Vigo: Os Bos e Xenerosos. Francisco Fernández del Riego

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra anualmente a súa homenaxe Os Bos e Xenerosos, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
No 2011 chegamos á súa oitava edición, que se dedicou, por decisión unánime dos escritores/as Socios/as, a Francisco Fernández del Riego, polo seu silencioso e incansábel traballo que mantivo aceso o facho da cultura galega en tempos moi difíciles.
Será o sábado, 19 de febreiro, na Casa da Cultura Galega de Vigo, ás 12.00, segundo o seguinte programa:

* Presentación e benvida a cargo de Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol.
* Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG (pódese ler o texto aquí).
* Lectura da acta de concesión de homenaxe por Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG.
* Laudatio a cargo do escritor Víctor F. Freixanes (pódese ler o texto aquí).
* Visionado dun vídeo que recolle o esencial da vida e obra de Francisco Fernández del Riego.
* Entrega da placa conmemorativa á familia de Francisco Fernández del Riego.
* Visionado dun vídeo dos fondos documentais da AELG: Francisco Fernández del Riego respondendo á pregunta, “Por que son escritor?“.
* Lectura de textos de Francisco Fernández del Riego a cargo de Malores Villanueva e Francisco Castro.
* Peche do acto por Cesáreo Sánchez.

O acto conta coa colaboración da Fundación Penzol, Editorial Galaxia e Concello de Vigo (Casa Galega da Cultura). Deixamos aquí o convite do acto.

Crónicas posteriores en Galaxia, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, Faro de Vigo e Xornal.

Santiago: coloquio arredor de As rulas de Bakunin, con Antón Riveiro Coello

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, Antón Riveiro Coello, dentro das actividades do club de lectura Compostela conversará cos lectores arredor da súa novela As rulas de Bakunin, publicada en Galaxia.

Santiago: presentación de O gume dos espellos, de Ramón Caride

O venres 19 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo libro de Ramón Caride O gume dos espellos, publicado en Toxosoutos. No acto participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Martínez Oubiña, David González Couso e Xoán Fuentes Castro, autor da novela O cuadrilátero, sobre a que se manterá tamén unha lectura-coloquio.

Simposio O libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editores

Como cada ano, a Asociación Galega de Editores organiza unha actividade formativa imprescindible que este curso chega á súa sétima edición e que conta co patrocinio de CEDRO. Trátase do Simposio O libro e a lectura, que abordará nesta ocasión o tema do Fomento da Lectura: Unha fronteira para o libro. Deste xeito, os días 18 e 19 de novembro, o Centro Social Caixanova (Praza de Cervantes 17) de Santiago de Compostela, acollerá as intervencións de varios expertos do panorama nacional e internacional que presentarán as súas propostas sobre promoción da lectura. Máis información e descargas do programa e da inscrición aquí.

A Coruña: Clube de lectura coordinado por Francisco Fernández Naval na Biblioteca González Garcés

En xoves alternos desde o 14 de outubro até o 23 de decembro retómase o Clube de Lectura en Galego que dirixe Francisco Fernández Naval na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Neste último trimestre conxugaranse autores galegos clásicos e contemporáneos, homes e mulleres de idades diferentes, para poder ter unha mellor visión do panorama actual da narrativa galega, lendo, por exemplo a Rafael Dieste e Anxos Sumai. Lidos os libros na casa, as persoas que forman o club comentarán as súas impresións, discutíndose aspectos, literarios ou non, relacionados coa obra e co autor ou autora, favorecendo o diálogo e a convivencia e unha mellor comprensión da obra. Máis información sobre as actividades e a inscrición neste enlace.