Arquivo da categoría: Lingua
Fina Casalderrey participará na celebración do Día Internacional da Lingua Materna en Hamburgo
Fina
Casalderrey participará, convidada polo Instituto Cervantes de Hamburgo, na celebración do Día Internacional da Lingua Materna, que terá lugar o 21 de febreiro 2011 na sede desa institución na devandita cidade. Durante o acto, unha persoa lerá un texto da escritora galega en alemán e a continuación será a propia escritora quen o faga en galego. O acto será presentado por Veljka Ruzicka Kenfel profesora da Universidade de Vigo, especialista en tradución e literatura infantil, e nel participarán tamén a escitora Gemma Lienas que fará o mesmo en catalán, e o escritor Patxi Zubizarreta, que representará ao éuscaro. A nova ven a través de Xerais e tamén é recollida en Galicia Hoxe. En relación coa celebración deste día en Galicia: Galicia Hoxe.
Henrique Monteagudo: Memorias dun neno vilego
Artigo de Henrique Monteagudo en El País.
Ponteareas: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
O
venres 18 de febreiro, ás 20:30 h., no local comarcal do Bloque Nacionalista Galego (Rúa Mestres, 8, baixo) Ponteareas, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Xosé Manuel Moo. Colabora a Mesa pola Normalización Lingüística.
A Coruña: presentación de Por um galego extenso e útil, con Carlos Garrido
A
quinta-feira, xoves, 10 de febreiro, a partir das 21:00 h., no C. S. Gomes Gaioso (R. Marconi, 9, baixo) da Coruña, preséntase o libro Por um galego extenso e útil. Leituras da língua de aquém e de além, publicado por Através Editora. No acto participa un dos seus autores, Carlos Garrido.
Pontevedra: presentación de A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo, de María Dolores Villanueva
(Galicia Hoxe. Entrevista posterior tamén en Galicia Hoxe.)
“O idioma estándar”
A Coruña: conferencia de Xosé Henrique Costas sobre Situación actual da lingua
O martes
18 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, o profesor doutor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas González, falará, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación, organizado pola A. C. O Facho, sobre Situación actual da lingua.
Henrique Monteagudo: “Axendas en galego, galego na axenda”
Artigo
de Henrique Monteagudo en El País:
“Dado que ese informe (Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica) cuestiona algúns lugares comúns firmemente asentados na mentalidade dun sector do nacionalismo, suscitou reaccións contraditorias. Pero, a pesar dalgunhas tentativas de acalalo ou deturpalo, o informe abriu un debate moi pertinente, as augas fóronse serenando e non tardaremos en concluír, por ampla maioría, que precisabamos un revulsivo salutífero para osixenarnos un pouco. Temos todas as de gañar repensando unha serie de tópicos revellidos e reformulando, tanto no fondo coma na forma, posicións tradicionais que se revelaron inservibles ou contraproducentes. Elemento central daquel informe era a reivindicación do bilingüismo como un argumento eficaz para a defensa do galego, precisamente apoiado en lóxicas integradoras e inclusivas, lonxe das dialécticas da confrontación e da exclusión. Por ese camiño podemos aspirar a gañar o asenso social -no que debe asentar un consenso político verdadeiramente sólido- a favor das políticas públicas de normalización lingüística. (…)
Agora máis ca nunca, será procedente relembrar a razón última das nosas reivindicacións. Expresouna acaidamente Ramón Piñeiro: “A lingua galega é bandeira da nosa solidariedade moral”. O galego non nos interesa nin nos pode interesar só polo galego mesmo. Interésanos porque a súa exclusión é inseparable da marxinación que o noso país padeceu, con grave prexuízo para todos. Interésanos porque a súa perda significa e significaría unha derrota colectiva, que minaría de forma definitiva a nosa conciencia de comunidade. Interésanos porque a súa recuperación só se acadará se conseguimos facer dela un proxecto e unha tarefa comúns, que atinxe a todos, pois a todos beneficiará, e por tanto a todos debe comprometer solidariamente. Porque os éxitos que vaiamos conseguindo nese camiño serán outros tantos esteos da nosa confianza e da nosa autoestima, tan necesitadas de reforzo. Porque esa confianza, esa autoestima e esa conciencia de comunidade que afronta unida retos compartidos son valiosísimos recursos para afrontarmos os difíciles tempos que se aveciñan, para axuntarmos forzas e para pelexar e gañar o porvir. Porque non nos resignamos a que se acale a nosa voz. Porque arelamos ter unha axenda de futuro, como cidadáns e como país. E porque, si, estamos con vontade de que esa axenda de futuro se diga e se escriba tamén no noso idioma.”
Baldomero Iglesias, Mero: “Sobre a lingua”
Artigo
de Baldomero Iglesias, Mero, nas Redes Escarlata e Galicia Hoxe:
“(…) Por certo esa outra lingua, mirade ben, …esa si que ten algo –moito- xa de imposta e non me remito á miña opinión ou memoria, na que habitan moreas de prexuízos e datos opresivos ao longo da miña vida e da dos meus, senón que así o di a mesma Constitución aínda hoxe. Lean senón, busquen datos. É lingua de obrigado coñecemento e hai o deber de coñecela, … non quede dúbida algunha (art. 3.1). Aínda que non é a nosa lingua propia, coidado, non nola vaian meter dobrada como pretenden “aparvados que nos queren facer parvos” ou políticos de turno. De Galicia deriva o galego como consecuencia lóxica, e non o castelán, …que eses son outros lópeces, ou non? E xa ven que aquela obriga igualitaria, coa que se lles enchen sempre a boca, non é medianamente xusta –de novo queren trocar ouro por lilailas e “baratijas”, …como se mpre fixeron- e non fan o mesmo raseiro, obrigando e recorrendo ao deber de coñecer a Nosa Lingua, a propia, e poñela no seu sitio con honra e xenerosa consideración, como sería o propio dun estado digno, responsable e considerado, sequera nos seus dominios lingüísticos, …e despois de tanto tempo de miserias e esquecementos, de débedas e de non saber estar onde lle corresponde, nese lugar onde non existan subordinacións xurídicas para as interpretacións reaccionarias, ese lugar que garantira os deberes análogos ao castelán. Que me permita acceder a min, galego, ao coñecemento do catalán, do éuscaro, do portugués. iso non pasa, aínda hoxe, coa esta lingua na que escribo e coa Carta Magna da que presumen moitos. Igualdade, …quen te vira!”