Arquivo da categoría: Narrativa
Alberto Ramos: “Hai libros oportunos e libros oportunistas que ocupan espazos que non lles corresponden”
Entrevista a Alberto Ramos en Praza:
“Cada familia recibe un disparo en Os corpos dos Romanov (Galaxia), a última novela de Alberto Ramos. Unha desgraza fire para sempre a todos os seus membros. Golpes que conectan con pasados soterrados nunha historia de vidas cruzadas na que se agochan a perda, a violencia e, ás veces, a auténtica monstruosidade. Falamos co autor deste libro e dos avatares editoriais que o acompañaron, ademais de sobre o xornalismo cultural.
– Praza (P): Na novela fálase dun feito real, a evacuación de Augsburgo a causa do achado dunha bomba da Segunda Guerra Mundial. Foi o punto de partida?
– Alberto Ramos (AR): En Alemaña, cada certo tempo, prodúcese o achado dunha bomba da II Guerra Mundial sen detonar e evacúase unha cidade por ese motivo. A idea para este libro partiu de cando saíu a noticia da evacuación de Augsburgo, que foi a máis grande levada acabo até que, meses despois, tamén aconteceu o mesmo en Frankfurt. Esa imaxes de cidade baleirada, coa rutina tronzada, cos cordóns policiais… pareceume moi interesante e potente para desenvolver unha historia de certa intriga, de vidas cruzadas que se enlean como fíos… Hai que pensar que a evacuación de Augsburgo foi no 2016, durante o Nadal, e a de Frankfurt, en 2017. As imaxes parecéronme naquela altura moi evocadoras, potentes. Daban xogo para crear unha historia literaria nun escenario tan estraño. Despois, claro… chegou a pandemia e a percepción desas imaxes de cidade paralizadas, de rutinas en suspenso, de estado de excepcionalidade mudou por completo. E nós, tamén.
– P: Cos elementos que tiña puido facer unha novela policial e non o fixo. Grazas. Non quere vender libros?
– AR: A historia xurdiu dunha determinada maneira e non foi polo camiño da novela policial. E hai novelas policiais que venden moito e outras que non. Pero o caso, Os corpos de Romanov é unha historia de personaxes. Si, é un tópico. E ademais, quere ser un libro de historias de vida cruzadas, outro tópico. Mais a idea era esa: facer unha novela de vidas cruzadas e empregar fíos de suspense, todo nun ambiente de excepcionalidade. Que apareza unha bomba da Segunda Guerra Mundial é unha metáfora moi directa, case que grosa, sobre o pasado soterrado, tanto para os distintos personaxes coma para a cidade. A bomba é unha escusa para falar doutros asuntos ao tempo que serve para crear un entretemento, un divertimento.
– P: Hai un narrador omnisciente que apela directamente ao lector/a. Quizais nunca tivera un narrador tan presente.
– AR: Hai un narrador que fala directamente, si, e que interpela ao lector en distintos momentos. Isto serve para presentar os personaxes dando diferentes opcións de como podería actuar ou pensar cada personaxe en cada situación. Claro que así corres o risco de que resulte un chisco pesado, non sei. E tampouco sei se é o meu narrador máis presente… En Máscaras rotas para Sebastian Nell, o narrador resultaba secundario. Xogábase co diálogo, xogábase co formato da entrevista. Pero en A simetría das bestas si hai un narrador moi presente. A estrutura desa narración, quizais, é máis semellante a esta última.
– P: Non resulta pesado, non. Todos son personaxes complexos, con voltas e contradicións. Carol, por exemplo, ten a ferida da desaparición da súa irmá.
– AR: No caso de Carol hai un problema de identidade. Todos os personaxes teñen os seus traumas, as súas bombas que desenterran de cando en vez. Carol vai ser sempre a irmá dunha nena desaparecida nos anos 80. Ten ese trauma moi presente. E si, ten como certo complexo de comparación coa irmá. Porque está na sombra da desaparición da irmá, que escurece a súa vida. Os personaxes son o máis importante da novela. A historia da bomba, e da cidade, é parte do aderezo histórico. É parte do mesmo xogo, que trata de darlle verosimilitude á historia. Os personaxes son o central e o resto son contrafortes para termar deles. Refírome ás referencias históricas, os feitos históricos do devir de Alemaña… Pero en calquera caso isto non é un tratado histórico e nin sequera unha novela histórica. A historia é decorado e o importante non é o máximo rigor, senón certa verosimilitude. (…)”
Entrevista a Xosé de Cea en RNE
Entrevista de Seve Cajide a Xosé de Cea en RNE:
“Entrevista arredor do seu libro Coímbra. Pode escoitarse aquí.”
