A lúa da colleita. Críticas de Susana Sánchez Arins e Marga do Val

Desde A Sega:
“Susana Sánchez Arins: Anxos Sumai convida-nos, segundo a informação da contracapa, a acompanhar as férias da protagonista do seu romance A lúa da colleita. Aquelas que iam ser umas simples semanas de descanso, anuncia, acabarão sendo algo mais. A protagonista, Nuria, questionará-se tudo quando a rodeia, até o ponto de duvidar que é realidade que é ficção.
Justo aí encontrei eu o problema.
Renxe-me a personagem de Nuria. Não acaba de entrar-me. Não acabo de acreditar na sua existência. E já sei que é ficção, mas a essência do jogo está em eu acreditar pessoas as personagens, vidas as tramas, lugares os decorados. E Nuria renxe-me. (…)
E Anxos Sumai remexeu tudo isso em mim e logrou fazer-me ver que não sempre é possível perceber onde a necessidade do re-encontro com nós mesmas. Que não sempre é possível aceder à espoleta que faz rebentar mudanças. Que não sempre é possível atender com plena consciência às búsquedas persoais. Que não sempre é possível deixar migalhinhas de pão para que outras, nós mesmas, as sigamos. (…)

Marga do Val: Anxos Sumai é unha autora que me interesa moito, non só polo magnífico uso da lingua, polo ensarillamento da lírica na súa prosa, por suposto ledicias para a lectura, interésame por esa arquitectura que vai construíndo con imaxes, polos espazos labirínticos que nos obriga a transitar cando a lemos, ese mundo onírico, atmosfera de marabilla e de aversión. Interésame sobre todo a soidade que habita nas personaxes que (con)moven os seus textos, unha soidade que nos convida a estar con Anxos de Garda que resiste no arquivo da Melodía de días usados, que en Así nacen as baleas faísca como voaxa e ocupa todos os recunchos, porque o nacer das baleas convértese na morte de Ramón e asolaga o relato, esa terríbel inocencia que (se) destrúe, que anega e/ou expulsa, que obriga ou convida ao camiño, un camiño imposíbel de compartir. Unha vertixe. Mais nas súas obras non se pode pensar en que é o azar o que provoca esa señardade, en que é unha condena externa, falamos dunha busca das personaxes, na soidade de quen vai limpando carreiros con conciencia, de quen se mergulla para buscarse, unha soidade que dialoga coa daquel rianxeiro que foi Manuel Antonio e que falou co seu doppelgänger naquel poema “Ao afogado” (…)”.

Presentacións de Contos Peregrinos, de Pedro Miguel Rocha

O acto do venres na Coruña terá lugar na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n).

Unha aula do IES Castro de Baroncelli de Verín leva o nome de Elena Gallego

Desde Xerais:
“O luns 19 de maio, no IES Castro de Baroncelli de Verín, dentro dos actos organizados con motivo da celebración do Día das Letras Galegas de 2014, inaugurouse a aula dedicada a Elena Gallego, que mantivo mantivo unha conversa con alumnos e alumnas do centro e asinou exemplares das súas obras Dragal e Sete Caveiras.”

María López Sández e Francisco Castro falaron de literatura en Alemaña

Desde Galaxia:
“Dende o pasado mércores 14 de maio ata o domingo 18, María López Sández e Francisco Castro tiveron ocasión de participar no Europäisches Festival des Debütroman de Kiel que se celebra nesa cidade alemá.
A literatura galega tivo presenza, na semana das letras galegas, neste importante festival que concentra escritores de toda Europa para cinco días nos que partillar ilusións, establecer contactos, falar de libros e edición e, en definitiva, compartir os asuntos do oficio das letras.
María López Sández e Francisco Castro mantiveron encontros co alumnado da Universidade de Kiel, tanto co grupo de estudantes de galego da profesora e investigadora Antía Marante, como co estudantado de español. Ao tempo, e dentro das actividades do Festival, tiveron ocasión de debullar asuntos relacionados coa creación literaria. (…)”

Emboscadas na representación colonial, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez en A Sega:
“A pesar de que o ton habitual sobre a tradución en Galicia poida facernos pensar que o máis vital é a escolla de tal ou tal outra palabra e a súa relación ou non cun certo estándar, tradición literaria ou anovación, hai xa décadas que a teoría da tradución retrotrae as súas análises a un marco previo e moito máis amplo ca este. O estudo da tradución comeza coa propia decisión de traducir unha obra e non outra. Este tema que pode parecer abstracto de máis cobra unha corporeidade inusitada cando nos enfrontamos a textos como o que hoxe me ocupa, Emboscadas no gran Norte, da autora catalá Margarida Aritzeta. Resulta sen dúbida intrigante saber por que para narrar supostamente as vidas dos “indios” (e uso o masculino e o termo colonial moi á mantenta) montañeses do Canadá para un público galego xuvenil se escolla traducir unha obra escrita por unha catalá no canto de escoller, dado que vai ser unha tradución de todas todas, algún dos fantásticos textos que dende como moi tarde o século XIX levan producindo as autoras de distintos pobos orixinarios americanos.
Agora ben, con isto non quero dicir que por ser catalá ou galega ou chinesa unha teña que limitar o seu espazo literario a un espazo xeográfico ou cultural concreto e predefinido. Por suposto que se podería argumentar que a visión dunha personaxe “mediadora” pode ter un valor engadido de interpretación para un público que mira tamén dende fóra (pero son o público catalán e galego falante o mesmo? Teño as miñas dúbidas). O importante, ao meu ver, é entender esa mediación como un acto político de tremendo peso, sobre todo entre dous polos opostos da colonización, porque as interaccións desiguais entre culturas resultan sempre un lugar complexo; intentar narrar a outra dende a mentalidade occidental esixe, ao meu ver, un esforzo de autoanálise e autocrítica sen parangón. (…)”

Ourense: encontros de María Canosa con alumnado do Colexio Concepción Arenal

O luns 19 de maio, ás 12:00 horas, no Colexio Concepción Arenal de Ourense (Rúa Juan Manuel Bedoya, 22), María Canosa manterá un encontro con alumnos de Educación Primaria arredor do seu libro Matías, un pito de campionato, publicado en Galaxia.
No mesmo espazo, ás 16:00 horas, manterá outro encontro con alumnado de 3º e 4º de ESO, arredor do libro Faíscas, tamén publicado por Galaxia.

A Estrada: presentación de Marxinados, de Pepe Carballude

O martes 20 de maio, ás 20:00 horas, no IES Manuel García Barros da Estrada, preséntase a novela Marxinados, de Pepe Carballude, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Carlos Loureiro e Francisco Castro.