Ana Romaní: “A poesía desvélase”

Entrevista a Ana Romaní en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Ten algún proxecto para a próxima temporada?
Ana Romaní (AR): Seguirei traballando no programa (Diario Cultural), e no que respecta a escribir imaxino que sairá cara a outono un novo libro de poemas. O libro titúlase Estremas e resúltame difícil explicar como é. Supón unha certa ruptura con respecto a libros anteriores ó tempo que continuidade. De tódolos xeitos creo que é moi recoñecible o universo de Arden. É o resultado dunha necesidade, teño unha relación cíclica coa escrita e escribo cando vexo que necesito dicir algo. Os poemas chegan, chegan eles e desvélanse. Empecei a escribilo hai un ano pero non porque fora unha decisión previa, senón porque tiven necesidade de escribir un poema e ese levou a outro, etc. (…)
GH: Para un escritor escribir é á vez unha profesión e un hobby?
AR: Non sei para outros, pero para min non é ningunha das dúas, non responde a esos modelos a miña vivencia. Creo que é unha necesidade, realmente.
GH: O escritor sempre ten un libro baixo o brazo?
AR: Non sei. Haberá quen o teña, haberá quen non… Eu sempre procuro ter algún libro na mesiña de noite, no bolso, na bolsa da praia, no coche… En fin, a man.”

Chus Pato: “Vocación de voz”

Entrevista a Chus Pato en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é á vez profesión e hobby?
Chus Pato (CP): É unha chamada á que hai que estar atenta e require unha atención continua. Ademais de ser unha chamada, é unha vocación de voz.
GH: O escritor sempre ten un libro debaixo do brazo?
CP: Non o sei, eu normalmente si. Creo que un escritor pode estar rañando a barriga moitas veces, coma todo o mundo.”

Camiño Noia: “O conto galego é menos misóxino que os dos outros países”

Entrevista a Camiño Noia en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): ¿Ten singularidades propias o conto galego?
Camiño Noia (CN): Algunha, mais a maioría son comúns cos do resto do mundo. Por exemplo, son menos misóxinos que os doutros países porque foron as mulleres quen controlaron a tradición oral. Contos en que o malo, noutros sitios, era a muller, aquí o son os homes. As mulleres, que maioritariamente eran as contadoras, ao contar o conto facían unha especie de censura, como a discriminación positiva de hoxe en día.
LVG: ¿Son transgresores?
CN: A tradición oral é moi transgresora. Todos os estamentos de cando se formou a tradición, é dicir, os poderes terreais, saen mal parados. Os contos falan do mal comportamento destas persoas.”

Francisco Fernández Naval: “Nunca o poder lle fixera tanto mal ao galego na autonomía”

Entrevista a Francisco Fernández Naval en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A poesía, Chisco, é para ti unha arma de amor e combate, un reto á vida e mais á infamia…?
Francisco Fernández Naval (FFN): Para min, a poesía segue sendo o argumento principal do home diante da vida, unha forma de coñecemento dos misterios a través da intuición e da metáfora, o único xeito de nos aproximar ao que non comprendemos. Amais diso, tamén é unha arma e un xeito de estar no mundo.
GH: Poeta, narrador, ensaísta… En que terreo estás máis a gusto…?
FFN: Empecei escribindo versos, logo pasei ao teatro, que deixei pola narrativa. Gústame ler poesía e, ás veces, necesito escribila, pero tamén me gusta contar e que me conten historias. Quixera seguir traballando os dous xéneros, sen ter que renunciar a ningún e nestes últimos anos regresei con gusto ao teatro.
GH: Hai unha obra de grande calado que está a agardar aínda pola túa escrita?
FFN: Non o sei, sobre todo porque non sei cal é o gran calado dunha obra ou dunha historia. Eu procuro, sobre todo, que os libros que escribo teñan dimensión humana, que comuniquen algo, que procuren complicidades nos lectores.”

Xosé Neira Vilas: “Ao final, un ten que quedar no lugar onde lle tocou nacer”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en La Opinión:
“La Opinión (LO): Residiu en Cuba dende 1961 ata 1992. Pódese dicir que o libro (Presenza galega en Cuba) é un traballo de toda unha vida?
Xosé Neira Vilas (XNV): O libro é resultado dunha acumulación de moitos artigos sobre músicos, pintores, políticos, pescadores, naturalistas, libreiros, etc., que chegaron a Cuba dende a terra galega. Pasei 27 anos investigando a emigración na illa, en como os homes galegos refacían a súa vida e formaban unha familia. Ademais, fun un divulgador da cultura de Galicia en Cuba e publiquei moitos traballos na prensa sobre a miña terra nai.
LO: Como foi a vida do emigrante galego en Cuba?
XNV: Para todo emigrante, a vida nun país estranxeiro é dura ao principio. Fóronse facendo un oco como taxistas, camareiros e sobre todo, pescadores. Algúns, pero os poucos, fixéronse ricos co tabaco e outros convertéronse en filántropos. Máis de 120 galegos formaron parte do exército cubano na Guerra de Independencia. Todos se cubanizaron moi rapidamente.”