Asemblea xeral ordinaria de socios e socias da AELG

Mañá sábado 23 de xaneiro de 2010, ás 12,00 horas en primeira convocatoria, 12,15 horas en segunda convocatoria, a Asociación de Escritores en Lingua Galega vai celebrar Asemblea Xeral Ordinaria, no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego de Compostela, para tratar os seguintes puntos da orde do día:

1. Aprobación da acta anterior
2. Informe económico e de actividades do ano 2009
3. Proposta de actividades para o ano 2010.
4. Rogos e preguntas

A AELG apoia o paro xeral no ensino do vindeiro xoves 21 de xaneiro

Perante as medidas involucionistas que o actual goberno da Xunta de Galiza vén pondo en marcha cara á lingua galega, idioma propio e oficial do noso país, creado senlleiramente pola sociedade galega ao longo da súa xa milenaria historia, que está a materializarse, por unha banda, na anulación de dereitos legais de recoñecemento administrativo da súa competencia e uso e, por outra, na forzada involución no proceso normalizador da súa aprendizaxe dentro do ámbito educativo, ignorando voces e argumentos dos especialistas da educación, da pedagoxía e dos profesionais do ensino, a AELG fai un chamamento á comunidade educativa galega, ao igual que os máis de 600 colectivos que constitúen a plataforma Queremos Galego, a apoiar o paro xeral no ensino do vindeiro xoves 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

Subscribimos, máis unha vez, os pronunciamentos anteriores públicos realizados pola AELG en relación á lingua de noso, ferramenta clave e nuclear da creación literaria, sexa ficcional ou non, na medida en que, desde a autoridade educativa e no exercicio das súas competencias e responsabilidades gobernativas, é preciso asegurar a competencia en lingua galega dos nenos e nenas desde a escola, como garante do desenvolvemento das habilidades lingüísticas que doten a infancia e a mocidade das destrezas básicas: comprender, falar, ler e escribir. Porque só desde o coñecemento amplo e sen prexuízos é posíbel entender un mundo habitado e pensado desde a biodiversidade real, lingüística e cultural, que debe medrar necesariamente desde o manexo das claves do respecto interpersoal.

A AELG convida aos escritores e escritoras a divulgar e facer pública a súa adhesión persoal a este pronunciamento colectivo nos diversos foros de comunicación en que como tal participa e asistir, na medida das súas posibilidades, á manifestación convocada na Alameda, en Santiago de Compostela, o día 21 de xaneiro, ás 11:30h.

Participación da AELG na AchegArte (fotos)

A presenza da Asociación de Escritores en Lingua Galega foi tan relevante ao menos como na pasada edición do Cultur.gal. Este ano, ademais de atender un stand propio durante os dous días de feira, foron gravadas 22 socias e socios a falaren da súa máis recente actividade e participaron na lectura literaria organizada pola Asociación por volta de 35 persoas, con importante afluencia de público.

AELGAchegArte [Mercedes Queixas no stand da AELG. A foto é de Alfredo Ferreiro]

AELGAchegArte2[Alfredo Ferreiro, Cesáreo Sánchez e Xabier P. Docampo. A foto é de Antonio Iglesias]

img_6521[Público da actividade “Lecturas compartidas”. O público foi abondoso en todas as intervencións, realizadas desde a parte oculta do sofá da foto. A foto é de Ghanito]

Oleiros acollerá o IV Encontro de Novos Escritores

«Eu ou nós? é o lema do IV Encontro de Novos Escritores que se celebrará no Castelo de Santa Cruz, Oleiros, os vindeiros días 20 e 21 de novembro. A iniciativa, desenvolvida pola Asociación de Escritores, analizará cuestións coma a literatura (auto)referenciada, a autoedición, a presenza da patria na creación ou os últimos movementos na poesía. Como novidade, desta volta a organización creou un blog no que os diferentes participantes adiantan as súas intervencións no evento na forma de videos e doutros contidos.» (culturagalega.org)

EU OU NÓS? ~ IV Encontro de nov@s escritor@s

Do 20 ao 21 de novembro celebrarase en Sta. Cruz, Oleiros (A Coruña), o Encontro de novas/os escritoras/es a que anualmente a AELG se vén comprometendo. Este evento máis unha vez será un espazo para o diálogo sobre os camiños que as novas letras galegas están a tomar na escena do noso sistema literario.

Mais nesta ocasión a Asociación quixo asumir as potencialidades que as tecnoloxías da información poñen ao dispor da cidadanía para tentar multiplicar as posibilidades de diálogo así como a divulgación dos asuntos a debate.

Deste modo, o Encontro presencial que terá lugar no Castelo de Santa Cruz está a ser prologado por un blogue específico en que as/os relatoras/es adiantan as súas teses mediante documentos dixitalizados, visuais e audiovisuais. Estes contidos preliminares, disponíbeis desde xa no blogue “EU OU NÓS? IV Encontro de nov@s escritor@s”, anticipan as materias que serán tratadas nas mesas de traballo (ver programa) e favorecen a eficacia da reflexión, á que se convida toda persoa interesada na literatura galega.

Galeusca 2009: conclusións

Na sesión de clausura do GALEUSCA 2009, Cesáreo Sánchez Iglesias leu as seguintes conclusións:

«Os escritores galegos, cataláns e vascos, reunidos en Arantzazu do 9 ao 12 de outubro de 2009, baixo o lema “Hizkuntza txikiak, erronka handiak, Petites literatures, grans desafiaments, Literaturas minorizadas, grandes desafíos”, tras os debates correspondentes, adoptaron as seguintes conclusións:

1. Realizar as adecuacións necesarias ao desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vocalías, unha en cada asociación, encargadas de:

a) Profundar e implementar os contidos propios da Federación Galeusca, así como preparar a asemblea anual, na que se realizará o balance das actividades realizadas, recollido no correspondente informe de xestión.

b) Asegurar o debate e o posicionamento público a respecto das iniciativas que positiva ou negativamente inflúan no desenvolvemento das respectivas culturas nacionais.

c) Desenvolver durante todo o ano actividades conxuntas de interese profesional de acordo co plan de actividades de cada unha das asociacións.

2. Avanzar nos temas de propiedade intelectual e dereitos profesionais nos seguintes aspectos:

a) Valorar como moi positivos os novos contratos tipo pactados entre as asociación de escritores e o gremio de editores cataláns, recomendando a súa difusión e utilización futura.

b) Incidir conxuntamente nos traballos da subcomisión parlamentar que estuda a revisión da Lei de Propiedade Intelectual.

c) Propor tamén a actuación, como Federación e a través de European Writers’ Council, nos debates sobre lexislación e directivas europeas de propiedade intelectual, en especial as relacionadas co ámbito dixital, libro electrónico, novos formatos, etc.

Así mesmo, a Federación Galeusca, na súa defensa da liberdade de expresión, ante a próxima celebración do xuízo oral contra a dirección de Euskaldunon Egunkaria, quere facer chegar a súa solidariedade aos imputados e facer pública a súa esixencia de arquivo da causa.

Apoiamos as mobilizacións que se van celebrar en Galiza, Euskadi e Países Cataláns na defensa dos dereitos lingüísticos. Neste sentido, mostramos o noso total desacordo coas accións regresivas respecto á normalización lingüística adoptadas polo actual goberno galego.

Finalmente, a Federación Galeusca, no exercicio rotatorio da presidencia, comunica que Guillem Jordi Graells (Presidente de AELC) é relevado por Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente de AELG), quen organizará o próximo encontro anual desta Federación.»

Hoxe en Compostela: Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Ante a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do Estatuto que lle dá sentido, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, tras pulsar o sentir dos seus asociados/as, promoveu a creación do comunicado que se xunta e que será lido en acto público hoxe, 24 de xullo, ás 17:00, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.

A Aelg prega encarecidamente a asistencia a este acto co que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores/as asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida desde o Rexurdimento, e que traballan e loitan diariamente por normalizar e engrandecer un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio tamén da humanidade.

Lea o texto do manifesto na páxina da AELG.

A AELG, novo membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ven de ser confirmada como membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L. (Confederación de Escritores Europeos – Federación de Asociacións Europeas de Escritores), na Asemblea Xeral que tivo lugar o pasado 21 de xuño de 2009 en Marsella. EWC-FAEE A.I.S.B.L. son proxectos financiados con apoio da Comisión Europea.

Xunto coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, ingresaron na EWC-FAEE A.I.S.B.L. a Asociación Europea de Escritores “Die KOGGE e. V. de Alemaña; a Asociación de Escritores Daneses, de Dinamarca; a Unión de Escritores Bielorrusos, de Bielorrusia; a Asociación de Escritores Eslovenos, de Eslovenia, e a Academia da Lingua Maltesa, de Malta.