Gondomar: Espazo Lectura dedica unha sesión a Xabier P. DoCampo

Mañá sábado, 30 de maio, ás 12 da mañá, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de lectura compartida Lendo contigo dedicará unha sesión ao libro A nena de auga e o príncipe de lume, de Xabier P. DoCampo, que participará no acto, aberto a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.

Gondomar: abre a “Casa da Lectura”

casa-da-lectura-1O sábado 16 de maio pola mañá a asociación Espazo Lectura abriu na parroquia de Donas, en Gondomar, a Casa da Lectura, nun acto durante o que tamén foi presentado o libro Os ollos do Contomar ante o público e os medios de comunicación. A Casa da Lectura, unha iniciativa pioneira creada desde o asociacionismo civil, foi resaltado como un proxecto pioneiro en Galicia que ten a singularidade de estar ubicado no ámbito rural e dirixirse a unha comunidade rural para facilitarlle o diálogo cos libros e a lectura. No acto participaron a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo; o fotógrafo Manuel G. Vicente; a contacontos e actriz Paula Carballeira e o escritor Gonzalo Navaza. O mal tempo non desluciu un acto non exento da emoción de ver cumprido un soño, en palabras da directora do CEIP, Carmen Mora, “o mellor dos soños posibles ver a transformación máxica dun espazo escolar”.

casa-da-lectura-2A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, resaltou a importancia da Casa da Lectura como un proxecto de recuperación para devolverlle a vida a espazos en desuso e habilitalos para o libro e a cultura, e declarou que a programación de fomento da lectura que todos os mércores pola tarde se vai levar a cabo nela supón dobrar a oferta de actividade arredor do libro e a lectura que xa se viña facendo por parte da asociación en Gondomar. Contacontos, obradoiros de ilustración, recitais poéticos ou merendas con contos son algunhas das actividades que se convertirán en citas habituais da Casa da Lectura. Nese sentido, Concha Costas resaltou a importancia de traballar desde a base para que o fomento da lectura funcione e dea resultados positivos, ofrecendo unha programación regular co capacidade de crear hábito, máis alá das actuacións puntuais.

O alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, gabou o proxecto de Espazo Lectura que, dixo, se pode poñer en valor a través dun libro como Os ollos do Contomar e da Casa da Lectura e resaltou que este traballo de Espazo Lectura “vai dar moito que falar e moito que ler”. As intervencións da escritora Paula Carballeira e Gonzalo Navaza foron as máis emotivas, apoiando co seu entusiasmo o o traballo que se está a realizar. A actriz Paula Carballeira resaltou que o máis fantástico do libro é poder ver as caras dos nenos, coa emoción compartida de quen está a gozar da fantasía e da imaxinación, e o escritor Gonzalo Navaza resalto o papel sociabilizador e enriquecedor da lectura nunha sociedade individualizada e impermeabilizada polo consumismo.

A Coruña: tertulia científica con Marilar Aleixandre

Hoxe 18 de maio ás oito da tarde a Domus acolle un club de lectura científica dentro do ciclo Os luns con ciencia. No acto colabora o Museo Emilia Pardo Bazán. Durante a actividade presentarase unha selección de libros e autores relacionados coa ciencia. O acto estará moderado por Marilar Jiménez Aleixandre, narradora, poeta, tradutora e profesora de Didáctica da Bioloxía e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela. Ás presentacións das obras correrán a cargo de Pedro Ángel Ramos García, José Manuel Sande e Xurxo Mariño.

Os Luns con Ciencia é unha actividade patrocinada por Caixanova. A entrada libre e gratuíta

Gondomar: encontro co escritor Gonzalo Navaza

Espazo Lectura, en colaboración coa librería Libraida e Edicións Xerais de Galicia, convocan para este martes 5 de maio o Club de Lectura Sete Vidas co presenza do escritor Gonzalo Navaza. O club de lectura Sete Vidas centrarase no libro de relatos Erros e tánatos de Gonzalo Navaza, publicado por Xerais. A sesión terá dúas partes, unha primeira, ás 20.00 h, na Biblioteca de Gondomar, onde os asistentes falarán libremente sobre o libro; e unha segunda parte, ás 21.00 h, na libraría Libraida, aberta a quen o desexe, onde haberá un encontro co escritor e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, que nos falará desta e doutras obras súas. O escritor Gonzalo Navaza, natural de Lalín, reside desde hai varios anos na parroquia de Peitieiros, en Gondomar.

Libro aberto, programa do 29 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o escritor ourensán Xosé Carlos Caneiro, que falará do seu último libro, Blue Moon, unha novela publicada por Biblos Clube de lectura.

A reportaxe semanal abordará os Premios Biblos, galardóns para menores de 25 anos concedidos polo Biblos Clube de Lectores. O club organiza xa a quinta edición destes premios que lle permiten ao gañador rematar a súa novela asesorado por un escritor de renome.

Con motivo do vixésimo aniversario da fundación de Gálix, a asociación galega do libro infantil e xuvenil, o programa falará da súa actividade, especialmente o seu club literario “Tendendo redes”, que pretende instaurar un espazo de reunión e análise para autores, críticos e editores. Libro aberto conversará ademais coa escritora Marilar Aleixandre sobre a súa última novela A cabeza de medusa, que aborda o tema da violencia sexual. A obra foi galardoada co premio Fundación Caixa Galicia.

No espazo de crítica literaria Xavier del Valle Inclán fará análise do libro Correspondencia con el exilio que recolle as case mil cartas que Cela cruzou con trece escritores exiliados. O experto en teatro Carlos Franco falará de Cartas de amor a Stalin, Himmelweg e A Paz perpetua, de Juan Mayorga, unha colección de teatro que publica Galaxia en colaboración coa Escola de Arte Dramática de Galicia. O programa pecha cunha reportaxe sobre Rosalía 21, un proxecto que combina tres propostas coas que reler a obra de Rosalía de Castro nun espectáculo audiovisual.

