O venres 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Noia, inaugúrase a exposición multidisciplinar Randeeira, de Delio Sánchez, con pintura, escultura, fotografía, audiovisual (coa proxección da curtametraxe feita polo autor), e a colaboración especial de François Davo na escrita.
Arquivo da categoría: Exposicións
Lugo: proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta
O
martes, 30 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8), proxectarase o documental Morreu o demo, acabouse a peseta, no que se amosa o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde por parte dos membros da compañía Viravolta.
Este documental forma parte do proxecto da investigación para a recuperación da memoria de Barriga Verde e a súa proxección forma parte da exposición Barriga Verde, de feira en feira que se pode visitar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) desde o pasado 12 de setembro ata o vindeiro 15 de outubro. A entrada é de balde.
Ademais das conversas con descendentes da familia Silvent, creadores do personaxe de títeres de luva, e con outros marionetistas europeos, realízase un achegamento ao títere de luva galego e á tradición europea da que fai parte.
A seguir, membros do equipo do documental conversarán cos asistentes sobre a película e a situación dos títeres e doutros elementos da sociedade tradicional na actualidade.
Este documental, de 78 minutos de duración, foi dirixido por Pedro Solla e producido por Tintimán Audiovisual.
A Coruña: inauguración da exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López
O
martes 16 de setembro, ás 13:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, s/n), Xesús Alonso Montero inaugura unha exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López, que estará aberta desde este día até o 7 de outubro. Durante o acto presentará as publicacións Manuel Rodríguez López, que recolle os contidos dos dezaseis paneis da exposición e Antoloxía poética, editada por Santiago Rodríguez e Xesús Alonso Montero, con comentario deste último. Participarán tamén no acto Antonio Giz, Irene López (viúva do escritor), José Manuel Mato e Anxo Lorenzo.
O Parlamento europeo acolle unha mostra sobre autores galegos
Desde
Cultura Galega:
“O corredor do piso 5 do Comité das Rexións, no Parlamento Europeo en Bruxelas, acollerá desde o día 15 ata o 2 de outubro unha exposición de baixorrelevos caricaturizados de autores galegos aos que lle dedicaron o Día das Letras Galegas. Son 51 deseños realizados por Siro López e elaborados en baixorrelevo polo escultor Ferreiro Badía. A colección pertence ao Parlamento galego.”
Salvaterra: 28 edición do Festival de Poesia do Condado, Escrever nas margens, o 5 e 6 de setembro
Allariz: recital poético na inauguración da exposición Mobilia
A Coruña: homenaxe a Luísa Villalta, O Papagaio: a pegada dos sentidos
Compostela: Levantémonos! Verbas feministas. Recital poético
O
xoves 12 de xuño, ás 20:30 horas, na Zona C (Rúa San Domingos de Bonaval, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Levantémonos! Verbas feministas, no marco da exposición Levons-Nous! O himno das mulleres. As poetas convidadas son Xiana Arias, Marta Dacosta, Rosa Enríquez, Lucía Novas e Susana Sánchez Arins.
Ferrol: actos destacados do mércores 11 na Feira do Libro
O
mércores 11 de xuño comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 18:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Paula Carballeira.
– 18:00 h. Firma de Ramón Loureiro e Antonio Seijas na caseta da Libraría Lector Nobel.
– 19:00 h. Visita guiada á exposición Carvalho Calero. De Ferrol para o mundo, organizada co gallo da Feira do Libro polo Concello de Ferrol.
– 20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
Nimbos sobre Barna, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Tras acomodarme no cuarto da Residencia de Investigadores, fun ao encontro da causante de que alí estivese, a profesora Malores Villanueva, unha das máis brillantes estudosas da súa xeración, docente nos últimos anos na Universidade de Barcelona.
Agardábame unha gratísima sorpresa: Malores non esperaba soa, acompañábana outras dúas colegas, amigas de meu dende hai anos, as tamén docentes Helena González e María Xesús Lama. Todos catro compartimos conversa e tivemos ocasión de nos poñer ao día de non poucas cuestións de grande interese para o bo goberno da literatura e, particularmente, da crítica galega.
Á tarde, 18:00 h., achegueime ata o Edificio Josep Carner da UB para impartir unha conferencia aos universitarios sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, sobre quen tivera a oportunidade de ver unha moi interesante exposición preparada na biblioteca da Facultade de Filoloxía pola profesora Villanueva.
O relatorio
discorreu placidamente e conseguimos crear un ambiente de franco e ilusionante diálogo entre o público asistente e os que na mesa estabamos; a saber: Villanueva, quen oficiou de presentadora e moderadora do acto, o profesor Basilio Losada, por quen tiven a honra de ser presentado e a quen puidemos oír valiosos xuízos a propósito da figura e importancia de Díaz Castro, e eu mesmo, que intervín por espazo dunha hora ante un auditorio no que se contaban, amais de activos e ben formados alumnos, compañeiros de oficio como a referida Mª Xesús Lama, Joaquim Ventura ou Camilo Valdehorras.
A sesión completouse cun amplo recitado dos versos de Nimbos por parte de varias alumnas e alumnos da Secció de Estudis Gallecs i Portuguesos, momento en que compareceu outra das agradables sorpresas do día: un deses discentes, o médico Xavier Sierra Valentí, achegou o recitado dos poemas diazcastrianos traducidos ao catalán, ofrecendo aos presentes unha copia encadernada dunha xenerosa escolma das composicións vertidas á lingua de Llull, traballo que se suma, así, e completa o que hai anos levara a cabo impecablemente Vicent Berenguer por dúas veces (1995 e 1997). (…)”




