Presentación en Compostela de Represión, Solidariedade e Resistencia Antifranquista (Caderno Arraiano / Verán 2007)

Será na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o xoves 25 de outubro ás 20:00 horas. A introdución estará a cargo de Aser Álvarez e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinadores da publicación). Ofrecerase unha charla do historiador Dionisio Pereira e un recital poético de textos do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, a cargo dos seus autores: María do Cebreiro, Antón L. Dobao, Francisco X. Fernández Naval, Raúl Gómez Pato, Manuel Outeiriño e Baldo Ramos.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e Xosé Viale Moutinho recitarán en Celanova

Mural do FurrioloO domingo 26 de agosto, ás 12:00 horas no Alto do Furriolo (A Bola), terá lugar o acto poético e musical de homenaxe ás vitimas da represión franquista, con especial lembranza de Elixio Rodríguez e César Álvarez e inauguración da segunda fase do Mural do Furriolo.
Neste acto van falar Anxo Quintana (vicepresidente da Xunta de Galicia), Xosé Vizoso (deseñador do monumento ás vítimas da represión franquista no Furriolo), Eudosio Álvarez (neto de César Álvarez), un representante da familia de Elixio Rodríguez e Aser Álvarez, presidente da Asociación Arraianos.
A continuación haberá un recital poético que vai contar coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e José Viale Moutinho. (Asociación Arraianos)

Reclaman que o legado da diócese ferrolano-mindoniense sexa declarado Patrimonio Cultural Europeo

Escritores e artistas reclaman o recoñecemento do legado literario e arquitectónico de Ferrolterra e Mondoñedo. Por iniciativa de entidades como o colectivo Ao carón da lareira, que agrupa clubes de lectores de toda a bisbarra e que mantén estreitas relacións de colaboración con instituciones de Ferrolterra, da Terra Chá e de Mondoñedo, escritores, artistas e profesores de toda Galiza están unindo as súas forzas para lograr que o legado da diócese ferrolano-mindoniense sexa declarado Patrimonio Cultural Europeo.

Escritores e xornalistas finalizan en Santiago a promoción dunha ruta xacobea marítima

Nesta peregrinaxe participaron escritoras e escritores como Espido Freire, Rosa Regás, Juan Manuel de Prada e Fanny Rubio. Á súa chegada a Vilagarcía a expedición contou coa presenza de Luisa Castro, Xulio Valcárcel, Antonieta Castro e Posidonio Cachapa. (Laopinioncoruña.es)

Isaac Díaz Pardo e Dionisio Pereira, premiados

«O intelectual Isaac Díaz Pardo declarou que a Medalla de Galiza que lle concedeu a Xunta supón un “fideicomiso” dos “ilustres galeguistas” que “loitaron” por Galiza “sobre todo no exilio” e, por iso, considerou a máxima distinción que outorga a Xunta, a “homenaxe nun vello” ás figuras que durante o século XX defenderon Galiza.» (GZnacion.com)

«A Fundación Alexandre Bóveda, vén de anunciar a entrega do seu premio “Día da Galiza Mártir” á recuperación da memoria, ao historiador Dionisio Pereira. A fundación destaca o “labor investigador e divulgador da represión franquista” de Pereira, “dando a coñecer acontecementos, lugares e nomes que outros quixeron borrar de xeito violento da nosa lembranza, e promovendo a organización de actos de rehabilitación e reparación das vítimas da barbarie fascista”.» (GZnacion.com)