Spela Trobec e Luis Rapela na Galería Sargadelos de Ferrol

O martes 3, a partir das 11:00, e dentro da campaña “Educar para ler”, que se vén desenvolvendo desde o pasado mes de outubro, Spela Trobec e Luis Rapela traballarán cos rapaces arredor do libro De que cor es ti? (Embora). Remata así a campaña, da que a Galería Sargadelos Ferrol agradece a asistencia, interese e participación.

Presentación en Ferrol do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981

O xoves 22 ás 20:00 a Galería Sargadelos Ferrol e a A. C. Fuco Buxán organizan a presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981 (Galaxia). No acto intervirán o autor do libro, Ceferino Díaz, e Manuel Cendán. (Galería Sargadelos de Ferrol)

Actos da Galería Sargadelos de Ferrol para esta semana

O martes 13 ás 20:00, organizada pola Mesa pola normalización lingüística, terá lugar a charla do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, sobre a situación actual da lengua galega, eivas e potencialidades: Propostas de cara á normalización.
O mércores 14 ás 20:00 terá lugar a presentación do libro Obra Dramática Completa de Jenaro Marinhas del Valle, editado por Espiral Maior. Participarán o deputado e Profesor Pablo González Mariñas, quen ademais é sobrino do autor, e experto no teatro do seu tío; Lino Braxe, que é un dos compiladores, xunto con Alexandrina Fernández Otero, da obra completa de Jenaro Marinhas del Valle; Rebeca Montero, actriz e Miguel Ladrón de Guevara, guitarrista. No acto abordarase o contido do libro, pois trátase dunha aportación moi singular á nosa dramaturxia. Máis de trinta obras, entre elas cinco inéditas, recóllense no presente volume. Tamén se explorará a variada temática do teatro de Marinhas e as influencias que nel se dan. Rebeca Montero recitará algún poema de Marinhas e Miguel Ladrón de Guevara acompañará á actriz cos acentos flamencos da súa guitarra.
Os días xoves 15 e venres 16, de 20:00 a 21:00, diversos escritores de Ferrolterra farán unha lectura da obra do escritor Xosé M. Álvarez Blázquez.
Así mesmo, o venres 16 farase público o fallo do xurado do II Concurso de Marcapáxinas Día das Letras Galegas.

Presentación na Coruña do libro/cd/dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro

A Galería Sargadelos e Sons Galiza Comunicación organizan a presentación do libro/cd /dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro. O acto, que contará coa participación de Celso Álvarez Cáccamo, Miguel Mato e Eloi Caldeiro, terá lugar o xoves, 8 de maio, ás 20:00 na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña.

Presentación do libro Dicionario Xosé Mª Álvarez Blázquez, de Ana Acuña

Ana Acuña, estudosa da obra de X. M.ª Álvarez, preséntanos neste manual da colección «Dicionario» (a dedicada ós autores das letras galegas), e a través das diferentes «entradas» perfectamente clasificadas, un completo estudo, con todos os datos e a análise debullada da súa obra, sobre a escritor ó que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2008. Conta ademais con cadros sinópticos, recursos e actividades para traballar cos alumnos na aula (tanto cos de primaria como cos de secundaria), selección de textos e sección de imaxes. O poético limiar é da académica Luz Pozo Garza. Será o venres 9 de maio, ás 8 da tarde, na librería «O Trasno Viaxeiro» de Cacheiras.

Maio na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña

A Xunta Directiva da Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa das actividades previstas para o mes de maio.
* Martes 6: Conferencia dentro do ciclo do Día das Letras Galegas, a cargo de Henrique Rabunhal, intitulada “Xosé Álvarez Blázquez na súa canle secreta”, ás 20:30 h, no salón de actos da ACAB.
* Xoves 8: Conferencia dentro do ciclo do Día das Letras Galegas, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro, intitulada “Os prexuízos lingüísticos”, ás 20:30 h, no salón de actos da ACAB.
* Martes 20: Conferencia dentro do ciclo do Día das Letras Galegas, a cargo de Pilar García Negro, intitulada “O decálogo que a lingua galega precisa”, ás 20:30 h, no salón de actos da ACAB.
* Mércores 21: Presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoria e do Vicepresidente da Deputación, D. Pablo Villamar, ás 20:30 h, no local da asociación.
* Xoves 29: Conferencia A destrucción do patrimonio na Coruña e bisbarra, a cargo do arqueólogo e historiador Manolo Díaz, e presentación da páxina web da asociación de Denuncia da destrucción do patrimonio na Galiza.
* Sábado 31: Gala final do I certame de composición coral en galego Alexandre Bóveda, no Teatro Colón da Coruña, ás 20:30h, con entrada de balde.
Participarán o Coro Alexandre Bóveda, Coral Polifónica de Bergantiños, Coral Viladauga de Cenlle (Ourense) e o Coro Cantabile da Coruña defendendo as composicións finalistas.

Durante a semana das Letras galegas, do 12 ao 16 de maio, repartiranse de balde exemplares do libro Historia da A. C. Alexandre Bóveda, recentemente editado e que se presentara na semana seguinte.