O escritor anglosaxón Bali Rai visitará varios institutos de Galicia

O escritor, que ten no seu haber preto dunha vintena de títulos, algúns de tanta repercusión coma Rani & Sukh ou The crew e prestixiosos premios coma o “Brandford Boase Award Shorlist” ou o “Angus Book Award”, estará en varios institutos de Galicia entre o 24 e o 27 de novembro:

Luns día 24 – Sada (IES Isaac Díaz Pardo) e Arteixo ( IES Manuel Murguía)
Mates día 25 -Catoira (CPI de Progreso) e Sada (clube de lectores do IES Isaac Díaz Pardo)
Mércores día 26 – Boiro (Casa da Cultura con alumnos do IES A Cachada) e A Coruña (clube de lectores do IES Menéndez Pidal)
Xoves día 27 – Santiago de Compostela (IES Antón Fraguas) e Silleda (IES Pintor Colmeiro)

Bali Rai confírmase xa como un dos escritores máis prolíficos e de maior éxito na literatura anglosaxona xuvenil. (Sotelo Blanco Edicións)

Rianxo: IX Seminario Internacional de Lingua(s), Tradución e Poética

O IX Seminario internacional de lingua(s), tradución e poética (eidos poéticos na lingua e pensamento) terá lugar do 26 ao 29 de novembro de 2008 en Rianxo (A Coruña). Este seminario, convocado anualmente por AULIGA, con sede legal na Biblioteca América da Universidade de Santiago, celebra os seus encontros partindo de creadores das linguas galega, castelá e portuguesa, alén doutras especialmente convidadas, como nesta convocatoria a inglesa, representada polo poeta Richard Burns (Cambridge). Asemade favorece unha troca de experiencias literarias e ensaísticas entre escritores españois, galegos, portugueses ou doutras comunidades lingüísticas. Realízase ademáis un Obradoiro de Escritura, Tradución e Poética, asistido polos escritores, críticos e profesionais destas materias invitados especialmente ao Seminario. (AULIGA)

Compostela: presentación de Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy

O venres 21 de novembro, ás 20:00 na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes), terá lugar a presentación de Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy (Netbiblo), con edición de Manuela Palacios González e Helena González Fernández. Intervirán Antonio Raúl de Toro Santos (Editor Xeral da colección Irish Studies), Arturo Casas (especialista en literatura comparada e escritor), Manuela Palacios e Mª Xesús Nogueira (Proxecto “Poesía e Xénero”).
Ao acto de presentación seguiralle un recital de poesía coa participación de María do Cebreiro, Chus Pato e Ana Romaní.

Porto: 14º Encontros luso-galaico-franceses de literatura infantil e xuvenil

Con motivo dos 14º Encontros luso-galaico-franceses de literatura infantil e xuvenil que teñen lugar na Biblioteca Almeida Garret do Porto os días 14 e 15 de novembro, está prevista a inauguración da exposición O album galego (O libro ilustrado de 1997 a 2007). O acto terá lugar o venres día 14 ás 15:45 (hora portuguesa) na Biblioteca Almeida Garret do Porto (Rua D. Manuel II – Jardins do Palácio de Cristal).
(Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural – Consellaría de Cultura e Deporte)

Conclusións Galeusca 2008

ESCRITORES GALEGOS, BASCOS E CATALÁNS REFORZAN OS SEUS LAZOS NO TRANSCURSO DA CELEBRACIÓN DO GALEUSCA 2008

Constatan a evidencia de estarmos a vivir unha situación de involución que se manifesta en posicionamentos públicos como o “Manifiesto por la lengua común”.
(A Coruña, 9 novembro 2008).- Escritores galegos, bascos e cataláns reuníronse entre o 7 e o 9 de novembro en Valencia para celebrar a XXV edición do Galeusca, primeiro desde a constitución da Federación de Asociacións de Escritores Galeusca.

Organizada conxuntamente polas asociacións de escritores en lingua galega, basca e catalana, o tema central desta XXV edición xirou arredor da “Literatura e a paisaxe do eu”, co obxectivo de despregar e afondar na literatura como un espazo de construción do propio suxeito e as súas múltiples concrecións.

Para falar destes aspectos distribuironse o tema en tres sesións de traballo: Sobre paisaxes propias, onde os relatorios centraronse sobre a propia ficción, sobre a propia obra literaria, convertindoos nun espazo de reflexión autobiográfica persoal e colectiva / O dietarismo, unha forma de reflexión, centrada no xénero literario do dietario, baixo as distintas formas, persoal, cultural, literaria, de reflexión persoal e colectiva, e / Este experimento que se chama eu, na que se abordaron cuestións de constitución do individuo e da creación da propia subxectividade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega estivo representada polos autores Marica Campo, Francisco Castro, Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Marilar Aleixandre, Isidro Novo, Xerardo Méndez, Carlos Negro, Antía Otero, Mercedes Queixas, Elvira Riveiro Tobío, Xan Arias, Xavier Queipo e Cesáreo Sánchez Iglesias.

Conclusións do Galeusca 2008

As asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, reunidos en Valencia e Sueca entre os días 7 e 9 de novembro de 2008, concluiron que:

1. Cómpre continuarmos a traballar na procura da normalidade como creadores e creadoras, malia as nosas situacións sociolingüísticas, políticas e culturais seren adversas.
2. Afirmamos a evidencia de estarmos a vivir unha situación de involución que se manifesta en posicionamentos públicos belixerantes como o “Manifiesto por la lengua común”, entre outros, que xa nos fixeron responder conxuntamente o pasado mes de xullo.
3. Nesta liña, o 15 de xuño constituimos a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca para articular accións comúns e dar resposta a actitudes belixerantes como a xa citada e avanzar nun grao de convivencia dentro da diversidade cultural.
4. Isto obríganos a que, logo de 25 anos, debamos reflexionar e reformular o modelo de relación e actuación conxunta. Nesta liña, os noso lazos veranse reforzados coa realización de máis actividades de distinto formato e unha esixencia común ante as diversas institucións implicadas.
5. De maneira especial traballaremos para reformular o marco que nos permita mellorar as condicións de profesionalización e o respecto aos dereitos de propiedade intelectual, e en especial en temas sensibeis como contratos de edición, formatos dixitais e os retos formulados polas novas tecnoloxías, así como o desenvolvemento da lexislación derivada de organismos europeos.
6. Concretando, temos iniciado xa formas de maior relación a través da incorporación de iniciativas como as casas de escritores e escritoras e residencias de creación. E tamén, a incorporación de escritores e escritoras das outras dúas linguas nas actividades propias de cada asociación. Neste sentido, lembramos o recentemente celebrado III Encontro de Novos Escritores, no Pazo de Mariñán (A Coruña), así como a posta en marcha a partir do próximo mes de xaneiro da Casa do Escritor Hugoenea, sita no concello de Pasaia, para uso dos escritores e escritoras das tres linguas. Asemade, a próxima celebración do Congreso de Literatura Infantil e Xuvenil en Mollerussa (Lleida) o vindeiro mes de maio de 2009, exemplos das novas formas de colaboración.

(Gabinete de Comunicación da AELG. Tel: 660 530 525. Correo-e: prensa@aelg.org)