“Todo
está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”
Arquivo da categoría: Concentracións e manifestacións
ADEGA: Ponte no medio. Móvete polo territorio
“Santiago
de Compostela, 4 de abril de 2011.
Desde a organización ecoloxista ADEGA queremos trasladarlle o noso convite á presentación da campaña en defensa do territorio Ponte no medio. Móvete polo territorio, que terá lugar o sábado 16 de abril, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
Esta campaña nace da necesidade de responder de xeito firme e articulado ás innumerables agresións que está a sufrir o noso territorio, aos ataques que pretenden borrar a nosa identidade, ás accións encamiñadas a extorsionaren os recursos naturais que lles debemos ás novas xeracións e ás políticas guiadas polos intereses privados e especulativos do poder económico que tentan arrebatar a representación social nas decisións políticas que a todos nos incumben.
Cremos que é hora de reaccionar ante esta desfeita e de expresar nun movemento común o que moitos colectivos, organizacións e particulares están demandando de xeito illado desde hai xa moito tempo. Ao lado dos manifestos e das tradicionais manifestacións como forma de presión, debemos artellar mecanismos novos de mobilización colectiva e de persuasión social e individual, incluído o ciberactivismo, para podermos cambiar o desafortunado rumbo que levan as cuestións medioambientais e culturais na nosa Terra.
Aínda que a Campaña en defensa do Territorio está promovida por ADEGA, a iniciativa está chamada a recoller e a xuntar cantas vontades ecoloxistas, académicas, sindicais, agrarias, sociais, culturais, políticas, profesionais ou veciñais sexan críticas coas actuais prácticas destrutoras do territorio e a facerse eco de cantas voces propoñan alternativas de xestión e de ordenación territorial máis xustas e máis sostibles ambiental e economicamente.
Sería unha honra para nós que vostede estivese presente no acto de lanzamento da campaña que consistirá na lectura do Manifesto en defensa do territorio. Agradecémoslle que nos confirme a súa participación coa máxima brevidade posible no correo electrónico culturaeterritorio@adega.info ou no teléfono 982-240299. Como sempre, á súa disposición: ADEGA.
Queremos galego convoca unha concentración contra o decreto do galego
Segundo se anunciou en días pasados, mañá mércores darase a coñecer o texto do decreto contra o galego no ensino que subsistuirá o actual texto legal aprobado en 2007.
Coincidindo co último Consello da Xunta do ano 2009, que se celebrará no Pazo de Raxoi, a plataforma cidadá Queremos Galego convida a todas as galegas e galegos a unha concentración na Praza do Obradoiro o mércores 30 de decembro ás 17 horas.
Apúntate no evento de Facebook