Desde
o Portal Galego da Língua:
“A 24 de fevereiro, no Dia de Rosalia de Castro, que nasceu no mesmo dia deste mês em 1837 no Caminho Novo, um conhecido arrabalde de Santiago de Compostela, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) dará a conhecer o poema mais gostado dentre os 16 que serám lançados em 18 vídeos através do Youtube e das redes sociais ao longo dos dias 22 e 23.
Nos vídeos, diferentes pessoas da Galiza, Portugal, Brasil e Angola ponhem a sua voz a diferentes poemas escolhidos polas mesmas entre os publicados nos livros Cantares Galegos (1863) e Folhas Novas (1880). As vozes som acompanhadas com legendas da versom original desses poemas. A AGAL pretende assim fazer ver como a unidade da língua galego-portuguesa está por cima de momentos históricos, sotaques e ortografias. A obra em galego de Rosalia é lusófona, é mundial.
Da Galiza, participam na leitura dos poemas a blogueira Carme Saborido, o realizador e editor Rafa Janeiro, o escritor Carlos Quiroga e as escritoras Maria do Cebreiro, Susana Arins e Andrea Nunes.
De Portugal, declama o diretor de fotografia Carlos Mendes Pereira, o fadista Eduardo Monteiro e o figueirense João Roque.
A participaçom africana, de Angola, chega pola mao do luandense Joaquim Domingos Manaça. O Brasil é, no entanto, o país que mais contributos enviou de escritores e outros admiradores da poetisa galega: o leitor da USC Márlio Barcelos, a produtora Amanda Prado e o conhecido escritor Michel Yakini, para além de Wellington Freire Machado, da universidade Federal do Rio Grande do Sul. Ainda, recebemos os contributos de Salan Fernández (de São Bernardo do Campo) e de três campineiros: Fernando Fagner, a cantora Martina Marana, o poeta Vítor Queiroz.
Animamos-te a participar na votaçom para escolher o melhor poema, ou a melhor leitura, que será anunciado no dia 24. Basta clicares em ‘gosto’ no vídeo de Youtube da tua preferência. (…)” Sigue lendo
Arquivo da categoría: Audiovisual
A Coruña: proxección da curtametraxe Na outra beira das augas grandes (1982-2015), de Xabier P. DoCampo
Xabier P. DoCampo estrea no CGAI un filme que rodou hai 33 anos
Desde
Sermos Galiza:
“Este sábado no CGAI da Coruña proxéctase a curtametraxe Na outra beira das augas grandes, que o escritor Xabier P. DoCampo rodou hai 33 anos para un curso de cinema e que agora vén de recuperar e reescribir a historia.
O pase do filme será o sábado 20 ás 18 horas e incluirá unha conversa posterior co escritor, aquí no rol de director e guionista. A fita foi estreada no pasado Culturgal, cando Docampo sorprendía a propios e estraños dando a luz un filme que rodou hai case 44 anos na Costa da Morte. Titúlase Na outra beira das augas grandes e é unha adaptación dunha lenda dos Pés Negros americanos que lle pareceu ao autor “unha marabillosa metáfora desa emigración galega, eses homes e mulleres que foron buscar a vida á outra beira do océano”.
“Isto nace da miña paixón por contar historias e por que mas conten”, explica Docampo. “Eu amo o feito marabilloso de contar historias, non é que non me importe o medio polo que se contan, pero persigo por riba de todo a fascinación que asolaga a miña alma ao aprehender a emoción dunha historia ben contada. E iso é o que pretendín con Na outra beira das augas grandes”.
A orixe da fita remóntase a 1981, cando Docampo, xunto con outros compañeiros, participaron nun curso de cinema e, como parte del, tiñan que rodar un filme. El, como non podía ser doutra maneira, teimou en facer un guión para nenos e nenas que foi seleccionado e comezou a gravación en diversos lugares da Costa da Morte tendo como protagonistas aos actores Miguel Pernas e Maruchi Olmo. Sen embargo, os cartos rematáronse e aquela fita gardouse nun armario “coa condición de que o montaría cando tivese posibles, pero nunca os tiven e alí ficou durante case 33 anos”. Sigue lendo
Vídeo do recital Mondoñedo é Poesía – As Quendas 2015
Vídeo da presentación de dous poemarios de Xoán Xosé Fernández Abella e dunha exposición pictórica de Baldo Ramos en Vilalba
Carlos Seijo: “Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas”
Entrevista
de Montse Dopico a Carlos Seijo en Praza:
“Xosé Neira Vilas foi entrevistado moitas veces na súa casa de Gres. E non era difícil xa non empatizar con el, senón ficar prendado da súa xenerosidade. Mais o equipo do documental O espantallo amigo, dirixido por Carlos Seijo, quixo ir máis alá. Captar, nunha metáfora, a “esencia” do personaxe ou, máis ben, do creador e da persoa. E atopárona nun espantallo que quere ser amigo de todo o mundo. Tamén dos animais que van comer as froitas das árbores. E que quere, sempre, ser útil aos demais.
– Praza (P): Foi iniciativa de Neira Vilas ou vosa?
– Carlos Seijo (CS): O proxecto xurdiu un pouco da convivencia con el, do encontro con el, que partira da iniciativa de xente da súa contorna. Nun principio a idea era gravalo e entrevistalo. Pero xa estando con el o que tentamos foi buscar a súa esencia. Xa tiña moitas entrevistas feitas na súa casa, polo que o que nós queriamos era iso: buscar a esencia de Neira Vilas. Que non é fácil, porque é unha persoa cun gran percorrido vital e creativo. Así que, como capturar a esencia de alguén tan inmenso? Pensamos que coa metáfora. E repasando a súa bibliografía reparamos en Espantallo amigo, porque detrás dese personaxe está Neira Vilas. É un personaxe que está por enriba do seu dogma, que é escorrentar os animais. É un espantallo conciliador, amigo de todos os animais. Pois así era Neira Vilas. Unha persoa amiga de todo o mundo, por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: Iso pode ter máis lecturas. Coma moitos outros emigrantes que fixeran moito pola cultura galega, volveu a Galicia sen nada. Outros tiveron menos sorte e pasárono realmente mal, porque este país é así e ninguén lles botou unha man.
– CS: Penso que niso foi elemental o seu don de xentes. El tiña esa capacidade de ser amigo de todo o mundo. O que teño claro é que tivo o control da súa vida en cada momento. El chamábame para dicirme que podía facer tal cousa ou tal outra no documental… Os artistas moitas veces teñen a tendencia a recollerse na súa esfera de creatividade e esquecer o demais, pero el non. E claro que existe esa historia negra do artista que quedou sen nada. Pero non era o seu caso por esa capacidade que tiña. El estivera en Cuba e participara da revolución, pero aquí tiña moi bos amigos que eran alcaldes do PP… Neira Vilas era amigo de todo o mundo por enriba dos seus dogmas. (…)
– P: “En galego síntome libre”, di.
– CS: Gústame esa parte. Di iso e abre as mans. E nós poñemos despois o espantallo cos brazos abertos. Quedou moi coreográfico… O galego é a súa lingua nai, algo nuclear para el. Emigrou pero mantivo un vínculo fortísimo coa lingua. Nunca deixou de lado o galego, pois seguiu sendo o centro da súa creación. (…)”