Libro aberto emítese hoxe mércores 29 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

A Coruña: actividades do Día do Libro

Co gallo do Día do Libro, hoxe xoves 23 de abril nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña terá lugar unha lectura colectiva de A Esmorga, obra de Eduardo Blanco Amor cuxos primeiros cincuenta anos celebramos hai unhas semanas. A seguir haberá un Concerto ourensán, un concerto de voz e acordeón pensado para, por, sobre Ourense. Dende cantares de cego que falan de afiadores e paragueiros a temas populares e tradicionais de Ourense e arredores. Voz, acordeón e percusión para poñer banda sonora a unha obra como A Esmorga xuntando o acordeón de Moncho do Orzán e a voz de Nelson Quinteiro. Será entre as cinco e as sete desta tarde.

Hoxe ademais as bibliotecas municipais instálanse por un día na Estación de Trens e Autobuses, desde ás dez da mañá até as sete da tarde. Haberá tamén animación de rúa a cargo da Compañía Femme Fatale.

Gondomar: celebración do Día do Libro

Mañá 23 de abril, Día do Libro, de 19.30 a 22.00 horas, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, súmase á celebración internacional do Día do Libro sacando a lectura ao mercado. Os postos das peixeiras da Praza de Abastos de Gondomar encheranse de libros e de froita, para acoller a segunda edición da sesión de lecturas compartidas en voz alta, Dar de ler coma quen dá de beber. A Praza da Abastos de Gondomar, obra do arquitecto Bar Boo, acollerá esta simbólica acción que Espazo Lectura quere levar adiante en favor do libro.

Programa de actividades da Consellería de Cultura na 35ª Feria Internacional del Libro de Buenos Aires

Sábado 25 de abril ás 19:00, Sala Jorge Luis Borges: Día de Galicia. Participan: Víctor Freixanes, Xabier P. Docampo e Maria Rosa Lojo. Ás 19:30 concerto de Treboeiro Orquestra Galega.

Domingo 26 de abril ás 18:00, Sala Roberto Arlt: Obradoiro de ilustración para nenos. Participan Xosé Cobas e Xabier P. Docampo.

Luns 27 de abril ás 18:30, Sala Adolfo Bioy Casares: Homenaxe ao libreiro Francisco Gil. Participan: Antonio Pérez-Prado, Eustasio García, Carlos Penelas e Nilda Magnaghi. Modera: Ruy Farías.

Martes 28 de abril ás 19:30, Sala Alfonsina Storni: Conferencia “La percepción a través de los sentidos” por Xosé Cobas.

Mércores 29 de abril ás 20:30, Sala Domingo F. Sarmiento: Presentación Letras de Galicia (antoloxía de narrativa e revista). Interveñen Xabier P. Docampo, Xosé Cobas e Graciela Deza. Modera: Débora Campos.

Máis información: páxina web da Feira do Libro de Bos Aires.

A Coruña: programa da campaña de promoción da lectura

Do 13 ao 30 de abril: o Fórum vestirá de xeito especial e se convertirá no centro da lectura na cidade con actividades para que pequenos e maiores gocen rodeados de libros. Todos os días ás 18.00 h. Haberá unha visita guiada á exposición e actividades de animación.

Luns 13 de abril: ás 13.00 inauguración da exposición de libros no hall do Forum. Pola tarde ás 18.30 Casa Hamlet representa “Ratiña linda de Compostela”.

Mércores 15 de abril: ás 18.30 obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomás.

Xoves 16 de abril: ás 18.30 Versos que descubrir e sementar con Clara Porta Soler.

Venres 17 de abril: ás 18.30 A Primavera de Botticelli para todos os sentidos con Clara Porta Soler.

Sábado 18 de abril: ás 18.30 Consellos prácticos para facer maxia co mago Martín Camiña.

Luns 20 de abril: ás 18.30 Lía, a exploradora de cidades con María Torres.

Martes 21 de abril: ás 18.30 As cidades asulagadas na pintura de Urbano Lugrís con Clara Porta Soler.

Mércores 22 de abril: ás 12.00 inauguración da Feira do Libro nos Xardíns de Méndez Núñez. Ás 18.30 A illa descoñecida, dramatización do conto de José Saramago a cargo de Gonçalo Guerreiro (Fórum Metropolitano).

Xoves 23 de abril “Día do libro”: As bibliotecas instálanse por un día na estación de ferrocarril e autobuses. Animación de rúa “A escritora e as musas” coa Compañía Femme Fatal. De 17.00 a 19.00 h. Lectura colectiva da Esmorga nos Xardíns Méndez Núñez e concerto ourensán. Ás 19.30, entrega de premios do certame de fotografía “Amósanos o que les”.

Venres 24 de abril: ás 18.30 obradoiro de ilustración con Xosé Tomás no Forum. Ás 20.00 h. María Reimóndez inicia o II Encontro Cidade da Coruña. Palabra de Muller na Real Academia Galega. Colabora a AELG.

Sábado 25 de abril: ás 12.00 concerto da Banda Municipal nos Xardíns de Méndez Núñez.

Martes 28 de abril: ás 18.30 representación teatral no Fórum.

Mércores 29 de abril: ás 18.30 contacontos no Fórum. Tamén no Fórum ás 20.00 concerto de Jazz con Pepe Doré.

Xoves 30 de abril: ás 18.30 espectáculo Librolibrame no Fórum. Lectura e xogo dramático acompañado de mundos sonoros e plásticos. Áncora Producións