Intervención de Agustín Fernández Paz na homenaxe dos Equipos de Normalización Lingüística

Intervención de Agustín Fernández Paz na homenaxe que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino lle renderon no transcurso do acto 1991-2011. Vinte anos dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, celebrado no Museo do Pobo Galego o 4 de xuño de 2011.

Santiago: presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O mércores 22 de xuño, ás 20:30 horas, no hotel AC Palacio do Carme de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación audiovisual de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Ángel de la Cruz e Víctor F. Freixanes.

Santiago: recital poético Expulsadas do Parnaso

O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Rúa Manuel Beiras, 3) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Expulsadas do Parnaso, coa participación de Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candogas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña, Dores Tembrás, Raquel Rei e Teófila Noemí Ruiz. Segundo comentan os seus promotores: “Poetas de diferentes xeracións e estéticas reúnense co público nunha escoita e espazo non convencionais. Voz, xesto e audiovisuais achegarán a obra destas mulleres que comparten a palabra como canle para dicir pero de xeitos moi diversos”. O acto enmárcase nas xornadas Que ves cando me ves?, que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadanía. As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central, entre as 11:00 e as 14:30 h., nunha carpa na praza Roxa de Santiago onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público. Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.

Santiago: Leccións de cousas, de Antón Reixa

O venres 17 de xuño, ás 20:00 h., no Centro Galego de Arte Contemporánea (Rúa Ramón del Valle-Inclán, s/n.) de Santiago de Compostela, Antón Reixa exporá un conxunto de oito videoinstalacións inéditas, nas que a imaxe, a palabra e a performance se entrecruzan para afirmar un territorio neodadaísta onde a irrisión, o comentario político e social, e unha especie de melancolía existencial se mesturan produtivamente. Ademais, no Auditorio do CGAC, poderase revisar unha selección das súas intervencións máis relevantes dos últimos trinta anos no universo audiovisual. Crónica posterior en Galicia Hoxe.