Vigo: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O xoves 28 de abril, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010. No acto participa, acompañando ao autor, Ánxela Gracián.

Pontevedra: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse

O mércores 27 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa da Oliva) de Pontevedra, preséntase a colectánea de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa Panisse, publicada en Edicións do Castro. No acto, presentado Roxelio Pérez Poza e Francisco Cerviño González, terá lugar a actuación musical do grupo de gaiteiros Os do Luns.

Bos Aires: presentación de O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo

O luns 25 de abril, ás 20:30 h., na Sala Alfonsina Storni, na Feira do Libro de Bos Aires, preséntase O libro das Seniguais e do único Senigual, de María Rosa Lojo, publicado en Galaxia. No acto participan a propia autora, a ilustradora Leonor Beuter e Víctor F. Freixanes. Ademais, contará coa participación do músico Alfredo Beuter.

Celanova: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O martes 19 de abril, ás 20:00 h., na Casa dos Poetas (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010.

Xesús Manuel Marcos: “En Galiza hai veteranos de guerra menores de 30 anos”

Entrevista a Xesús Manuel Marcos en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): A guerra dos Balcáns é un tema inédito na literatura galega. Por que se interesou polo tema?
– Xesús Manuel Marcos (XMM): Coido que ningunha guerra nos é allea, menos aínda unha na que xente próxima a nós participou. Coñecín xente que estivera alí e tiñan un testemuño moi diferente do que se nos “vende” a diario sobre as misións humanitarias no estranxeiro. Considerei necesario expoñer esoutra verdade fronte á idea que nos queren facer crer os grandes medios e os políticos. Quería escribir un libro que lle servise a quen o lea para formarse unha opinión real da participación do exército español na guerra dos Balcáns. (…)
– ANT: Vostede é un escritor en galego que vive en Madrid. Esa distancia favoréceo ou benefíciao?
– XMM: Para escribir, coido que me beneficia. Non só pola distancia senón polo feito de vivir en Madrid, unha cidade grande na que pasan moitas cousas e na que tes acceso a moita información que sería máis complicado obter nun lugar pequeno. Pero en xeral síntome orfo por morar lonxe de Galiza e gustaríame moito voltar se houbese posibilidade. En canto á visibilidade do teu traballo, penso que os que vivimos fóra estamos un pouco esquecidos, que os compañeiros non nos toman moi en conta.
– ANT: Unha das promesas da Consellaría de Cultura foi internacionalizar as letras galegas. Nótase esa presenza en Madrid?
– XMM: Institucionalmente, os organismos galegos culturais en Madrid teñen pouca actividade: algunha conferencia de cando en vez. A cultura galega non existe coma tal e só a través da iniciativa particular se move algunha cousa. Chama a atención a falta de apoio á tradución. Mentres ese asunto é capital na política cultural de Escandinavia –o que explica que haxa tanta literatura sueca nas nosas librarías– os esforzos de levar as nosas letras a outros mercados estaos a levar no lombo a empresa privada (caso de Pulp Books ou Faktoría K, por exemplo). E non poden pór a escusa dos cartos porque os custos da promoción son baixos. Tanto custa favorecer que se presenten libros e se asinen na Feira do Libro de Madrid? Son moitos os galegos que viven aquí e que celebrarían ver a súa cultura protexida e difundida nun acto tan popular. Eu un ano estiven, grazas á colaboración cunha libraría, e a aceptación foi grande, a pesar de ir “a pelo” coma quen di. Cando falan de internacionalización, deberían aclarar se a proposta é seria porque na práctica diso non hai nada. Fai falta unha institución que planifique a estratexia de difusión, implicando con vontade real os autores e editores. Cunha pouca ansia sería abondo. En Madrid hai a diario ciclos de autores portugueses, latinoamericanos, estadounidenses… Por que non galegos? Porque penso que o nivel de calidade é actualmente alto e si hai material exportábel pero non medios.”

Pontevedra: presentación e lectura dramatizada de collage, de Esther F. Carrodeguas

O venres 15 de abril, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), terá lugar unha lectura dramatizada sobre o libro collage, de Esther F. Carrodeguas (escritora e actriz), publicado pola editorial Barbantesa. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, intervirán a propia autora, Xisela Maneiro (actriz) e Carlos Gálvez (actor).

Chelo Suárez: A violencia e o terror

Entrevista a Chelo Suárez en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Salientas moito a idea de que o golpe e a guerra foron froito da ignorancia e do fanatismo…
– Chelo Suárez (CS): Foron uns cantos os que deron o golpe, e moitos outros os fanáticos que o secundaron. Foi unha guerra cainita. E creo que canta máis ignorancia haxa máis doado será que se obedeza, que non se faga fronte, a xente como a que causou a guerra.
– GH: Pero non hai que caer no discurso da guerra das pelexas por envexas entre veciños, non si?
– CS: Non, claro, a guerra tivo un fondo político, e na novela vese como hai xente detida polas súas ideas republicanas… Pero tamén é certo que houbo xente que aproveitou para a vinganza, e xente que se beneficiou coa guerra, como os estraperlistas que especulaban coa fame.
– GH: Hai tamén unha pegada da túa poesía, partes bastante líricas aínda que sexa prosa. E tamén está presente a sensualidade como en Corpo de mar ou A venus de Cristal.
– CS: Si, neste libro está a sensualidade da fraga, ou a dos rapaces namorados, ou a de Laura e Estela. A sensualidade está na natureza, nos animais, e por suposto, e onde máis, nos humanos. A lírica pódeme, non hai bo libro que non teña algo de poesía. (…)
– GH: Estase a escribir moito sobre a guerra, non si?
– CS: Si, pero eu non entendo as persoas que din “outra novela sobre a guerra civil!”, como se fose todo redundancia. Creo que queda aínda moito que dicir sobre a guerra, e que un non debe calar. Só a verdade poderá curar as feridas.”