Vigo: presentación de Settecento, de Marcos Calveiro

Settecento será presentada no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, o vindeiro martes, 27 de abril, a partir das 19:30 horas, nun acto que contará coa participación do autor, de Manuel Candelas (Arume dos piñeiros) e da Orquestra de Corda «CMUS Profesional de Vigo», dirixida por Edita Shulman, que interpretará o concerto «Alla Rustica» de Antonio Vivaldi.

A despedida de Suso de Toro

Suso de Toro: «Hai deceséis anos que son escritor profesional, traballador autónomo, e deixearei de selo nos próximos meses. Fun escritor de oficio en lingua galega e vivindo na miña cidade, Santiago, non estivo nada mal, agora volverei a ocupar unha praza de profesor nun liceo ( o mesmo no que tiven a miña primeira praza hai vintetantos anos, unha curiosa viaxe no tempo cara atrás). Sinto que terei que facer unha reflexión sobre o que foi esta aventura e sobre por que remata. Esta madrugada imaxinei dous títulos para esa explicación que debo facer para min propio: “Adeus a todo iso” ou “A fin da escapada”. Hai títulos que xa veñen feitos. Mentres, estes meses, voume despedindo xa de cousas. […]»

Isto provoucou unha súbita reacción dos medios:

“A vida son máis cousas: a miña carreira literaria como tal remata aquí”
Suso de Toro: “Xa escribín o que quería escribir, cambio de oficio”
“Adeus a todo iso”

E o escritor tivo que saír ao paso do que se convertía en toda unha noticia no sistema literario: «Non imaxinaba que un apuntamento no blog desencadenase a noticia, pretendía irme despedindo da vida de escritor a modo. E unha decisión que ven xa de tempo. Ando aínda a promocionar o último libro, o que un faga haino que facer até a fin e o mellor que se poda, a que volva do Sant Jorsdi terei que sentarme a dar unha explicación de modo. Desculpas e grazas.» (Suso de Toro)

A Coruña: presentación de O grito do Ipiranga, de Luís Manuel García Mañá

Mañá venres, 23 de abril, ás 19:00 horas na sede da Fundación Barrié da Coruña (Cantón Grande nº 9) presentarase a novela de Luís Manuel García Mañá O grito do Ipiranga. No acto acompañarán ao autor, José María Barja Pérez (Reitor da Universidade da Coruña), Xosé Luís Axeitos Agrelo (secretario da Real Academia Galega) e o editor Manuel Bragado (Xerais).

Xerais na Feira do Libro de Ferrol

Coa Feira do Libro de Ferrol, que se celebrará no Cantón de Molíns entre os días 21 e 25 de abril, coincidindo coa festa do Libro, comeza o ciclo anual de Fieras do Libro organizadas pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais ten preparado unha importante participación en cada unha delas, consciente da importancia de visibilizar na rúa, no contacto coa cidadanía, o libro en lingua galega.

Día 21 mércores

19:30 horas: Pregón a cargo de Vicente Araguas.
20:30 horas: Presentación do libro Xuvia-Neda de Vicente Araguas. Intervirán: Xermán Castro, Nicolás Vidal, Manuel Bragado, Vicente Araguas e o cantante Roger de Flor.

Día 24 sábado

19:00 horas: Charla de Rosa Aneiros e sinatura dos seus libros de Sol de Inverno (PREMIO XERAIS DE NOVELA 2009) e Ás de bolboreta (PREMIO F. CAIXA GALICIA 2009)

19:30 horas: Jorge Llorca asinará exemplares do seu libro O’ Salto do Can.

Día 25 domingo

19:00 horas: Presentación de Ao pé da Laxa da Moa de Antón Cortizas. Intervirán Manuel Bragado e Antón Cortizas.

O escritor vasco Kirmen Uribe na Coruña

O escritor Kirmen Uribe, autor de Bilbao-New York-Bilbao e Premio Nacional de Narrativa 2009, viaxa a Galicia o vindeiro martes, 20 de abril. Uribe manterá un encontro coa prensa no Hotel NH Atlántico da Coruña coincidindo co lanzamento da súa novela Bilbao-New York-Bilbao, publicada por Xerais.

O escritor vasco participará no recital poético, xunto coa poeta galega María Lado, no ciclo “Poetas Di(n)versos” organizado pola concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

PROGRAMA DA VISITA: Martes, 20 de abril. Encontro coa prensa: 18:00-19:30 horas no Hotel NH Atlántico (Xardíns de Méndez Núñez da Coruña).

Dirección de Promoción e Prensa de Edicións Xerais de Galicia

A Coruña: Novo Club de Lectura en Galego, coordinado por Francisco Fernández Naval

Achegamos información relativa ao Novo Club de Lectura en Galego que, coordinado polo escritor Francisco Fernández Naval, comeza a súa andaina na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés. Se está interesado, pode inscribirse por teléfono (981-170218/19) de 8:30-15 h. ou na Sala de Consulta da Biblioteca (15-20:20 h.).

Vigo: hoxe María Xosé Queizán fala sobre Amor de tango

«O luns 12 de abril, ás 20.00 horas, a escritora María Xosé Queizán ditará unha conferencia no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo arredor de “Amor de tango e o Vigo da primeira metade do século XX”.

En Amor de tango María Xosé Queizán ofrece unha novela que reconstrúe o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot, unha das protagonistas. É a novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo. É a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra. É a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas están ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría. É a novela dos trasatlánticos, das fábricas de salazón, do Cable Inglés, das grandes Navieiras, da emigración, do Berbés. Memoria viguesa, intimismo, historia miúda e persoal e retratos construídos desde un eficaz realismo constitúen os eixos sobre os que gravita este fermoso e inesquecible canto a Vigo e as mulleres que a poboaron.»

Edicións Xerais de Galicia

A Coruña: Klásicos, de Marcelino Fernández Mallo

«A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro martes 13 de abril, terá lugar a presentación na Coruña do libro Klásicos de Marcelino Fernández Mallo, coa presencia xunto co autor, de Francisco Fernández Naval e Alberte Ansede. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación. Entrada libre.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio De la peseta al euro, o libro de relatos Cabilia e as novelas A Trenza e Klásicos. Mantén a bitácora persoal A trenza

ACAB

Presentación do III Encontro Cidade da Coruña: “Literatura e viaxe”


Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o luns día 12 de abril, ás 11,30 horas na Sala de Prensa do Concello da Coruña (Pazo de María Pita) foi presentado en rolda de prensa o III Encontro Cidade da Coruña, que se desenvolverá na sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11, A Coruña), baixo o lema “Literatura e viaxe”, segundo o seguinte programa:

19 de abril
Juan Gelman: “Baixo chuvia allea”
28 de abril
Miguel Anxo Murado: “Inventar un lugar en vez dunha historia”
5 de maio
Hélia Correia: “A poeira falante”
11 de maio
Alberto Mangel: “O camiño da lectura”
19 de maio
Xabier P. Docampo: Viaxes imaxinarias”

Estiveron no acto de presentación: María Xosé Bravo (concelleira de Cultura do Concello da Coruña) e Cesáreo Sánchez (presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega)

Gabinete de Comunicación da AELG
Tel. 660 530 525
Correo-e: prensaarrobaaelg.org