Antón Patiño: “Para Lois Pereiro, Monforte era como o centro do mundo”

Entrevista a Antón Patiño en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿En que medida influíu Monforte na súa [Lois Pereiro] formación vital e cultural?
– Antón Patiño (AP): Para Lois Pereiro, Monforte era como o centro do mundo, era o seu principal espazo vital e de afecto, onde vivían os amigos de sempre, cos que nin sequera era preciso falar para entenderse. Monforte tamén deixou nel unha pegada cultural moi fonda. Na súa época, a cultura humanística e literaria tiña moito peso no colexio dos Escolapios e iso foi moi importante para a súa formación como escritor. Tamén estaba o cinema, que para el tiña tanta importancia como a literatura ou a música. Neses tempos o cinema era moi popular en Monforte e nos cines Capitol e Lemos botaban filmes novos case todas as semanas. Para Lois tamén foi importante a presenza en Monforte de Manuel María, que o axudou a contactar coa tradición literaria galega. No plano literario son moi desemellantes, as súas obras teñen moi pouco que ver unha coa outra, pero entre os dous sempre houbo moito respecto mutuo.
– LVG: ¿Que interese cre que pode ter a obra de Pereiro para as xerazóns máis novas?
– AP: A súa é unha figura heterodoxa e rebelde, que non é doado asimilar, e como marchou moi novo, aínda que xa tiña uns anos, deixou unha imaxe case como de adolescente. A súa obra está chea de referencias que poden conectar moi ben coa xente nova e creo que pode ser unha bomba de futuro, unha inxección de osíxeno para o idioma que é moi oportuna nunha época en que desde arriba se está a proxectar unha imaxe de negatividade cara á lingua galega. A súa obra literaria ten un carácter plural e poliédrico que non admite esquematismos, pero quen se achegue á súa poesía quedará enganchado pola autenticidade da súa palabra.”

A Coruña: Vento Lois, recitado poético aberto en homenaxe a Lois Pereiro

Vento Lois é a primeira das iniciativas coas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pretende contribuír á visualización da obra do escritor Lois Pereiro durante este ano 2011 en que, por decisión da Real Academia Galega, vai ser o autor homenaxeado o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas.
A primeira das iniciativas, que incluímos dentro dunha programación global e colaborativa que será coñecida como Vento Lois, terá lugar na Coruña o vindeiro domingo 20 de marzo, co seguinte programa:
* 12:30 h.: Convocatoria social aberta ao redor da poesía de Lois Pereiro na coruñesa Praza de María Pita en dirección ao Teatro Rosalía de Castro, un encontro que pretende ser unha manifestación poético-festiva popular amenizada con música.
* 13:00 h.: Lectura de poemas de Lois Pereiro ou de creación propia recreados no mundo poético e época do autor, que terá lugar no propio Teatro Rosalía de Castro.

Esta actividade está aberta a toda a cidadanía, co que animamos a todas e todos a colaborar no recoñecemento que a figura de Lois Pereiro merece! Participa coa túa presenza, instrumentos musicais, carteis… O Teatro Rosalía convértese nunha asemblea poética onde ler, desde o patio de butacas e os palcos, poemas ou fragmentos da obra de Lois, ou sobre Lois.

Crónica posterior en Xornal, La Opinión, La Voz de Galicia.

Libro homenaxe a Lois Pereiro en edición dixital

Esta é a segunda proposta colaborativa que desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estamos a organizar para contribuírmos á visualización e actualización da obra literaria e pensamento de Lois Pereiro.
É o noso propósito elaborarmos un LIBRO HOMENAXE A LOIS PEREIRO para o que solicitamos dos Socios/as da AELG que nos enviedes colaboracións inéditas e orixinais que poderían responder a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (acéptanse versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.
Da conxunción de todas as colaboracións, a AELG promoverá unha edición en soporte electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel desde a nosa web.
O prazo límite para recibirmos os vosos orixinais no noso enderezo electrónico de contacto habitual (oficina@aelg.org) será o 10 de abril.