Faleceu Ramón Lugrís

Desde Criticalia, de Armando Requeixo, e artigo en Praza de Xulio Ríos:
“O mércores 2 de decembro fóisenos o intelectual Ramón Lugrís, que nacera no Ferrol en 1932. Tradutor na BBC en Londres e na ONU en Nova York, malia a súa diáspora estivo sempre atento á realidade sociocultural e literaria galegas e mantivo o contacto coas figuras principais do galeguismo do seu tempo.
Reproduzo aquí unha carta inédita que enviou a Ramón Piñeiro o 2 de outubro de 1961. Nela, á parte doutras cuestións relativas a envíos bibliográficos, escribiulle ao de Láncara para transmitirlle a súa moi positiva lectura do poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro, opinión que confirmou días despois ao comentar gabanciosamente o libro para o xornal La Noche (9-11-1961).
Piñeiro fíxolle chegar esta carta a Díaz Castro con outra que el mesmo lle escribiu (8-10-1961). Respondendo á mesma (10-10-1961), o de Guitiriz confesoulle ao de Láncara estar asombrado e moi agradecido “polos termos desmesuradamente eloxosos” que Lugrís dedicara a Nimbos, o mesmo que repetiu a Piñeiro noutra carta días máis tarde (24-10-1961), misivas todas estas que hoxe poden consultarse no Epistolario do guitiricense.
Sirvan estas liñas como recoñecemento ao estudoso de Risco, ao galeguista que axudou a pensar os rumbos do país no faladoiro do Derby compostelán, onde coñeceu a Otero Pedrayo, Del Riego, Piñeiro, García-Sabell, Cabanillas e tantos outros e onde logo foi irmán dos Franco Grande, Rodríguez Mourullo ou Cores Trasmonte, o mesmo que na BBC foi compañeiro de Pérez-Barreiro Nolla e Punset e en Nova York compartiu angueiras con Martínez López ou Guerra da Cal.” Sigue lendo

Ars dedicandi: Xosé Pérez Ballesteros

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hoxe é o cabodano de Xosé Pérez Ballesteros (Santiago de Compostela, 1833-A Coruña, 1918), un dos intelectuais galegos máis destacados entre aqueles que os historiadores da literatura adoitan denominar Precursores.
Ensaísta e articulista en diversos medios da época, contertulio da Cova Céltica e membro fundador da Real Academia Galega, Pérez Ballesteros é lembrado, sobre todo, polo seu labor como folclorista, pois nese eido xogou un papel fundamental ao erixirse nun dos compoñentes máis activos da Sociedad El Folklore Gallego, creada na cidade herculina en febreiro de 1884 baixo a dirección de Emilia Pardo Bazán, institución da que Pérez Ballesteros formou parte como vogal da súa xunta directiva, ao abeiro da cal se alentou o traballo de recolleita que logo deu lugar á publicación dos tres volumes do seu referencial Cancionero Popular Gallego (1885-1886).
Mais Pérez Ballesteros foi tamén poeta e, como tal, figura xa no Álbum de la Caridad (1862) coa composición “Un soño”. Logo, publicou dous poemarios: Versos en dialecto gallego (1878) e mais Foguetes (1888).
Precisamente unha dedicatoria deste seu primeiro libro é a que se recupera agora aquí. A obra ofréceselle a un outro poeta coetáneo, Josep Francesc Sanmartín i Aguirre (Valencia, 1848-Madrid, 1901), co que presumiblemente coincidiu na capital do Estado, onde o compostelán se doutorou na Universidade Central e publicou varios dos seus libros e o valenciano viviu moitos anos. (…)”

perez_ballesteros_ars_dedicandi

Ars dedicandi: Xosé Trapero Pardo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 10 de outubro de hai vinte anos faleceu Xosé Trapero Pardo. Os mindonienses sentimos a súa perda como propia, pois, aínda que era por nacenza de Castro Ribeiras de Lea, criouse de mozo na nación valeca e no Seminario de Santa Catarina adquiriu a súa formación.
A Trapero Pardo débenlle as letras mindonienses non pouco do seu esplendor: dirixiu semanarios emblemáticos da cidade como Justicia, Renovación e, sobre todo, Vallibria, onde publicaron por vez primeira Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego; publicou estudos e monografías sobre as principais figuras históricas e literarias de Vilamaior, como Pedro Pardo de Cela, Antonio Noriega Varela ou Manuel Leiras Pulpeiro; e deu á luz o seu primeiro poemario —Lóstregos e moxenas (1926)— na Tipografía do Centro de Acción Social Católica de Mondoñedo. (…)
Este fillo adoptivo da cidade tratou estreitamente, como non podía ser doutra maneira, os escritores e artistas que nela foron, tamén as súas familias. De entre toda, talvez a relación cos Cunqueiro fose unha das máis prolongadas no tempo e tamén unha das máis queridas. A Álvaro, como dixen, axudouno a comezar a publicar. Con Pepe, seu irmán, tivo de sempre un trato moi amigable e con Carmiña uniuno un aprecio e admiración que se estendeu ao longo de case un século, pois el marchou con noventa e cinco anos (nacera no 1900) e ela con noventa e seis (finou a primeiriños de maio do 2006).
O Ars dedicandi que hoxe recupero amosa ás claras ese agarimo que se profesaron. Figura estampado nun exemplar de Non chores Sabeliña, a zarzuela galega que Trapero Pardo escribira e o mestre Gustavo Freire musicara, unha obra histórica, pois foi a primeira publicada en galego despois da Guerra Civil.”

ars_dedicandi_trapero_pardo

Ars dedicandi: Advento de Manuel María

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 6 de outubro hai oitenta e seis anos que viña o mundo Manuel María, un dos poetas máis destacados e prolíficos da literatura galega da segunda metade do século XX.
Os seus comezos inscribíronse na lírica da anguria tebreguenta con títulos como Muiñeiro de brétemas (1950) ou Morrendo a cada intre (1952). Veu logo Terra Cha (1954), que marcou un cambio de rumbo na súa escrita que confirmaron libros posteriores.
No mesmo ano no que vía luz aquel volume darredor do mundo chairego publicábase tamén Advento, poemario que acolleron as Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires nunha lucidía edición para a que Luís Seoane creou a cuberta.
Este Ars dedicandi recupera as palabras que nun exemplar daquela primeira edición estampou Manuel María para os seus amigos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, estudoso este último que lle dedicaría unha ben ampla análise baixo o título “Manuel María e a cultura popular” no libro Poesía galega. Crítica e metodoloxía (1989).
O “corazón ilusioado” do Manuel María que lembraba en 1984 a emoción coa que estreara aqueles versos trinta anos antes é o que agora contaxia estas liñas, que queren ser un pequeno testemuño para un home grande.”

advento_ars_dedicandi

Manuel María presenta a Celso Emilio Ferreiro (1963)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Nos fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro consérvase unha apreciable documentación que explicita a relación fraternal que uniu o poeta de Celanova con Manuel María. Alén da relación epistolar cruzada entre eles ao longo de moitos anos atópanse outro tipo de textos como os que, por cortesía da Fundación CEF, se ofrecen hoxe aquí: tres folios que conteñen as palabras, en clave admirativa e emocionada, que Manuel María leu o 20 de decembro de 1963 no Casino-Ateneo de Monforte de Lemos e que prologaron a lectura que fixo Celso Emilio Ferreiro dun feixe de composicións propias. (…)”

mm1mm2mm3

Un pensamento de Celso Emilio Ferreiro, no seu XXXVI cabodano, por Ramón Nicolás

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Hai trinta e seis anos falecía, na súa casa da Avenida de Castrelos en Vigo, Celso Emilio Ferreiro. Cada día que pasa convénzome do feito de que aínda hai moitas facetas súas ás que cómpre achegarse, moito que pescudar, exhumar e sistematizar e que a relevancia do seu herdo é unha envexable bóla de neve que non cesa de medrar. (…)
Para rememorar a data permítome traer hoxe un apuntamento, inédito, de Celso Emilio Ferreiro tirado dun caderno seu de apuntamentos persoais e que reproduzo aquí por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Seguimos.”

Celso Emilio Ferreiro texto

Ars dedicandi: Manuel Luís Acuña

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fica memoria de Manuel Luis Acuña pola publicación dun único poemario: Fírgoas. Se atendemos ao colofón da obra, saíu do prelo da Editorial Nós de Ánxel Casal o 6 de setembro de 1933 e foi pronto recibida con aplauso en cabeceiras como A Nosa Terra, La Región ou Heraldo de Galicia, nalgunhas das cales o autor era tamén colaborador.
O exemplar da primeira edición que se amosa (e que reproduce a cuberta que para esta deseñou un daquela ben mozo Manuel Prego de Oliver) vai dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, institución de prestixio á que pertencían moitos galeguistas que Acuña admiraba e dos que mesmo era correlixionario no PG, como os tamén ourensáns Risco e Otero Pedrayo ou o rianxeiro Castelao, o que xustifica o obsequioso envío do libro ao SEG. (…)”

ars_dedicandi_acuña

Manuscritos: Luz Pozo Garza

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Se non estou errado Luz Pozo Garza é, hoxe por hoxe, a voz decana do noso sistema literario. Dei, no meu arquivo particular, cun orixinal manuscrito seu que me permito reproducir nesta sección xunto cunha carta persoal da autora. Por volta do ano 2000 gocei da fortuna de coordinar a edición literaria do volume, xa esgotado, Manuel Luís Acuña (Xerais, 2000) mentres que Antón Pulido se responsabilizaba da parte plástica. Convidada a participar naquel fermoso proxecto, xunto con outras moitas persoas, Luz Pozo enviou este texto manuscrito que agora se presenta, baixo o título de “Vida secreta de Rosalía. Na lembranza do poeta Manuel Acuña”. Este poema, finalmente, sería substituído a instancias da propia autora  pola composición “Arrolar un neno…”, inspirado directamente no ciclo de poesía dos nenos de Acuña e co que homenaxeou ao poeta de Trives. Grazas, Luz, por tanta luz, sempre.”

dsc_0154dsc_0156