‘A pegada das revistas dixitais’

“Desde o comezo da implantación da rede en Galicia comezaron a xurdir páxinas que tiñan a literatura como eixe, en moitos casos apostando pola difusión da obra de autores novos. Desde aquela, o panorama mudou enormemente, e aínda que poucas daquelas propostas sobreviven, novas cabeceiras e blogs ocupan un espazo cun peso crecente no noso panorama literario. O VI Encontro de Escritores/as Novos/as da AELG prestoulle atención a este sector cunha mesa redonda. Da tinta á pegada dixital foi o lema do VI Encontro de Escritores/as Novos/as que organizou a Asociación de Escritores en Lingua Galega esta fin de semana na Coruña. Dentro das diferentes mesas redondas que se desenvolveron no marco desta xornada, unha prestou atención á cuestión das revistas dixitais. Elvira Riveiro, coordinadora da mesma, salienta que “sen dúbidas as publicacións dixitais teñen un peso crecente, non só no caso das revistas literarias senón en xeral. Acceder á rede é moito máis barato e inmediato, e está a se dar un paso do papel á dixital”, explica. En Galicia, no entanto, e segundo lembra Riveiro, “non se ve un traspaso masivo ao terreo dixital. As publicacións máis coñecidas e con máis prestixio seguen a ter a súa edición en papel, pero algunhas como o Protexta é posible que teñan máis difusión na rede do que na versión impresa”. (…)
Malia a estas evolucións, “as revistas literarias continúan a ter sentido, pódese discutir se son necesarias en papel, pero as revistas na rede achegan unha panorámica dun tempo determinado, e crítica de lanzamentos recentes. É certo que mudan conceptos como o de periodicidade, pero máis ou menos preséntanse os mesmo contidos, aínda que sexa doutro xeito”, explica Riveiro. De cara ao futuro, para Montserrat Pena Presas “compriría aunar esforzos para crear unha revista divulgativa que aunase crítica e creación. Primeiro para abrir fronteiras, que é algo que necesita a nosa literatura, e logo para gañar e fidelizar lectores”. Encol do debate entre edición en papel e dixital, ten claro que “a medio prazo o futuro é a convivencia de formatos, e que os saiba combinar axeitadamente levará a palma”.” Vía Cultura Galega.

O primeiro libro de relatos de Letra en Obras supera as 1.000 descargas

“En Letra en Obras esta semana temos algo que celebrar. O libro homónimo, que recolle 17 relatos doutros tantos autores novos, superou xa o milleiro de descargas na rede. Os escritores Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Andrés Carrasco, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda son os protagonistas desta obra que pode ser descargada na nosa páxina.” Vía Letra en Obras.

Intervención preliminar de María Xesús Nogueira no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Este é o vídeo coa intervención premilinar de María Xesús Nogueira no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, ás 16:30 horas:

Intervención preliminar de Montserrat Pena Presas no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Este é o vídeo coa intervención premilinar de Montserrat Pena Presas no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, ás 16:30 horas:

Intervención preliminar de Gaspar Domínguez no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Este é o vídeo coa intervención premilinar de Gaspar Domínguez no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda As revistas dixitais en Galiza: pasado, presente e futuro, ás 16:30 horas:

Intervención preliminar de Estíbaliz Espinosa no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Este é o vídeo coa intervención premilinar de Estíbaliz Espinosa no Encontro de Escritoras/es Novas/os do sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. Participará na mesa redonda Crear desde a ventá, ás 12:00 horas:

A Coruña: VI Encontro de Escritoras/es Novas/os: Da tinta á pegada dixital, o 17 de setembro

Chega a VI edición do Encontro de Escritoras/es Novas/os, o sábado 17 de setembro, na Sala Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, onde nos situaremos ao redor da palabra á escoita das ideas e proxectos dos nosos autores e autoras máis nov@s. Unha oportunidade de achegarnos ás novas linguaxes, tecnoloxías e pegadas dixitais que os tempos nos presentan, abríndonos outras posibilidades na comunicación e no diálogo necesario:

“Escaparate literario de obras galegas en Italia”

“A través da web Insula europea, un grupo de estudosos de diversas literaturas europeas coordinado polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia, Carlo Pulsoni, propoñen diferentes títulos coa finalidade de que as editoriais italianas se animen a traducilos. Unha das literaturas con máis presenza é xustamente a galega coas novelas Un tipo listo, de Xosé Monteagudo, A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, Pirata, de María Reimóndez, Así nacen as baleas, de Anxos Sumai e Spam, de Francisco Castro. Este espazo virtual pretende ser un punto de encontro para novos investigadores interesados en aspectos culturais (históricos, filolóxicos e literarios) europeos. Ademais da función informativa e integradora, cómpre destacar a iniciativa da Vetrina letteraria que incorpora títulos de obras croatas, checas, portuguesas, romanesas, francesas, holandesas, alemás, españolas, inglesas e tamén galegas. Unha vez que estamos na web. premendo en cada unhas das propostas aparece a portada do libro, unha recensión do contido, a lingua orixinal, a editorial e o contacto da persoa que facilita a información. Deste xeito as editoriais italianas, que doutro xeito terían dificultades para coñecer algunhas obras estranxeiras, sobre todo aquelas procedentes de sistemas literarios minorizados, atopan suxestións avaladas por especialistas e un contacto ao que dirixirse para demandar máis información. A actualización da sección será constante por parte destes expertos de distintas nacionalidades que, no caso de que as editoriais así o soliciten, poderían incluso ofrecer fragmentos traducidos das obras requeridas”. Vía Galaxia.

O Instituto da Lingua Galega pon na rede un dicionario fonético

“Dunha banda a transcrición fonética e da outra, a súa pronuncia real a golpe de click. Isto é o que permite o Dicionario de pronuncia da lingua galega, a última ferramenta informática para o idioma galego. Coordinado por Xosé Luís Regueira, trátase da versión dixital dun proxecto desenvolvido desde o Instituto da Lingua Galega que o ano pasado a Real Academia Galega editou en papel. Para a proposta en liña, contouse coa colaboración coa Compañía da Radio Televisión de Galicia, que facilitou a gravación duns 60.000 rexistros de uso común”. Vía Cultura Galega.