arte Contemporánea, para tratar os seguintes puntos da orde do día:

1. Aprobación da acta anterior.
2. Informe económico e de actividades do ano 2008
3. Proposta de renovación da xunta directiva
4. Proposta de actividades para o ano 2009
5. Rogos e preguntas

I Encontro de escritores “Cidade da Coruña”: narrativa con memoria histórica

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/PXqSI4drgX0" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

Este é un vídeo do acontecido na Casa Casares Quiroga da Coruña o 18 de xullo de 2008 dentro do I Encontro Cidade da Coruña. Publicado por Tati Mancebo no blogue O levantador de minas.

Homenaxe “O Escritor na súa Terra”: a Aelg entregará a “Letra E” a XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR

Os actos de homenaxe, que nos levarán á Terra de Melide, terán lugar o sábado 7 de xuño, a partir das 11:30 da mañá e conforme o programa de actos que se pode ver aquí.

Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” á AS-PG

Debido a obrigas profesionais inaprazábeis por parte da organización, participantes e asistentes, a Aelg vese na inevitábel obriga de adiar para o SÁBADO DÍA 12 DE ABRIL a Homenaxe “Os Bos e Xenerosos” que se lle ía ofrecer á Asociación Socio-Pedagóxica Galega o 29 de marzo próximo.
Por tanto, o acto de recoñecemento público desenvolverase co mesmo programa o SÁBADO 12 de ABRIL, a partir das 11:45 da mañá, no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (Rúa Valle Inclán, s/n).
Desta maneira, alárgase tamén o prazo para se apuntar para o xantar de confraternidade que que compartiremos no restaurante do Hotel Porta do Camiño (Rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n), a partir das 14:30. Podedes confirmar a vosa asistencia ata o 8 de abril en oficina@aelg.org ou no
teléfono 981 133 233, de 09:00 a 14:30 ou de 17:00 a 20:00. O prezo do menú, que se pagará no propio restaurante, será de 28€.

AELG xestiona a entrega á RAG de documentos literarios dos socios

Recollemos do Blogomillo un vídeo sobre un acto anteriormente anunciado nesta Axenda Cultural (vía O levantador de minas).

[kml_flashembed movie="http://video.google.com/googleplayer.swf?docId=3425040007684545343&hl=es" width="320" height="240"/]

POLAFÍAS, un proxecto da AELG e a D.X. de Creación e Difusión Cultural

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e coa colaboración de diversas asociacións locais.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, serán os veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas. O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG.
As polafías terán unha duración de entre 70-80 minutos. Para este ano 2007 vanse desenvolver ao longo do mes de novembro e decembro nos lugares e datas que relacionamos [no programa]. (AELG)

Marica Campo na Universidade da Coruña

No marco do Escritores-as na Universidade: II Ciclo de Conferencias, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo, achegan á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar unha extraordinaria pléiade de escritores e escritoras das nosas letras.
Na Universidade da Coruña (Facultade de Filoloxía, Campus da Zapateira) o 13 de novembro (12:30 horas) contarase coa presenza de Marica Campo.

Mañá terá lugar en Santiago a I Xornada da Crítica Galega

Mañá, 21 de setembro, nas instalacións do Consello da Cultura Galega, terá lugar a I Xornada da Crítica Galega.
«A I Xornada da Crítica Galega, unha iniciativa que a Aelg, a través da súa Sección de Crítica, bota a andar este ano coa colaboración do Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear un foro de reflexión sobre a crítica literaria, tan importante para a normalización do noso sistema literario.
Foi concibida como un primeiro encontro entre profesionais diversos do mundo da crítica para iniciar unha reflexión acerca da situación da crítica literaria en Galicia nas súas diferentes manifestacións.
Esta primeira Xornada, dirixida a todas aquelas persoas relacionadas co mundo da crítica literaria e cos escritores en xeral, quere ter en conta a actividade crítica que se está a desenvolver hoxe no marco peninsular, e para iso contará con representantes da crítica galega, catalá, vasca, española e portuguesa.
O encontro ten ademais como obxectivo crear un foro de debate sobre a crítica literaria galega que reúna todas aquelas persoas que a estean a exercer nos diferentes ámbitos, para debateren os seus principais problemas e acadar un maior grao de recoñecemento e profesionalización das súas actividades.
Desenvolverase nas instalacións do Consello, no 2º andar do Pazo de Raxoi (Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela)». (Asociación de Escritores en Lingua Galega)