Lugo: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O venres 15 de outubro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase Denso recendo a salgado, primeira novela de Manuel Portas. Acompañarán ao autor Xosé Chorén, Xosé Miranda e Fran Alonso.

Vigo: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 15 de outubro preséntase na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, a partir das 20:00 h., o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Marita Vázquez de la Cruz, Xesús López Carreira e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Todo é silencio, de Manuel Rivas

A última novela de Manuel Rivas, Todo é silencio, preséntase o xoves 14 de outubro, ás 19:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela. Durante o acto intervirán o propio autor, a cantante Iria Peña e os guitarristas Gastón Rodríguez e Miguel Ladrón de Guevara, xunto co editor Manuel Bragado. Se o tempo o permite, o acto ocupará a praza de Cervantes

Santiago: charla-coloquio arredor de O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro

O mércores 13 de outubro, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolverase unha charla-coloquio arredor de O segredo de Marco Polo, publicado por Galaxia. No acto participan Arantxa Serantes, da Facultade de Filosofía, e o propio autor, Francisco Castro.

Ourense: Auria, actividades do día 12

Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o martes 12 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
13:00 h. Sinatura de libros de Carlos G. Reigosa.
19.00 h. Tras o encontro e sinatura de libros con Juan Eslava Galán, mesa redonda sobre A guerra do 36 na novela galega,  coa participación de Carlos Mella, Carlos G. Reigosa, Francisco X. Fernández Naval e Xosé Ramón Pena, moderada por Xosé A. Ponte Far.
Posteriormente, a partir das 20:30 h., recital de poesía Palabra Viva no Centro Cutural da Deputación (Edificio Simeón), con entrada de balde até completar aforo
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.

Ourense: Auria. Semana da Literatura Histórica, entre o 10 e o 17 de outubro

Entre os domingos 10 e 17 de outubro desenvólvese na carpa instalada no Xardín do Posío en Ourense Auria, Semana da Literatura Histórica, feira que quere pór en valor o xénero que lle dá nome e satisfacer o interese de lectores, escritores, editores e profesionais. Nos andeis da mostra poderanse ver as novidades das editoras Alvarellos, Nigra Trea, Xerais, Galaxia, Ir Indo e Ouvirmos. Canda actividades como ciclo de cine sobre nomes da historia, actos de animación, mesas redondas, conferencias ou sinaturas de libros, haberá un Premio Novela Inmortal, que lle da a palabra aos lectores para escoller cal, entre as dez obras propostas, merece recibir este palmarés. O galardón quedará inmortalizado nun monolito no parque da Praza Bipo Cesáreo (Alameda alta) de Ourense. Os obxectivos de Auria son múltiples: divulgar o xénero e as súas novidades, dar a coñecer ao público os autores máis prestixiosos e descubrir os novos valores, analizar o fenómeno e o seu éxito e establecer pontes entre historia e literatura. O programa completo pódese descargar neste ficheiro .pdf: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.