A Coruña: programa do sábado 7 de agosto na Feira do Libro

19.00 h. Presentación do libro Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto e Chinto, publicado por Kalandraka Editora. Xunto cos autores, participará no acto Paz Castro.
19.00 h. Os escritores Celso Castro (autor de El afinador de habitaciones) e Narciso de Gabriel (autor de Elisa y Marcela. Más allá de los hombres), asinarán exemplares dos seus libros, publicados pola editorial Libros del Silencio.
19.30 h. Presentación da novela O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre, publicada por Xerais. Xunto coa autora, participará Manuel Bragado.
20.00 h. O escritor Sindo Seixido asinará exemplares do seu libro Huellas de amor en la memoria.
20.30 h. Mesa Redonda: Ser escritora en España. Participan: Milagros Frías, Soledad Puértolas e Espido Freire, e Modera: Fernando Marías. Colabora Ámbito Cultural, de El Corte Inglés.

Ortigueira: mesa redonda e presentación da reedición de O anarquista, de Leandro Pita Romero

O Concello de Ortigueira organiza o vindeiro 6 de agosto, ás 21.00 h., unha homenaxe ao escritor, xornalista e político Leandro Pita Romero (Ortigueira, 1898-Bos Aires, 1985), coincidindo co seu 25 cabodano. Durante a xornada celebrarase unha mesa redonda titulada Leandro Pita Romero, o ortigueirés máis universal, que contará coa participación de Ramón Villares, o xornalista Moncho Barro e Gertrudis Pita Romero, irmá do escritor. Para contribuir á recuperación da súa memoria, e a proposta do Grupo de estudos ortigueireses, presentarase a edición facsimilar da novela de Leandro Pita O anarquista, publicada orixinariamente no ano 1924 na editorial Lar, dirixida por Uxío Carré Alvarellos.

A Coruña: programa do venres 6 de agosto na Feira do Libro

18.00 h. O escritor Jordi Sevilla presentará o seu libro La joven de la foto, publicada por Ellago Ediciones. Xunto co autor, participará no acto o alcalde da Coruña, Javier Losada, e o editor Francisco Villegas. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
19.00 h. Presentación do libro Construtores, publicado por Factoría K. Participan no acto o autor dos textos, Xulio Gutiérrez, Nicolás Fernández, autor das ilustracións e Paz Castro.
19.30 h. O escritor Suso de Toro asinará exemplares do seu libro Sete palabras, publicado por Xerais, e do resto da súa obra.
20.00 h. O escritor Vicente Araguas presentará o seu libro Xuvia–Neda, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

20.30 h. O escritor Ignacio Bermúdez de Castro Olavide asinará exemplares do seu libro Una vida en siete días, publicado por Huerga y Fierro Ediciones.
21.00 h. Mesa Redonda: ¿Qué escriben os homes, qué escriben as mulleres? Participan: Rosa Regàs, Marta Rivera de la Cruz e Vanessa Montfort. Modera: Fernando Marías. Colabora: Ámbito Cultural de El Corte Inglés.

A Coruña: programa do xoves 5 de agosto na Feira do Libro

19.00 h. Presentación da colección de libros infantís Rodribico, publicada por Baía Edicións. Participan no acto Manuel Guisande, autor dos textos, Xosé Tomás, autor das ilustracións e o debuxante Siro López.
19.00 h. Manuel Rivas asinará exemplares do seu libro Milú, publicado por Kalandraka Editora. Tamén asinará exemplares do seu libro Todo ben, publicado por Xerais, e do resto da súa obra.
20.00 h. O escritor Xosé Carlos Caneiro presentará o seu libro Un último destino, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participarán no acto Víctor F. Freixanes e Xosé Luis Vilela.

21.00 h. Presentación do libro Intersecciones, de Pablo de Aguilar González, publicado por editorial Inéditor. Xunto co autor, participará no acto o escritor Juan Mariñas.

A Coruña: programa do martes 3 de agosto na Feira do Libro

18.00 h. Presentación de Pasaporte, un poema do escritor maltés Antoine Cassar, con ilustracións de Asya Reznikov e Noel Tanti e adaptación ao castelán de Carmen Herrera e Antoine Cassar. Xunto co autor, participarán no acto Yolanda Castaño e a ONG de Ecodesarrollo Gaia.
19.00 h. Ánxel Vázquez de la Cruz asinará exemplares do seu libro Luz de Tebra, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
19.00 h. Presentación dos libros La emigración española a Europa en el siglo XX e Hijos y nietos de la emigración española. Las generaciones del retorno, coordinados por X. Amancio Liñares Giraut, e editados polo Grupo España Exterior. Intervirán no acto Laura Oso Casas, profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña, Xesús Fraga, xornalista e o coordinador das obras.
19.30 h. Benigno Campos, autor do libro A cociña de Larpeiros, publicado por Galaxia, asinará exemplares do seu libro.
20.00 h. O escritor Ánxel Vázquez de la Cruz presenta o seu libro Luz de Tebra. Xunto co autor, participarán no acto o escritor Manuel Rivas, o doutor Manuel Salorio e Manuel Bragado.
21.00 h. O escritor Marcos Calveiro presentará o seu libro Seteccento, publicado por Xerais. Xunto co autor, intervirán Óscar Sánchez e Manuel Bragado.

Lira (Carnota): presentación de Ao pé da Laxa da Moa, de Antón Cortizas

O venres 30 de xullo, ás 20:00 h., preséntase o libro de Antón Cortizas Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota, publicado en Xerais, na Confraría de Pescadoras de Lira Portocubelo, en Carnota. No acto participarán Manuel Bragado, Belén Campos, Francisco X. Fernández Naval e Manuel Souto acompañando ao autor. Ao remate da presentación María de Fetós interpretará unhas pezas musicais coa súa pandeireta.

Xornal: “Manuel Rivas mergúllase no contrabando coa nova novela que publicará en outono”

Entrevista a Manuel Rivas en Xornal:
“Manuel Rivas ofrecerá en outono unha nova novela da man da Editorial Xerais. Nesta ocasión, o escritor e académico introducirase no mundo do contrabando. Para iso, ideará unha vila inventada como escenario da súa nova creación, titulada Todo é silencio. “Acontece nun lugar imaxinario con referencias reais da costa atlántica. Nárrase o ascenso dun capo do contrabando, pero o realmente esencial na obra son as personaxes. O contrabando é simplemente o pano de fondo”, adianta o académico Manuel Rivas. Dende esa vontade de poñer en primeiro plano as personaxes, realiza un percorrido temporal polo transcorrer desta vila imaxinaria. “O libro está ambientado nas últimas décadas do século XX, trata da vida da xente deste lugar e das distintas xeracións. Pódese dicir que trata das almas da vila”, explica o autor de Que me queres, amor?.
A nova tamén é sinalada en Faro de Vigo, La Opinión e Xerais.

Bookcrossing con Dragal, de Elena Gallego

O aeroporto Charles de Gaulle de París, a cidade de Beijing e o porto xaponés de Kyoshu son algúns dos lugares elixidos pola escritora Elena Gallego para ceibar senllos exemplares da súa novela Dragal, a herdanza do dragón, editada por Xerais. A andaina dos libros, rexistrados e ceibados coas etiquetas de bookcrossing números: 178-8134411 Aeroporto Vigo 24 xullo, 194-8188676 Aeroporto Charles de Gaulle-París 24 xullo, 198-8128827 Beijing- 25 de xullo e 518-8129916 Porto de Kyoshu, illa de Fukuoka, Xapón 1 agosto, poderá seguirse a través da web internacional de Bookcrossing. A autora tamén abriu un espazo bookcrossing na web da novela, na que aquelas persoas que atopen os libros ceibados nesta novidosa experiencia poidan subir cometarios e  fotos.

Elena Veiga Rilo gaña o 6º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos

Con Morto en fucsia, Elena Veiga Rilo (Guísamo-A Coruña, 1991), estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago, é a gañadora do 6.º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou o pasado venres 23 de xullo na tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Fina Casalderrey como titora e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. Con Elena Veiga foi finalista Andrea Maceiras Lafuente, presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa ademais da recomendación do xurado de rematar o seu proxecto, no que tamén viu grandes posibilidades de rematar nunha boa novela.
O xurado, integrado por Fina Casalderrey, Pablo García Martínez (gañador da quinta edición) e Tucho Calvo, considera que, “cunha vizosa imaxinación e unha excelente agudeza no emprego da retranca, Elena Veiga ofrécenos unha historia tráxica de lectura amable, capaz de conmover nalgunha páxina ata encollerche o peito, e de arrincarche de súpeto unha gargallada en momentos de esperpento e hipérbole”, constituíndo “unha crítica mordaz e irreverente da sociedade actual que non deixa títere con cabeza: a igrexa, a pedofilia, os malos tratos, a violencia de xénero, os marxinados sociais, o mundo da moda, a hipocrisía enquistada e aceptada polos cidadáns, a droga, a transexualidade, a aparencia, o fraude, os traumas da infancia que quedan como tatuaxes na alma”. Conclúe o xurado que, “auténtica expoñente da que podería ser a nova Xeración Facebook, en Elena Veiga cómpre destacar o ben que xoga durante a construción da trama coa virtualidade e como se aproveita dela para agachar unha proposta de final que abate o lector”.
Antes da lectura da acta do xurado, os convidados puideron disfrutar dun breve concerto do Quinteto Pentalfa que lidera o gaiteiro Bieito Romero e tamén participaron na homenaxe que recibiu o libreiro Xesús Couceiro, a quen se lle fixo entrega do 2.º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura da asociación Pazos de Galicia que visualiza nunha escultura do artista Luís Loureira. Biblos e Pazos de Galicia quixeron salientar unha vez máis o papel fundamental e o esforzo totalmente altruísta que os titores veñen desempeñando no premio que organizan e, para deixarlles constancia do seu agradecemento, fixéronlles entrega dunha escultura creada para a ocasión por Ramón Conde e personalizada cos nomes de Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas e Fina Casalderrey.