Arquivo da categoría: Narrativa
Ourense: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez
O
mércores 23 de marzo, ás 20:15 h., no Auditorio Municipal de Ourense, terá lugar a presentación da novela gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010, Deus xogando aos dados, do xornalista e escritor Fernando Méndez, publicada en Sotelo Blanco.
Pontevedra: presentación de As palabras que move o mar, de Xaime Toxo
O
xoves 24 de marzo, ás 20:00 h., no Auditorio do Café Moderno (Centro de Maiores Novacaixagalicia) de Pontevedra, preséntase o libro de relatos As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. O acto contará coa participación de Ramón Rozas (xornalsta e crítico de arte), Antón Sobral (artista plástico), Marta Quinta (intérprete de harpa celta e cantante) e o director de Xerais, Manuel Bragado.
A Coruña: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez
O mércores
23 de marzo, ás 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia e Edicións Laiovento presentan a novela de Lois Diéguez A poutada do Oso. Esta actividade iniciarase coa proxección do dvd De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Felipe Castro (axente facultativo medioambiental), Francisco Pillado (director da editorial Laiovento), Felipe-Senén López (arqueólogo e museólogo), e o autor. Desde as 19:00 h., o autor asinará exemplares dos seus libros, na compaña de Felipe Senén.
Berta Dávila: “No baile de máscaras”
Entrevista
a Berta Dávila en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Polo título [A arte do fracaso], espérase unha reivindicación do fracaso. É tanto así?
– Berta Davila (BD): O fracaso pode ser unha arte, no sentido de que pode ser unha escolla, unha opción. Hai xente que se atreve a exercer o fracaso, a transitar polo camiño do fracaso. Como se te dedicas á arte, o máis probable é que estas abocado ao fracaso.
– GH: En relación con iso hai un xogo coa idea dos escritores como seres enfermos…
– BD: É un xogo irónico. Tamén en Corpo Baleiro estaba esa idea. A literatura como unha enfermidade que te contaxia, e que che fai transitar polo mundo doutro xeito, distinto ás persoas que non son contaxiadas por esa epidemia. (…)
– GH: Hai tamén unha visión descrida sobre o que rodea a literatura: críticos, editoras… A narradora non quere que a xulguen pola súa xeración…
– BD: Hai unha visión do que non é tan bonito: ti só, na casa, escribindo. Producindo, como calquera outro produtor. E despois o baile de máscaras que rodea iso… Creo que terían que xulgarte pola obra, para ben e para mal. Pero tampouco tiven eu malas experiencias nese sentido.”
Santiago: presentación de Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo
O
xoves 17 de marzo, ás 20:15 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo, publicado pola Editorial Trifolium. No acto de presentación o autor estará acompañado pola escritora Marilar Aleixandre e polo editor, Xan Arias.
Vigo: seminario de traballo A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica dende 2010, con Dolores Vilavedra
O
xoves 17 de marzo, ás 17:00 h., na aula A12-B da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, terá lugar un seminario de traballo arredor do libro A narrativa galega na fin de século, con Dolores Vilavedra, chamado Unha ollada crítica dende 2010. A entrada é libre para profesorado, investigadores, alumnado e público interesado.
A Coruña: presentación de O cuadrilátero, de Xoán Fuentes
O
xoves 17 de marzo, ás 20:00 h., na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, presentación de O cuadrilátero de Xoán Fuentes, publicado en Toxosoutos. No acto participarán, ademais do autor, Sergio Vences Fernández e David González Couso.
Santiago: presentación de Caos calmo, de Sandro Veronesi
O
mércores 16 de marzo, ás 20:00 h., no Casino de Santiago, o escritor italiano Sandro Veronesi presenta a edición galega da súa novela Caos calmo, publicada en Galaxia, e que foi Premio Novela Europea Casino de Santiago no 2009. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.
Lugo: entregados os Premios da Edición 2010
O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
– Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
– Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
– Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.