“Existe
fame
por crear e ler medios de comunicación en galego”. Foi unha das conclusións que se tiraron das xornadas Os medios en galego, importan?, segundo a vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Marta Pérez Pereiro, que procedeu a clausuralas tras un terceiro día dedicado integramente ós medios de comunicación e producións audiovisuais en Galicia, que contaron, entre outros, con directores de cinema galego, como Antón Reixa ou Antón Dobao, e guionistas como Carlos Ares ou Araceli Gonda. (…)
Co gallo do idioma, Antón Reixa sinalou que o audiovisual “asumiu esa misión de normalizar a lingua”, e “á conquista do público dun xeito máis arriscado que os medios impresos”. Para o cineasta e artista audiovisual, “facer un produto en galego non exime de estar sometido ás dinámicas do mercado”, polo que independentemente da lingua, “os creadores deben afrontar igual o desafío entre creación e industria, xerando produtos con calidade que respondan ás demandas do público”. (…)
Antón Dobao, director de, entre outras, a adaptación cinematográfica de Sinbad, a obra de Cunqueiro, que recentemente se estreou nas salas do país, comezou o seu relatorio afirmando que, nun primeiro momento, “os directores déronlle as cóstas a unha realidade lingüística” como a galega, coas excepcións de Chano Piñeiro e algúns outros, curtametraxes… Mais o cinema galego non conseguiu aínda desprenderse dese estigma de “subalternidade con respecto ao cinema español”, nin doutros trazos como “a hipercaracterización”, “a territorialidade”, que, ao seu ver, necesitan eliminarse. Expresou tamén o desexo de que “Galicia poida ter a capacidade de expresarse culturalmente na súa lingua propia, tamén no cinema”. (…)”
Arquivo da categoría: Cinema
A longametraxe Sinbad estréase en salas de cine de Galicia
A
longametraxe Sinbad,
de Antón Dobao, adaptación da obra Si o vello Sinbad volvese ás illas de Álvaro Cunqueiro, estréase en salas de cine de Galicia.
En COMPOSTELA, nos Multicines Compostela, a partir do 28.10.2011.
En FERROL, nos Cines Duplex, a partir do 28.10.2011.
En LUGO, nos Cines Centro, a partir do 28.10.2011.
Na ESTRADA, nos Minicines Central, a partir do 28.10.2011.
En VIGO, nos Cines Norte, a partir do 1.11.2011.
Vigo: estrea da longametraxe Sinbad, dirixida por Antón Dobao
O
martes 25
de outubro, no Museo do Mar de Galicia de Vigo (Avenida da Atlántida, 160), terá lugar a estrea da longametraxe Sinbad, baseada na novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás Illas. Está dirixida por Antón Dobao e protagonizada por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas e Mariña Sampedro “Coco”.
Boiro: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
sábado 24 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Social Aturuxo (Rúa Principal, 118) de Boiro, terá lugar unha conversa sobre letras e cinema, dentro da que se presentará a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia.
A novela Sete palabras, de Suso de Toro, será levada ao cine no 2012
“A
novela Sete palabras, de Suso de Toro, será levada ao cine polo director salmantino José Luis García Sánchez, informou El País. Sete palabras, publicada o pasado ano por Xerais, obtivo o Premio da Crítica Galega, e é unha novela que supón unha viaxe ás orixes do escritor coa finalidade de desvelar a súa identidade persoal e familiar.” Vía Xerais. Tamén en El País.
José Luis Cuerda levará ao cine Todo é silencio, de Manuel Rivas
“José
Luis Cuerda volve á dirección (…) cun thriller ambientado en Galicia con guión de Manuel Rivas e producido por Gerardo Ferreiro: Todo é silencio. A película, que comezará a rodarse a finais deste mes, contará para os protagonistas principais cos actores Quim Gutiérrez, Miguel Ángel Silvestre e a actriz viguesa Celia Freijeiro. A historia, que Manuel Rivas realizou por encargo do produtor e terminou convertendo nunha novela que, co mesmo título, publicouse en outubro do ano pasado, fala do narcotráfico e das redes de contrabando que actúan na costa atlántica española e que acaban por controlar a vida dos pobos nos que recalan. Pero tamén é unha historia de amor a tres, dous amigos da infancia e unha muller que se dedican a explorar a costa en busca do que o mar arroxe, sen saber que o seu destino estará ligado ao omnipresente e corrupto “capo” galego, dono de case todo no seu pequeno pobo. “Cando ao falar te xogas a vida, todo é silencio”, explica Manuel Rivas sobre a súa obra. (…)”. Vía Galiciaé. Tamén recollido en La Voz de Galicia.
