Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Desde hoxe imos publicitar diariamente nesta Axenda os centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Prólogo e -Dios bendiga todo, nena: CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco.
Has de cantar: CEIP Doutor Suárez, Fornelos de Montes.
Nasín cando as prantas nasen: CEIP Cespón, Boiro.
-Dios bendiga todo, nena: CEIP Santo Paio de Abaixo, Reboreda – Redondela.
-Cantan os galos pra o día: IES Nº 1, Ribeira.

Calendario de actividades da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para o Día de Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizará, como xa fixo en anos anteriores, un completo programa de actos con motivo da celebración pública do Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
Este ano ten unha especial relevancia ao se cumpriren 150 da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta. Con este motivo, os actos tentarán proxectar a figura e obra rosaliana nos diferentes sectores sociais segundo o calendario que segue:

Venres 22 de febreiro
A AELG proporá aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, como lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que divulgaremos desde o noso espazo web para darlles visibilidade social.
Sábado 23 de febreiro
Proponse a organización de lecturas de poemas de Rosalía de Castro a partir das sete da tarde nas distintas cidades e vilas, que poderá ir precedida ou acompañada da lectura dun manifesto que a propia AELG difundirá.
Finalmente, o domingo 24, ás 12:00 h., no Panteón de Galegos Ilustres, terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
Para alén das actividades propias, a AELG coorganizará con diversas institucións e colectivos sociais outros actos de recoñecemento da nosa escritora fundacional. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Allariz: novo espazo literario e de actividades

A Libraría Aira das Letras pechou un acordo coa Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3), de Allariz, para crear nesta última entidade un espazo literario e de análise sociopolítica permanente, que tamén servirá para realizar actividades para os máis cativos, xa que a Aira das Letras se incorpora ao club Kiriko.
Quérese facer unha actividade ao mes como mínimo (unha de adultos e outra de nenos) polo se informa a todo o público interesado para que saiba que este espazo á súa disposición.
Pódese contactar con Aira das Letras no teléfono 988442324 ou no correo electrónico info@airadasletras.com.

Monforte: lectura colectiva de Do G ao Z, de Manuel Veiga

O venres 28 de decembro, a partir das 20:30 horas, na Librería Agrasar (Rúa Cardenal, 38) de Monforte de Lemos, terá lugar a lectura colectiva do libro  Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico de Manuel Veiga, publicado en Xerais.

Gondomar: O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, en Espazo Lectura

“O sábado 22 de decembro, ás 12:00 horas, a Biblioteca de Gondomar acolle a derradeira sesión do ano 2012 do club de lectura compartida Lendo Contigo, que celebra ademais o seu quinto aniversario. Moitos dos nenos e nenas que ao longo destes cinco anos participaron nesta actividade, son agora membros do recentemente inaugurado Comando Le. Por iso, para celebrar cinco anos lendo xuntos e atravesando etapas lectoras, o sábado terá lugar unha sesión conxunta do Lendo Contigo e mais do Comando Le que xirará arredor da lectura do libro O neno can (Galaxia, 2012) de Fina Casalderrey e Francisco Castro. Os autores acompañarannos na sesión, pero esta non será a única sorpresa da mañá…” Desde Espazo Lectura.

Gondomar: Contos en Cueiros, con Arrolos de salitre, en Espazo Lectura

O venres 14 de decembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión de Contos en Cueiros, actividade de animación á lectura para bebés organizada por Espazo Lectura. Trátase dun concerto de Xabier Díaz e Guillerme Fernández que interpretarán pezas do seu disco Arrolos de Salitre: unha compilación de once cantigas de berce tradicionais e novas composicións creadas para meniños e meniñas, do que van interpretar unha escolma de temas ao son da guitarra e do acordeón. As sesións de bebés Contos en Cueiros están pensadas para achegar aos cativos e cativas dende os primeiros meses de vida á lectura a través de recursos da tradición oral, como arrolos ou cantigas, xogos e contos destinados especificamente a estas primeiras idades.

Santiago: Castelao. Símbolo de Galicia, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 15 de decembro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Castelao. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Miguel Anxo Seixas Seoane.
13:00 h. Cousas da vida (35 minutos). Espectáculo de transparencias e sombras realizado por Títeres Cachirulo e inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Narra a aventura de dous rapaciños que deciden visitar o estaleiro onde se está a construír un barco para emigrar ás Américas.
13:35 h. Alba de Gloria. Recitado do célebre discurso de Castelao a cargo de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú.

Presenta: Alfonso Paz Andrade.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Cos Merlín no Porto

Desde Brétemas, o blogue de Manuel Bragado:
“Foi intensa a xornada na Escola Superior de Educação do Porto participando nos décimo oitavos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil. Particular interese para nós tivo a xornada de tarde na que se celebrou un encontro con escritores galegos premiados no Merlín (Fina Casalderrey, Ramón Caride, Antonio García Teijeiro e Marcos Calveiro), senllas sesións arredor de propostas de lectura na aula das novelas xuvenís de Ramón Caride e Agustín Fernández Paz, e un recital poético no que participou Antonio García Teijeiro, xunto a Vergílio Alberto Vieira e João Pedro Mésseder. Abríu o encontro cos escritores galegos Fina Casalderrey que comezou a súa intervención situando a colección Merlín como “imprescindible para tomarlle a temperatura a literatura infantil e xuvenil en Galicia”, afirmando despois que “se nalgún sitio me sentín máis libre foi en Xerais, onde as únicas ataduras son a ética e a estética. Calquera tema pode ser tratado a calquera idade. Na colección Merlín cabe o mundo enteiro”. Tras relatar a súa experiencia como gañadora do Merlín en 1991, cando se concedeu no Círculo das Artes de Lugo, rematou expresando a ledicia que lle proporcionaban esas “cartas de amor” que recibe decote dos lectores e defendendo o valor para todos da literatura infantil. Ramón Caride confesou na súa intervención que “foi un soño recibir o Premio Merlín co primeiro libro infantil que escribira”. Atribuíu o éxito da colección Merlín “a un traballo editorial ben feito” e “á renovación e reinvención constante da colección”. Comezou a súa intervención Antonio García Teijeiro reivindicando ao poeta como “roubaversos” para despois relatar que foi a súa muller quen presentou o orixinal, que rematara na casa de Rafael Alberti, ao premio Merlín, “Un premio que ten algo que non teñen os demais, quizais os mellor dos organizados en España”. Rematou as súas palabras apelando ao valor da poesía: “Todos os poetas do mundo fixemos medrar unha gran árbore universal, na que penduramos os nosos poemas, onde cabemos todos. Levo loitando toda a miña vida a prol da poesía. Amade a poesía, non lle teñades medo. Citando ao meu amigo o poeta Fran Alonso ‘a poesía non traba, non morde, sabe a chocolate, sanda as feridas’. Lede poesía”. Por último intervíu Marcos Calveiro que comezou a súa intervención confesando que este ano se presentara ao Merlín “porque xa o perdera noutras ocasións”, “no Merlín está o ADN da LIX galega, coa excepción de Docampo e Martín, que non se presentaron”. A continuación explicou as razóns da súa escrita: “escribo para non perder aquel capitán de quince anos que fun, un lector voraz. Todos os meus libros son un exercicio de nostalxia daquel lector de quince anos, cando un libro podía mudarte a vida. Esa sensación nunca a volvín ter, nunca”. Rematou salientando a súa convicción que que “escribir é unha das cousas máis divertidas do mundo. Escribir e ler son dúas dimensións da mesma realidade. Para escribir hai que ser lector”. Pechou o encontro unha breve intervención de Blanca-Ana Roig Rechou quen definíu “a literatura infantil e xuvenil como aquela que nos acompaña da nenez á vellez”. A pesar de que na viaxe de regreso choveu os sete choveres, volvimos todos moi satisfeitos, unha xornada literaria que pagou a pena. (…)”.