Vidas cruzadas, de An Alfaya, gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz

Unha historia que se alimenta de varias tramas persoais, un matrimonio en crise, un accidente de tráfico que marca un punto de inflexión a varias vidas e, de fondo, un relato sobre a soidade e a incomunicación nos nosos días, un virus silencioso pero moi estendido. Son as raíces de Vidas cruzadas, escrita pola viguesa An Alfaya, quen resultou así gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz. Os capítulos do relato serán reproducidos nas páxinas deste xornal todos os días do mes de agosto. O xurado estivo composto por Luís Ventoso, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Loureiro, Luís Pousa e Ramón Nicolás. Máis información aquí.

Antón Lopo gaña o premio Manuel García Barros coa novela Obediencia

Unha Compostela independente que domina de xeito despótico o seu contorno na Galicia no século XXII. Este é o contexto no que se desenvolve Obediencia a novela coa que o escritor e xornalista Antón Lopo acaba de se facer co XXII premio Manuel García Barros de novela, que convoca o Concello da Estrada. O xurado (composto por Inmaculada Otero, Manuel Santiago Fernández, Xosé Manuel Eyré, Carlos Lema e Valentín García) destacou a capacidade do autor para transmitir “sensación de futuro”. A obra será publicada proximamente pola editorial Galaxia.
A nova foi recollida deste xeito nos medios de comunicación: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Opinión, Vieiros, Xornal).

Blogaliza.tv transmitirá ao vivo dos Premios Xerais desde San Simón

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010 que dende hai seis anos se celebran na illa de San Simón. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria e os «Alegres da Buraca» no apartado musical. Esta entrega coincide, ademais, coa celebración do 25 aniversario dos Premios Merlín de Literatura Infantil que serán os grandes protagonistas da velada, que será presentada por Celia Torres, directora de promoción de Xerais.

Vigo: Tucho Calvo xunta os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia

A Casa do Libro de Vigo acollerá o 10 de xuño todos os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia. No documento adxunto achegamos unha breve información sobre ese acto, que agardamos sexa do voso interese. Na imaxe que ofrecemos aparecen, de esquerda a dereita, Patricia Casas (gañadora da 3ª edición), Alberto Ramos (2ª edición), Tucho Calvo (director literario de Biblos), Iria López Teixeiro (1ª edición) e Pablo García (5ª edición). Falta na fotografía Berta Dávila, gañadora da 4ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. (Biblos Clube de Lectores)

Ourense: acto de entrega do IX Premio Carlos Casares de microrrelato

O venres 28 de maio na Aula de Cultura Liceo de Ourense tivo lugar a «entrega do IX PREMIO CARLOS CASARES 2010 DE MICRORRELATO, convocado polo Liceo de Ourense. 550 traballos chegados dende todas as partes do mundo, se presentaron a esta novena edición do Premio CARLOS CASARES” , de todos eles resultor gañador para o xurado o presentado co lema “NON CHOVÍA EN PARÍS”, aberta a plica correspondente resultou ser a súa autor Don XERARDO MÉNDEZ, con enderezo na Cidade de Ourense. O título definitivo da obra é: “NON HAI REGRESO” .»