Madrid: actos das Letras Galegas con motivo dos 15 anos do Grupo Poético Bilbao

Lugo: actos destacados do martes 15, mércores 16 e xoves 17 na Feira do Libro

Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior) con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h. As actividades máis destacadas do martes 15, mércores 16 e xoves 17 son as seguintes:

* Martes 15:
19:45 h. Inauguración oficial. Actuación dos alumnos de gaita e percusión de Tradescola. Pregón inaugural a cargo do escritor lucense Antonio Reigosa. Actuación dos alumnos de Tradescola.

* Mércores 16:
19:00 h. Valentín Paz Andrade na feira de Lugo. Lectura de textos do autor a cargo de Marina Cillero, Carmen Blanco, Amelia Balseiro e Tonina Gay, nun acto coordinado por Ángeles Fernández Maira.

* Xoves 17:
19:00 h. Presentación dos libros Os fillos do mar, de Pedro Feijóo e O misterioso Doutor Saa, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, publicados por Edicións Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado.

Actividades sobre Valentín Paz Andrade

“Continúa a presentación de publicacións e novidades arredor da figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeado nesta edición do Día das Letras. Máis de cen imaxes tiradas do álbum familiar de Valentín Paz Andrade compoñen a proposta que fai Ouvirmos arredor do autor na súa Fotobiografía. Textos de Miguel Anxo Seixas contextualizan este material e percorren a traxectoria do homenaxeado no día das letras. Xornais galegos como Faro de Vigo, La Voz de Galicia están a anunciar tamén as súas contribucións a esta homenaxe co lanzamento de diferentes publicacións sobre a vida e a obra deste persoeiro. Ao tempo, a empresa de alimentación Gadisa anunciou, que como vén facendo nos últimos anos, distribuirá dous millóns de bolsas con textos do homenaxeado na súa cadea de supermecardos. Canda a isto, agasallará aos seus establecementos 30.000 exemplares da novela de terro Formigas, de Tucho Calvo. Pola súa banda, a Consellaría de Cultura anunciou a celebración de concertos na rúa en diferentes localidades galegas. Os grupos Xardín Desordenado e Tender a Man interpretarán os versos deste autor nunha iniciativa que comeza hoxe en Vigo. Nestes días a CRTVG está a emitir os primeiros capítulos das Pílulas poéticas, unha serie de videopoemas sobre textos do homenaxeado.” Vía Cultura Galega.

Valentín Paz Andrade na súa voz (I)

“Agosto de 1957. Entre o día 4 e o día 6, Valentín Paz Andrade visita o Centro Galego e imparte varias conferencias vinculadas á política e a economía de Galicia. Estes fragmentos, dixitalizados e seleccionados polo Arquivo Sonoro de Galicia a partir da Colección do Centro Galego de Bos Aires, permiten comprender o pensamento do empresario e intelectual. No interior do texto dispos das referencias concretas destes fragmentos de audio.” Vía Cultura Galega:

Barcelona: conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Valentín Paz Andrade

O xoves 10 de maio, ás 19:30 horas, na Sala del Professorat, 5º andar da Facultat de Filologia Universitat de Barcelona (Rúa Aribau, 2), Miguel Anxo Seixas Seoane pronunciará a conferencia Valentín Paz Andrade. Galicia labra a súa imaxe. O acto será presentado por Adolfo Sotelo. Crónica posterior no blogue de Estudis Gallecs i Portuguesos.

Carballo: maratón de lectura As letras en voces, o 17 de maio

O xoves 17 de maio, de 11:00 a 13:30 horas, no Xardín Municipal de Carballo, e dentro dos actos do Mes das Letras organizado polo Concello de Carballo, terá lugar unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981-704300; no fax 981-704302 e no correo cultura@carballo.org. O maratón As letras en voces contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI.