Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Arquivo da categoría: Manuscritos
Manuscritos: Antón Alonso Ríos
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A figura poliédrica de Antón Alonso Ríos, derradeiro presidente do Consello de Galiza e estudado con profundidade por Bieito Alonso en Antón Alonso Ríos. Crónica dunha fidelidade (Laiovento, 1994) merece, de seu, aínda que sexa unha brevísima atención neste blogue. No arquivo Fernández Del Riego consérvase esta valiosa carta que envía a Manuel Meilán desde México o 13 de novembro de 1945 onde se espella parte do intenso labor político levado a cabo por el mesmo, xunto con outras persoas, nesta época. O meu agradecemento á Fundación Penzol pola cortesía.”
Os Reis con Otero Pedrayo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Nos comezos de xaneiro, pero de 1960, Ramón Otero Pedrayo remitía a Xosé Díaz Jácome unha carta de agradecemento en resposta a unha postal de nadal que o de Mondoñedo lle remitira días antes.
Nesta misiva inédita que aquí se exhuma, o señor de Trasalba, coa súa característica prosa, gabáballe a Díaz Jácome os versos da “Panxoliña de Noiteboa”, ao tempo que lle expresaba os mellores desexos para o ano entrante. Fágoos agora meus para transmitirvos o mellor neste día de Reis do ano que abrocha:
“¡Que teñan, acarón dos seus, un ano (…) ben inzado de ledos e fortes traballos e maxinativos folgares!”
Manuscritos: Francisco Añón
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Froito da colaboración que establece xenerosamente a Fundación Penzol con este blogue, para divulgar algúns dos seus fondos bibliográficos manuscritos, ofrécese aquí un poema manuscrito de Francisco Añón (1812-1878). Para recabar algunha información sobre a composición “Alma en pena”, ou tamén coñecida como “A pantasma“, vistas as dificultades que presentaba o orixinal para a súa lectura e interpretación decidín acudir a Ramón Blanco, profesor, poeta e salientable investigador sobre Añón que sistematizou unha mostra do seu saber oceánico sobre este poema. Coa autorización do autor de Emily on the road, comparto abaixo boa parte das súas reflexións pois axudan a entender cabalmente a composición, tanto a súa intrahistoria como a súa peripecia ecdótica. Beizón, ao profesor Ramón Blanco pola súa estimable lección. (…)”
Ars dedicandi: Celso Emilio Ferreiro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Houbo un tempo en que a Cunqueiro e a Celso Emilio os uniu un trato cordial. Foron anos nos que as respectivas visións do literario non os privaron de estimanza mutua. Logo, xurdiu o desacordo. O resto é historia, suficientemente coñecida, por certo.
Esta dedicatoria é de marzo de 1955, anterior, por tanto, ao desencontro. Xeiras nas que se recoñecía abertamente a ascendencia e o maxisterio do compañeiro, a súa calidade como “primeirísimo poeta de Galicia”, a autoridade como “Gran Señor das Letras”, ofrecendo, así, a “meirande amistade”, por descontado, tamén “cordial ademiración”, e todo na dedicatoria dunha obra tan simbólica como a biografía de Manuel Curros Enríquez.
Ben está recordar estas relacións recuperando un documento inédito de Celso Emilio Ferreiro, no día no que, de contarse aínda entre nós, faría 103 anos.”
Mecanoscrito de Uxío Novoneyra: “erguer a copa pola lingua e a terra”
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A devoción que sinto pola obra de Uxío Novoneyra lévame a traer un día como o de hoxe, grazas á xenerosidade da Fundación que leva o seu nome, un mecanoscrito que o autor courelao subscribiu o 19 de novembro de 1989. Ese día, no Auditorio de Galicia compostelán, dentro dos actos programados para o Galeusca que organizaba a AELG, Novoneyra deu lectura este texto baixo o título de “intre-brindis”.
O discurso, ditado inicialmente baixo a esixencia dunha formulación de saúdo e agradecemento, conclúe cunha reivindicación en forma poética baixo a perspectiva da precisa unión dos pobos, apuntando asemade ao necesario respecto á vida na propia na terra, ao necesario respecto ás linguas de cada territorio: “seguras non amenazadas” nun contexto de concordia que, naquel momento, semellaba posible. Apelo a ese espírito, hoxe e sempre, para as cousas que realmente importan: o traballo e a lingua entre algunhas outras.”
Ars dedicandi: Álvaro Cunqueiro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van aló cento e tres anos máis do nacemento de Álvaro Cunqueiro, que viña ao mundo un 22 de decembro no número 1 da rúa Méndez Núñez de Mondoñedo, fronte por fronte da secular fonte que hoxe leva o seu nome, pé e lateral da catedral da cidade.
As amizades dos Cunqueiro foron entrañadas. Unha das máis firmes uniunos á familia formada por Alicia Tella-Villamarín e Juan Puchades. A primeira, afillada do afamado xornalista José Ramón Villamarín Pallín (Pol, Lugo, 1882-Mondoñedo, 1967), medrou pasando as tardes na casa dos Cunqueiro e foi grande amiga de todos eles, tanto de Pepe e Carmiña coma de seu irmán Álvaro. O segundo inmortalizou o escritor en bronce e sentouno na cabeceira da Praza da Catedral facendo que ollase, xa para sempre, o seu benamado Bosque de Silva, que tanto había ter que ver coa nacenza da imaxinaria Miranda.
Nesta dedicatoria inédita do célebre Escola de menciñeiros (1960), sobria e breve, como practicamente todas as do autor, vai de seu o afecto que este lles profesaba. Quen repase a fotobiografía de Cunqueiro descubrirá axiña que nunha das súas derradeiras instantáneas figura acompañado de, entre outros, estes dous moi queridos amigos. Xusto é que, neste seu novo natalicio, fique constancia dese afecto.”
Manuscritos: Luís Amado Carballo
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“En moitas ocasións a faceta de prosista de Luís Amado Carballo fica escurecida diante da relevancia que presenta a súa exigua pero relevante obra poética. Para presentar hoxe unha mostra manuscrita en prosa do autor pontevedrés reprodúcese abaixo o orixinal dun relato autógrafo -conservado na Fundación Penzol e a quen lle agradezo a xenerosidade da cesión destas oito cuartillas- titulado Sant-Yago e que foi publicado orixinalmente na revista Cristal, de Pontevedra, número 6, en decembro de 1932. Este manuscrito foi o que lle serviu a Xosé María Álvarez Blázquez para reproducilo no libro Obras en prosa e verso, de Amado Carballo, que se editou orixinalmente na colección Pombal, da Editorial Castrelos, en 1970 e reeditada doce anos despois; libro que contaba cun interesante limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. O texto, como se pode advertir abaixo, recrea a lenda da traslación do corpo do apóstolo Santiago a Galicia.
Ars dedicandi: Ramón Piñeiro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Malia ser abondoso o epistolario mantido por ambos durante lustros, Piñeiro e Díaz Castro só se viron en persoa unha vez antes da vellez. Foi en Madrid, a onde viaxou o filósofo a finais de maio de 1959 para preparar o especial sobre literatura galega que logo publicou a prestixiosa revista Ínsula como número 152-153 de xullo-agosto daquel ano, entrega na que Díaz Castro foi un dos poetas representados.
Aproveitando a xuntanza, Piñeiro tivo a xentileza de obsequiar a Díaz Castro cunha separata que contiña o ensaio “Pra unha filosofía da Saudade”, que aparecera uns anos antes no volume colectivo La Saudade (1953) publicado pola editorial Galaxia. A dedicatoria ao guitiricense non deixa lugar a dúbidas sobre o aprecio que, como poeta, Díaz Castro espertaba en Ramón Piñeiro. (…)”
Manuscritos: Fermín Bouza-Brey
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica: