Ferrol: proxección do documental Entre línguas

«O venres 11 de xuño ás 20:30 horas, no Auditorio do Ateneo Ferrolán, proxectarase o documental Entre Línguas. Este documental, ten directores e equipo integramente galegos e é un estudio filolóxico que mostra como en distintas zonas fronteirizas, nas que o portugués conflúe co español, estes entrelázanse e dan como resultado dialectos que son utilizados día a día pola poboación local e que son claramente similares ao galego que utilizamos actualmente en Galicia. (Ateneo Ferrolán)

A Coruña: homenaxe internacional da cineasta Isabel Coixet a John Berger

É unha exposición e unha homenaxe internacional da cineasta Isabel Coixet a John Berger. A partir do libro de John Berger From A to X, no que unha muller escribe cartas ao seu marido preso, Isabel Coixet crea unha instalación coa colaboración da arquitecta Benedetta Tagliabue e a complicidade dalgunhas das actrices máis importantes do cinema actual. A instalación mergúllanos nunha atmosfera envolvente onde a luz e o son lévannos sucesivamente polas distintas cartas do libro, que son lidas por prestixiosas actrices e artistas, como Monica Bellucci, Sophie Cale, Patricia Clarkson, Penélope Cruz, Julie Delpy, Isabelle Huppert, Maria de Medeiros, Sarah Polley, Tacha Swinton e Leonor Watling. Paralelamente poderán verse os retratos fotográficos que Isabel Coixet fixo durante a gravación das lecturas e unha entrevista filmada por ela a John Berger.

A inauguración ás 20:00 do 10 de xuño no antigo Cárcere Provincial. Até o 11 de xullo.

Concurso Biblio-Clip

Realización de curtas (dun máximo de 35 segundos) inspirados nas bibliotecas e na lectura. Prazo de envío das produccións: do 17 de maio ata o 01 de setembro. Publicación da persoa gañadora e dous finalistas: a partires do 1 de outubro do 2010. Entrega de premios: 24 de outubro do 2010. Consulta as bases aquí.

As Bibliotecas Municipais da Coruña convocan o concurso de BIBLIOCLIPS para amosar o feito lector entre os cidadáns cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas. O concurso consiste na realización dun Spot Publicitario dunha duración máxima de 35 segundos de visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados.

Proxección do documental Entre linguas

A proxección de Entre Linguas (2010), de João Aveledo, Eduardo Maragoto e Vanessa Vila Verde terá lugar o mércores 26 de maio, ás 20:30 no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MACUF, Avda. de Arteixo, 171). Presentará o documental Vanesa Vila Verde.
Ao longo da fronteira con Portugal existen cinco territorios que por diversas circunstancias históricas, e distintos feitos políticos, quedaron ao lado español da fronteira. Isto provocou que, nas provincias de Zamora, Salamanca, Cáceres e Badajoz, certas aldeas, e ata concellos enteiros, conservasen uns dialectos que, a pesar da falta de contacto co resto de variantes galegoportuguesas, conserven un enorme parecido con estas e en particular co galego falado actualmente en Galicia. O contacto destas linguas co español estará sen dúbida por detrás deste fenómeno.

Presentación do DVD Canto de Permanencia, homenaxe a Uxío Novoneyra

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convida para a presentación do DVD Canto de Permanencia, homaxe a Uxío Novoneyra. O acto terá lugar o próximo xoves día 15 de abril ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Contaremos coa actuación de Uxía Senlle sobre poemas de Novoneyra. A entrada é de balde até completar aforo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W5o68_rEq_8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Canto de permanencia é un documental creativo e obra experimental sobre unha selección de poemas dos libros Poemas Caligráficos, Os eidos, Do Courel a Compostela, Poemas da doada certeza e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. O documental combina os textos con imaxes do Courel, símbólicas na poesía de Novoneyra, e outras recreadas en estudio.
O guión pretende construír unha liña argumental na que o devir do tempo se referencia no paso das catro estacións, precedidas dunha obertura que nos sitúa no Courel, e seguidas dun epílogo de poesía máis intimista e carácter atemporal O final do documental Canto de permanencia é o auto-recitado de Letanía de Galicia en na voz do propio autor en abril de 1999.
Baixo o mesmo título inclúese A certeza de sermos. Son poemas recitados polo propio Novoneyra e até agora non divulgados, procedentes dos fondos documentais da AS-PG dun recital poético de 1988, e un cedido polo CIFP Ánxel Casal da Coruña datado en 1993. O audiovisual intercala fragmentos de discursos de Novoneyra, voz en off de Fernando Morán, co recitado dos poemas na voz do poeta. O común de textos e poemas é o seu carácter marcadamente social.
O dvd de Canto de permanencia contén tamén, como material extra, un recitado de versos de Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Quizán, Bernardino Graña e García Bodaño dedicados a Uxío Novoneyra no acto de homenaxe celebrado no Teatro Principal de Santiago en 1999. Conta ademais con imaxes da rodaxe e a storyboard.