Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego

Víctor Freixanes: “Adeus a Isaac”

Artigo de Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia, desde Galaxia:
“Na historia da Galicia da segunda metade do pasado século hai dous grandes esteos sobre os que se alza a memoria da cultura e a dignidade democrática do galeguismo despois da guerra civil: a editorial Galaxia (1950) e o Laboratorio de Formas de Galicia (1963). Dous ríos que nos alimentaron e que avanzaron xuntos durante moito tempo. O primeiro naceu da man de Xaime Illa Couto (que aínda segue entre nós) e de Francisco Fernández del Riego, aos que se sumou axiña Ramón Piñeiro. O segundo, soñado inicialmente no exilio de Buenos Aires e materializado despois no complexo industrial e cultural de Sada e Sargadelos, xorde da iniciativa e talento de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
Fóisenos Isaac. Paseniñamente, coa discreción e a elegancia que o caracterizou sempre, vaise unha xeración fundamental: a dous grandes mestres, iso que nos libros denominamos «galeguismo histórico» e que vén ser a xeración dos maiores, o discurso (e o exemplo) dos pais, que nos fixeron como agora somos. Sobre eses dous principios, que á súa vez continuaban e collían o relevo dá xeración Nós, as Irmandades da Fala, o galeguismo republicano de Castelao, Villar Ponte, Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, rexurdiu un alento que moitos daban por perdido e que agromou en novas xeiras, gallos novos da árbore común, bastante máis vizosa do que imaxinamos.
“Unha xeración de fracasados”, dicía ás veces Isaac, se cadra porque nunca logramos plenamente o que soñamos. Sempre me pareceu inxusta esta observación. Todo o que somos, sómolo grazas a eles: á súa intelixencia, ao seu talento, á súa teimosía e á súa xenerosidade. O que algúns chamamos “galeguismo civil”, espazo de labor común por riba de diferenzas e posicionamentos ideolóxicos, lexítimos e necesarios nunha sociedade complexa, é ou resultado dese esforzo e desa intelixencia estratéxica. O país facémolo entre todos. O pasado venres, na despedida de Isaac, estabamos todos (case todos) os que cremos que a herdanza que nos deixan é un patrimonio irrenunciable para seguir avanzando nesa Galicia nova, moderna e integradora que os devanceiros soñaron. (…)”.

Víctor Freixanes: “Era un pulmón incansable da cultura galega”

“O mundo da cultura lamenta o falecemento de Isaac Díaz Pardo, e glosa a importancia do seu traballo. Recollemos as reaccóns de pesar a este triste acontecemento.
Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, sinala que “pouco a pouco váisenos a xeración dos históricos, quédannos practicamente Xaime Illa Couto e Avelino Pousa Antelo. Isaac era un pouco a ponte entre a Galicia de aquí e a Galicia do exilio, esa ponte simbólica que conseguiu concretar no proxecto Sargadelos con Luís Seoane. Era un pulmón incansable da cultura galega, e deixa unha marca que é esa visión da cultura que non se fecha en si mesma, senón que busca noutros ámbitos, no mundo da empresa, na economía e nas industrias culturais a súa capacidade competitiva. Supuxo unha marca de modernidade no galeguismo do século XX. Con Luís Seoane formaron aquel grupo de soñadores de Bos Aires que souberon moi ben que había que manter firme a dignidade e que tamén había que voltar e dar aquí a batalla. E fixérono ben”.” Vía Cultura Galega.

Falece Isaac Díaz Pardo

“A morte sorprendía a Isaac Díaz Pardo esta mañá aos 91 anos de idade na Coruña. O histórico galeguista, industrial, empresario e activista cultural estaba ingresado no hospital San Rafael da Coruña a se recuperar dunha pulmonía. Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos. Cunha longa vida plenamente dedicada a Galicia e ao galeguismo, a figura de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) resulta fundamental para coñecer a evolución do noso país ao longo do século XX. Testemuño do galeguismo de preguerra e da súa aniquilación polo franquismo, traballador incansable durante os anos escuros, conexión imprescindible coa cultura galega na emigración e peza fundamental na configuración da nosa cultura na etapa autonómica, a figura do recentemente falecido emerxe como unha constante na historia da nosa cultura ao longo dos últimos cen anos. (…)” Vía Cultura Galega.
Recollido en Asociación Galega de Editores, Galaxia, Xerais, Portal Galego da Língua, Fervenzas Literarias, Gálix, Galicia Hoxe, La Opinión, El Progreso, Galiciaé, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Camilo Franco, Faro de Vigo, Galiciaé, El País, Galicia Confidencial, Mundo Galiza e Diário Liberdade.

Falece Marcos Valcárcel

“O pasamento de Marcos Valcárcel, que se produce no cabodano da marcha de seu pai, pon fin a unha longa enfermidade. Galicia perde un gran investigador, erudito e divulgador da cultura galega, tarefas que o ourensán combinaba coa súa traxectoria como dinamizador cultural, xornalista de opinión, ensinante e estudioso da historia cultural, literaria e política da súa cidade e de todo o país. Autor de numerosas publicacións e cun constante labor xornalístico durante máis de trinta anos no campo do columnismo de opinión, puxo en marcha un dos blogs de máis prestixio do país, As uvas na solaina.” Vía Xornal, que tamén recolle posteriormente diversas reaccións ante a nova. Aparece recollida tamén en: Galicia Hoxe (en dous artigos), A Nosa Terra, La Voz de Galicia, El País, Faro de Vigo, Galiciaé, Cultura Galega e Xerais. Crónica do último adeus en Xornal.

Santiago: acto de homenaxe institucional a Francisco Fernández del Riego

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia realizan unha homenaxe conxunta a Francisco Fernández del Riego, que terá lugar o mércores 1 de decembro a partir das 17:00 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.