Vigo: presentación de Mururoa, de Miguel Martín
Saiáns: presentación de Memorias de Xurxo o Americano, de Xurxo González
Compostela: presentación de Chorente. Unha aldea no tempo dos soños, de X. H. Rivadulla Corcón
A Coruña: conversa entre Antía Otero e Manuel Astur
A Coruña: Club da Raíña Lupa 2023
Becerreá: encontro literario con Ana Meilán e María Solar
“Héctor Pena recolle nun libro a historia do fútbol feminino en Galicia”
Desde A Movida:
“(…) Héctor Pena lembra sentir interese por primeira vez polo fútbol feminino grazas a un videoxogo da Nintendo 64 que lle agasallaran: o Mia Hamm Soccer. Para a súa desgraza, o xogo de orixe americana non era compatible coa súa consola europea, pero serviulle para descubrir á lenda do futbol estadounidense Mia Hamm. Tamén grazas á súa parella, moi futboleira, medrou nel o interese por este deporte moitas veces esquecido a nivel mediático: “A evolución é radicalmente positiva. Hai unha diferencia abismal repecto hai 20 anos en canto ao apoio social e institucional, patrocinios, nivel das xogadoras… Non é algo illado. Canto máis apoio tes máis nenas practicarán fútbol, máis ensanchas a base e máis talento xurdirá no futuro”, explica.
Segundo el, os tres grandes equipos da nosa historia son o Karbo, gran dominador do fútbol estatal nos anos oitenta que desapareceu por falta de apoio do Deportivo, con quen se fusionou; El Olivo, equipo vigués que foi o primeiro conxunto galego en xogar na primeira división estatal en 2011 e que desapareceu en 2018; e o Deportivo, que ata o ano pasado xogaba na primeira división e actualmente milita na segunda categoría estatal.
Nesta Historia do fútbol feminino en Galicia hai unha grande ausencia, que é a do Celta. Malia que nos oitenta absorbeu ao Mayador, o segundo equipo máis importante de Galicia tras o Karbo, o clube celeste nunca demostrou moito interese neste ámbito. De feito, actualmente o Celta é o único equipo de primeira divisón sen sección feminina xunto con Xetafe e As Palmas: “Penso que o día que se produza o cambio xeracional na cabeza do clube —todo apunta a que Mariam Mouriño substituirá ao seu pai Carlos na presidencia do Celta— non creo que tarde moito en dar ese paso. É algo natural. A escusa que ofrecía Carlos Mouriño sobre a ausencia de instalacións suficientes xa non vale, pois o Celta ten campos e técnicos dabondo para adestrar categorías femininas”, di o xornalista de Nós Diario.
Para ilustrar este sinsentido, Héctor conta que o outro día chamoulle a atención unha imaxe durante a visita ao museo do Celta: “Hai un mosaico cos rapaces da canteira e no centro hai unha nena. Esa nena cando medre non vai poder xogar coa súa camiseta, vai ter que facer as maletas e ir xogar a Friol, a Lugo ou fóra de Galicia”, engade o autor dos libros Historia del Trofeo Teresa Herrera e Os nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo.
Seguindo nesta liña temática, este mesmo ano publicou na editorial Xerais o libro xuvenil A pioneira, unha obra histórica de ficción onde unha das protagonistas está inspirada en Irene González. Esta foi unha gardameta coruñesa que nos anos vinte do século pasado xogou, ente outros, no F. C. Barcelona e tivo que facer fronte ás críticas e prexuízos da sociedade do seu tempo, que non consideraban o fútbol como algo “apropiado para as mulleres”. Na vida real Irene morreu moi nova a causa dunha doenza, pero na novela “continuamos con ela no contexto da Guerra Civil. É unha historia de mulleres en tempos de represión“, conclúe. (…)”