Culleredo: exposición Feito en Culleredo II, de artes plásticas, visuais, cómic e poesía

O mércores 28 de xullo, ás 20:30 h., na sala de exposicións “Xosé Rey Lago”, dos Muíños de Acea de Ama (O Burgo, Culleredo), inaugúrase, coa participación de Celestino Poza e Carlos Pereira, a exposición colectiva Feito en Culleredo II, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Culleredo, que permanecerá aberta até o 3 de setembro, cun horario de luns a venres de 18 a 21 h., e sábados de 12 a 14 e de 16 a 20 h. Nesta exposición participan os poetas Pablo Bouza, Luz Campello e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto ao ceramista Rafael Magán, o autor de cómic Xurxo García Penalta, as escultoras Soledad Penalta e Iria Rodríguez, os fotógrafos Luís M. Iglesias, Xurxo Lobato, Román Montesinos e Pedro Pastor, e os pintores Charo Arriaza, Diana Atchinson, Lola Beade, Tim Behrens, Lidia Carrión, Miguel Anxo Lamela, Vanessa Lodeiro, María Martínez, Miguel Melero, Carlos Montero, Nuria Mosqueira, Carlos Pereira, Isabel Pintado, Tino Poza, Carmen Quiñoá, Beatriz Ruiz, Gosia Trebacz e Luisa Valdés.

A Coruña: homenaxe internacional da cineasta Isabel Coixet a John Berger

É unha exposición e unha homenaxe internacional da cineasta Isabel Coixet a John Berger. A partir do libro de John Berger From A to X, no que unha muller escribe cartas ao seu marido preso, Isabel Coixet crea unha instalación coa colaboración da arquitecta Benedetta Tagliabue e a complicidade dalgunhas das actrices máis importantes do cinema actual. A instalación mergúllanos nunha atmosfera envolvente onde a luz e o son lévannos sucesivamente polas distintas cartas do libro, que son lidas por prestixiosas actrices e artistas, como Monica Bellucci, Sophie Cale, Patricia Clarkson, Penélope Cruz, Julie Delpy, Isabelle Huppert, Maria de Medeiros, Sarah Polley, Tacha Swinton e Leonor Watling. Paralelamente poderán verse os retratos fotográficos que Isabel Coixet fixo durante a gravación das lecturas e unha entrevista filmada por ela a John Berger.

A inauguración ás 20:00 do 10 de xuño no antigo Cárcere Provincial. Até o 11 de xullo.

A Coruña: inaugúrase a mostra Crónicas da Represión Lingüística

Hoxe martes 6 de outubro ás 19.00h inaugúrase na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña (r/ Panadeiras) a Mostra Gráfica e Audiovisual Crónicas da Represión Lingüística. Participarán Xan Leira (comisario da exposición), Xoán M. Sande (deputado provincial responsábel da área de normalización lingüística) e Ermitas Valencia Romar (concelleira de mocidade, solidariedade e normalización lingüística). Estará aberta até o domingo 8 de novembro. A mostra acompañarase do ciclo de conferencias Represión e defensa dos dereitos lingüístico en Galiza. A primeira das conferencias terá lugar o martes 13 ás 19.30h na Casa Museo Casares Quiroga baixo o título Historia da represión lingüística en Galiza a cargo da profesora María Pilar Freitas Juvino.