Filmanova levará ao cine a obra Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal
“Cinco
anos tivo que esperar o dramaturgo Rubén Ruibal para ver a súa obra máis recoñecida e premiada sobre un escenario. Limpeza de sangue, co Premio Álvaro Cunqueiro e co Premio Nacional de Teatro, non fora representada até que a compañía Espello Cóncavo a converteu en realidade a temporada pasada. (…)
A produtora Filmanova está a desenvolver o proxecto para que a obra teatral escrita por Ruibal chegue á gran pantalla. Polo momento, a futura película está nunha fase inicial e estase a levar a cabo a adaptación do guión. “Jacobo Paz está a traballar no guión e imos a facer todo co máximo respecto á historia do texto orixinal. Imos facer unha película cuxa produción sexa 100% galega”, explica Antón Reixa, de Filmanova, que engade que a intención da produtora é comezar a rodaxe “en 2012 ou en 2013, como moi tarde”.” Vía Xornal. Tamén en El Progreso.
Congreso Mil e un Cunqueiros, do 28 de setembro ao 1 de outubro
“En
2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso Mil e un Cunqueiros. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.
O programa, que pode estar suxeito a cambios, pode consultarse aquí:
* Mércores, 28 de setembro:
Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro s/n.). Santiago de Compostela:
– 10:00 h. Inauguración
– 10:30 h. Conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, por César Antonio Molina (Casa del Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez).
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?, por Thomas Harrington (Trinity College, Hartford-Connecticut).
– 13:00 h. Mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana: Xosé Luís Franco Grande (escritor),
Rexina Vega (Universidade de Vigo) e Xosé M. Dasilva (Universidade de Vigo)..
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 18:00 h. Mesa redonda Cunqueiro e os medios de comunicación: Miguel Somovilla (Director de comunicación da RAE), Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela).
– 19:30 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística, por Anxo Tarrío (Universidade de Santiago).
* Xoves, 29 de setembro:
Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza, 9).
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 11:30 h. Pausa.
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica, por Regina Zilbermann (Universidade de Rio Grande do Sul).
– 13:00 h. Mesa redonda O herdo de Cunqueiro: Xosé María Álvarez Cáccamo (escritor), Francisco Salinas (Universidade da Coruña) e Xosé Miranda (escritor).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia/Merlín y familia, por Martine Roux (Universidade de Angers).
– 20:00 h. Proxección cinematográfica (CGAI).
* Venres, 30 de setembro:
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela:
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 12:00 h. Conferencia Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción, por Fernando Valls (Universitat de Barcelona/Universidade de Berlín).
– 13:00 h. Mesa redonda O popular en Cunqueiro, con María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago de Compostela), Camino Noia (Universidade de Vigo) e Marcial Gondar (Universidade de Santiago de Compostela).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Os lugares do intelectual, por Jordi Gracia (Universitat de Barcelona).
– 20:00 h. Representación teatral.
* Sábado, 1 de outubro:
Vigo, nun lugar pendente de confirmación
– 10:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental, por Alberto Moreiras (TAMU, Texas A&M University).
– 11:00 h. Mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con César C. Morán Fraga (escritor), Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona).
– 13:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona, por John Rutherford (Universidade de Oxford).
– Inscrición:
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do Consello da Cultura Galega. O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza. As persoas con comunicación aceptada deberán seguir o mesmo procedemento de preinscrición que o resto das persoas interesadas (formulario de preinscrición). O número de prazas é limitado (100 persoas).
– Tarifas de inscrición:
O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta: NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172. Importante: O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza.
• Inscrición con comunicación: 40 euros.
• Inscrición sen comunicación: 20 euros.
• Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.
Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.”
Remata a rodaxe da tv-movie Sinbad que dirixe Antón Dobao
A Coruña: charla de Xabier P. DoCampo no ciclo Unha película, unha canción, un libro
O xoves
26 de maio, a partir das 20:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, Xabier P. DoCampo participará nunha charla no ciclo Unha película, unha canción, un libro, organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, no que falará sobre as súas vivencias nestes campos.
