Arquivo da categoría: Narrativa
A Estrada: conmemoración dos 50 anos de publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas
O
mércores 5 de xaneiro, a partir das 11:00 h., no Museo da Madeira e do Moble da Estrada, terá lugar o acto de conmemoración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, en Buenos Aires, que contará coa participación do propio autor, de representantes da editorial Galaxia e da Xunta de Galicia, e de persoeiros do mundo das letras e da cultura de Galicia. Nova recollida tamén en Galicia Hoxe e Galiciaé. Crónica posterior en Xornal, Galicia Hoxe e La Opinión.
A Estrada: presentación de Malas cartas, de Manuel Pereira Valcárcel
O
martes 4 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, na Estrada, preséntase a segunda novela de Manuel Pereira Valcárcel, Malas cartas, publicada pola editorial Biblos, dentro da súa colección Mandaio. No acto participarán, co autor, o escritor Miguel Lousazo, e o director de Biblos, Tucho Calvo.
Antón Riveiro Coello: “O abismo das historias”
Convocado o XXIX premio de novela longa Blanco Amor
O
Concello de Santiago de Compostela fixo públicas as bases da convocatoria do XXIX premio de novela longa Blanco Amor:
“Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.
Segunda.-Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12), por unha soa cara e a dous espazos.
Cuarta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.
Quinta.-De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Praza do Obradoiro s/n, 15705 Santiago de Compostela, facendo constar no exterior Para o XXIX Premio Blanco Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 28 de febreiro do 2011.
Sétima.-O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Santiago, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores/as ou críticos/as literarios/as da literatura galega.
Oitava.-O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinatarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.
Novena.-O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.
Décima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. En caso de non recollerse dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.-A entrega do premio terá lugar no mes de abril de 2011, nun acto público que se convocará oportunamente.
Décimo segunda.-O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.
Décimo terceira.-Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora.”
Santiago: Jaureguizar estará no Nadalxogo asinando exemplares de Tintimán
(Xerais)
Santiago: presentación de Obediencia, de Antón Lopo
O
mércores 22 de decembro, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, presentación da novela gañadora do Premio García Barros 2010, Obediencia, de Antón Lopo, publicada en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema e Anxos Sumai. Comentado en Galicia Hoxe, e con crónica posterior tamén en Galicia Hoxe e Xornal de Galicia.
Pontevedra: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes
O
martes 21 de decembro, ás 20:00 h, no Auditorio do Café Moderno (Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, preséntase Cabalo de ouros, o novo libro de Víctor Freixanes, publicado en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema, Lola Dopico e Miguel Barros.
Xosé Alfredo Naz gaña o XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo
Xosé
Alfredo Naz gañou o premio XXXVI Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo, que outorga a Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa obra O Mal, e tamén obtivo o primeiro accésit con A sombra da curuxa. O segundo accésit foi para Clara Isabel Rodríguez con Retallos da memoria perdida. O xurado do premio, que tivo escoller entre as máis de 60 obras presentadas, estivo formado nesta edición polo presidente do Pedrón de Ouro, Manuel Caamaño, os membros do Padroado David Otero e Xesús Santos Suárez, os escritores Ramón Caride Ogando, Marcos Calveiro e Miro Villar e o responsable de Normalización Lingüística do concello de Vilagarcía, Manuel Campos Sanmartín. A nova foi recollida en La Voz de Galicia e Faro de Vigo.
Víctor Freixanes: “A literatura é unha cousa moi seria, non fago concesións”
Entrevista
a Víctor Freixanes en La Opinión:
“La Opinión (LO): En Galiza temos moi bos escritores, pero temos lectores dabondo?
Víctor Freixanes (VF): Esa é seguramente a parte máis dura. Temos unha enorme capacidade de creación pero temos un público escaso ou polo menos insuficiente. A riqueza do catálogo do libro é enorme, pero nos lectores, aí seguimos a ter dificultades. Que se miramos cara atrás con perspectiva, avanzouse moitísimo, nunca se leu tanto como se le agora, pero somos poucos. Somos 2.700.000 persoas, e tendo en conta que nas sociedades desenvolvidas os lectores veñen sendo o 35% da poboación. E a iso hai que sumar que nesta sociedade temos un problema, que é o da lingua, que segue a estar en peligro grave.
LO: Cales son os pasos que se deben dar, dende o mundo editorial pola parte que lle toca, para ampliar eses lectores e lograr que a lingua deixe de estar en perigo?
VF: Unha editorial, que é unha empresa, ten que facer o mellor posible os seus produtos, o mellor posible a selección dos seus autores e dos seus textos, pensando na diversidade de públicos que hai. Ten que editar en condicións, para poder competir con calquera outra edición do mundo. Nestes mesmos días vimos de publicar O soldadiño de chumbo cun libro-cine en colaboración coa productora coruñesa Continental, unha obra que pode competir con calquera libro do mundo, tanrto na Feira de Boloña, como na Feira de Fráncfort… onde sexa. Pero temos que facelo ben, temos que publicar con pulcritude, e logo temos que saber lanzar, apoiar, promocionar, estimular, animar. Somos uns axitadores culturais tamén. É dicir, os editores galegos non somos máquinas de facer libros sen máis; estamos comprometidos cunha causa moi definida e así o sentimos todos, mesmo aqueles que semella que van máis ao seu.”