«Documentalista, tradutora e colaboradora en diversos medios de comunicación, Sumai opina que o momento de confusión arredor da Literatura galega se debe, en grande parte, á rapidez con que a sociedade de consumo galdufra os produtos culturais, non só no panorama editorial senón tamén na televisión ou na plástica. “Vivimos como se o publicado hai dous anos non existise, como se estivese nacendo -en palabras de Borrazás- un Ulises cada ano. Publícase moito e iso é bo para os lectores, porque temos máis onde escoller, pero a oferta é imposible de apreixar. Non hai ningún asesoramento fiable para movernos nesa xungla. Os críticos veñen dicir que todas as obras son estupendas, as editoriais non esixen niveis de calidade e aos autores fáltanos autocrítica”.» (Galicia-Hoxe.com)
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Marcos Calveiro gaña o premio Ala Delta de literatura infantil
«Por primeira vez, unha obra na nosa lingua gaña o Premio Ala Delta de Literatura Infantil. O carteiro de Karrada, de Marcos S. Calveiro, foi seleccionada entre máis dun cento de obras escritas nas catro linguas oficiais do estado. O premio, que este ano acadou a súa edición número 18, está dotado con 12.100 euros. No seu blog, o autor agradece o apoio do editor Ignacio Chao e do crítico Martin Pawley, e salienta o feito de que, nunha época “en que a nosa lingua está recibindo tantos ataques”, se recoñeza unha obra escrita en galego.» (Vieiros)
Adolfo Caamaño gaña o II Certame de Novela Curta do Concello do Valadouro
«O xurado presidido por Eulogio Fernández Sampayo reunido o 23 de agosto decide “conceder o premio deste II Certame de Novela Curta do Concello do Valadouro a Don Adolfo Caamaño Vázquez, de Pontevedra, baixo o pseudónimo “HANKO”, coa súa obra Un Vulto Suspeitoso, pola introducción efectuada, pola maneira de construir unha historia sobre a base dun tema cotiá como o alcoholismo, polas referencias literarias e históricas así como pola mezcla dun vocabulario, duro propio do tema a tratar, cun léxico culto e logrado así como as estructuras sintácticas logradas”». (Revista Búsola)
Patricia Casas gaña o IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia
“Unha coruñesa de 24 anos, Patricia Casas Vázquez, é a gañadora do 3º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou no transcurso dunha cea literaria que se desenvolveu na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, con asistencia dun cento de persoas representativas do mundo literario e cultural galego entre as que se atopaba o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará.
Licenciada en Dereito e estudante de Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, a autora ofrécenos en «Vidas entrelazadas» (título provisional da obra galardoada) unha visión do transcorrer da existencia urbana, complexa, dinámica, ás veces caótica e sempre chea de xogos do azar, reflexo de indiferencias e do efémero da maioría das cousas. Son varias historias independentes que teñen en común o marco no que se desenvolven —a cidade da Coruña— e tamén a relación casual que constitúe a alma da propia cidade.
O xurado estivo integrado polo gañador do ano pasado, Alberto Ramos; o xornalista e escritor Camilo Franco; o director literario de Biblos, Tucho Calvo, e a escritora e profesora Helena Villar Janeiro, que ademais de actuar como secretaria será a titora de Patricia Casas no que queda para rematar a súa novela. Segundo pon de manifesto a acta de concesión do premio, o xurado considerou a importancia da «adecuación da novela aos ritmos urbanos e a vontade de atopar formas alternativas de narración que singularizan esta proposta».
O premio apórtalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar «Vidas entrelazadas» baixo a tutela de Helena Villar e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.
[…] Con Patricia Casas foron finalistas Cristina Ferreiro Real, de Lugo, tamén presente na cea, e Raquel Campos Pico, que aínda que é natural de Santiago reside actualmente en Madrid.” (Premio Biblos-Pazos de Galicia)
Francisco Castro gaña o XIXº Premio Manuel García Barros
“O galardón, convocado polo concello de Estrada, inclúe a publicación da obra na editorial Galaxia, algo que, segundo o vigués, se producirá en novembro. Logo de gañar o Premio Blanco Amor con Spam o ano pasado, Castro regresa a un estilo narrativo “orixinal e tecnicamente esixente”, como o valorou o xurado para o que “a ficción acada a tensión e a forza necesarias para construír un universo que quebra o convencional, nunha proposta novidosa de novela histórica, alén das fronteiras xenéricas. […] En As palabras da néboa, que o escritor vigués presentou baixo o lema “O Señor do Outeiro”, Francisco Castro fai unha “reflexión sobre a liberdade” con tres protagonistas, dous homes e unha muller, que se ven obrigados a “compartir un presente común cando en realidade querían ter un futuro diferente”, sinala.” (Galicia-Hoxe.com)
Concha Blanco gaña o VIIº Premio de Novela por Entregas de La Voz
“É unha historia de intriga, pesadelos e aparicións repartidas por 31 entregas breves a xeito de capítulo. Habitación 202 é a novela gañadora da sétima edición do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Concha Blanco é a autora desta historia que aparecerá ao longo de todo o mes de agosto nas páxinas de La Voz de Galicia.[…] Nesta ocasión a novela e a súa peculiar adaptación ás entregas diarias ten a un xornalista novo como protagonista. O rapaz, recente licenciado, comeza a padecer algúns pesadelos e unhas aparicións recorrentes que o levan a facer unha indagación sobre o seu pasado, un pasado que ten polo medio unha adopción, unha familia nova e coa que é foi feliz ata a desaparición dos seus pais adoptivos. ” (La Voz de Galicia)
Zadie Smith gaña o Vº premio “Novela Europea Casino de Santiago”
Entre as novelas finalistas no concurso, dotado con 3.000 euros, estaban Os libros arden mal, de Manuel Rivas, ademais doutras de Claudio Madris, Daniel Kehlmann, Vargas Llosa e Laurent Gaudé. (Terra)
Premios de novela San Clemente: Reimóndez, Molina Fox e Murakami
“A novela gañadora en lingua galega é O club da calceta (Xerais). Era finalista con Spam , de Francisco Castro, e Tres segundos de memoria, de Diego Ameixeiras, e alzouse co premio por oito dos dez votos do xurado.” (La Voz de Galicia)
María Lado gaña o VIº Premio Carlos Casares de microrrelato
O xurado do Liceo de Ourense terá a honra esta 22 de xuño de conceder o VIº Premio Carlos Casares de microrrelato a María Lado Lariño, polo seu relato Alugueres antigos, presentado baixo o lema Anabel Lee. Asimesmo o xurado decidiu conceder dous accésits polos relatos Sangue de Fátima González Comesaña e O limoeiro de María Lorenzo Miguéns. O acto será ás 20:30 horas no Salón Nobre do Liceo.
Entrega do VIº Premio Carlos Casares de microrrelato do Liceo de Ourense
O venres 22 de xuño, ás 20:30 horas no Salón Nobre do Liceo, celebrarase o acto de entrega do “VIº Premio Carlos Casares de microrrelato”, ao que se presentaron case setecentos traballos. O acto, no que se lembrará a figura do falecido escritor que dá nome aos premios, D. Carlos Casares Mouriño, socio de honra da institución cultural, rematará coa actuación da Coral do Liceo.