Retransmisión en directo da gala dos Premios Xerais o sábado 11 de xuño

O sábado 11 de xuño daranse a coñecer os gañadores dos Premios Xerais nun acto literario que terá lugar na illa de San Simón, no que a escritora María Xosé Queizán actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv e no blogue de Xerais.

Santiago: encontro e coloquio entre Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis

O venres 3 de xuño, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e no marco dos I Diálogos Literarios do Gaiás, organizados pola Fundación Carlos Casares, terá lugar este encontro e coloquio:
De 11:00 a 12:15 h.: Escribir novela na era da internet, con Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis, moderadas por Tucho Calvo. A partir das 12:30 horas, terá lugar o coloquio.

Publicado o número 45 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero)

Xa está dispoñible online o número 45 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero), editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais de Lugo. Neste número especial e aniversario preséntanse diversos artigos de gran actualidade, con traballos de Marica Campo, Andrea Inocêncio, Jose Lemur, Luísa Brandt, Esther Vivas, Coral Herrera Gómez, Luís Valle Regueiro e Hugo Huberman.

Edición facsimilar, con estudo crítico, da revista Loia, polo Consello da Cultura Galega

Os catro números da revista Loia, que acolleu os primeiros textos de Lois Pereiro, saen á luz agora nunha edición facsimilar da man do Consello da Cultura Galega. A institución segue así a súa tradición de homenaxear con este tipo de publicacións os protagonistas do Día das Letras. A edición inclúe un estudo crítico da revista coordinado por Xosé Manuel Pereiro no que se poden atopar artigos del mesmo, Ramón Villares, Helena González, Antón Patiño e Manuel Rivas. A edición completa está dispoñible na rede para a libre descarga.

Presentación de O xogo das cadeiras, manifesto pola entrada de mulleres na Real Academia Galega

O manifesto O xogo das cadeiras presentouse en Santiago polas escritoras María Reimóndez, Yolanda Castaño e Inma López Silva e pola crítica literaria Dolores Vilavedra, xunto a Helena González, investigadora universitaria. Reclaman que medre a presenza feminina na Real Academia Galega e quéixanse de que se teime en discriminar nesa institución a creación e a investigación femininas. Defenden que o único fin que buscan é que as próximas vacantes que haxa na institución académica se cubran con personalidades da cultura femininas. Na súa presentación o manifesto conta con 52 sinaturas de destacadas mulleres dos ámbitos da creación, a crítica literaria, a universidade e o xornalismo. As promotoras animan os interesados en adherirse á iniciativa que o fagan a través da súa web. Vía A Nosa Terra. Tamén en Galicia Hoxe e Xornal.