O Porriño: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao

O venres 12 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Liceum do Porriño (Rúa Ramón González, 16), terá lugar o recital poético e musical Con dez poemas por barba, coa participación de María Lado e Lucía Aldao. O prezo da entrada é de 4 euros (2 para as persoas socias do Pub).

Celanova: acto de presentación da edición facsimilar de LF

O xoves 11 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, preséntase a edición facsimilar de LF, documento de 1939, pertencente ao arquivo familiar de Celso Emilio, do que realizou unha edición limitada a Fundación Celso Emilio Ferreiro en 2012, e que contén as sinaturas de 544 presos do convento de Celanova. O acto, organizado pola Fundación, en colaboración coa Biblioteca do IES e a Coordinadora comarcal ENDL Terra de Celanova – Baixa Limia, ten o seguinte programa:
– Olladas dos homes que ao lonxe espreitan – Xoán Carlos Domínguez Alberte (profesor e escritor).
– A edición de LF. – Luís Ferreiro Loredo (membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro).
– Ideas coas que non puideron acabar – Xosé Manuel Cid Fernández (profesor, especialista no maxisterio da Segunda República).
– Poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro – voz, Teresa Elvira López Martínez (alumna da ESO do IES Aquis Querquernis – Bande) / piano, Irma Fernández (profesora de música do IES de Celanova).
– Recitado de textos de Celso Emilio Ferreiro – alumnado do IES de Celanova.
– Presentación do logotipo do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, elaborado polo poeta e pintor celanovés Baldo Ramos.
– Letras da Baixa Limia – presentación do audiovisual elaborado por alumnado de Bacharelato do IES Aquis Querquernis (Bande) sobre o patrimonio literario da Baixa Limia.

Narla, Friol, Lugo: nº 2 da revista oral Castronela

O sábado 23 de marzo, ás 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), pertencente á Rede Museística da Deputación de Lugo, terá lugar a segunda edición da Revista oral de periodicidade anual Castronela, coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre e gratuíta. O sumario é o seguinte:

– Portada musical. Xota de Pardeiro de Castriz, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
– Coleccións do Museo Fortaleza San Paio de Narla. Para matar a sede (útiles relacionados coa auga), por María Rosario Fernández González (10’).
– Música. Pasodobre de Cabaleiros, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
– Poesía (I). O mar a punto de abrirse, por Concha Blanco Montecelos (5’).
– Música. Muiñeira de Calvos, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
– Medicina popular. Trasmonte. O ritual terapéutico coñecido como “O mal do sartego”, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
– Música. O Son da Mariña, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
– Poesía (II). As palabras son coitelas, por Concha Blanco Montecelos (5’).
– Música. Muiñeira de Grixoa, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
– Cruceiros de Friol. O cruceiro de Cotá, por Fernando Arribas Arias (10’).
– Poesía (e III). Teño a alma cargada de orballo, por Concha Blanco Montecelos (5’).
– Música. A Chiviña, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).
– Cultura activa. 1ª Xornadas de Interpretación e Dinamización do Medio Rural (Organiza: Asociación Carballo Vivo), por Ángel Buján Zas e J. Manuel Iglesias Espiño (10’).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo. Por Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (3’).
– Contraportada musical. Chiqui-Chiqui de Lourido, por Pandereteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, de Friol (3’).

Santiago: concerto-recital de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa

O xoves 21 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, terá lugar o espectáculo poético-musical Despois de ti, a chuvia, baseado no libro homónimo de Xosé Carlos Caneiro, coa presenza do autor e os músicos Emilio Rúa e José Gayoso.