Gondomar: María Reimóndez visita o Comando Le

Desde Espazo Lectura:
“O sábado 27 de xaneiro, a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) vai acoller a primeira sesión do ano do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor do traballo das organizacións de cooperación internacional e contará coa presenza da escritora María Reimóndez, quen lles falará aos comandoleiros e comandoleiras da súa experiencia neste ámbito, moi especialmente desde o proxecto de Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega da que ela foi fundadora no ano 1998 e presidenta ata o 2013. Ademais, aproveitaremos tamén para conversar sobre a súa novela Corredora, obra que os mozos e mozas do Comando Le leron no pasado mes de novembro. Como é habitual, a sesión desenvolverase entre as 20:00h e as 00:00h e faremos unha pausa para cear.”

A Coruña: II Xornada da Sección de Literatura Dramática: O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional, o sábado 2 de decembro

A II Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG, baixo o título O papel da literatura dramática no proxecto dun teatro nacional, que terá lugar o sábado 2 de decembro no Quiosco Afonso (Xardíns de Méndez Núñez), na Coruña, é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Concello da Coruña.

PROGRAMA

12:00 h. A Literatura Dramática galega na actualidade
Encontro-asemblea das dramaturgas e dramaturgos que forman parte da AELG, así como doutras persoas non pertencentes á AELG que estean interesadas neste ámbito artístico e literario.

18:00 h. O proxecto da Sala Beckett de Barcelona. Obradoiro internacional de dramaturxia e a importancia da autoría teatral nun país como Catalunya.
Clase maxistral a cargo de Toni Casares, director artístico da Sala Beckett de Barcelona.

Os actos serán abertos a todas as persoas interesadas.

A xornada está coordinada por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG.