Portugal despede Ramos Rosa, um seu grande escritor

Desde Sermos Galiza:
“Em Lisboa, aos 88 anos, morreu António Ramos Rosa, um dos grandes escritores das letras portuguesas com uma ampla obra de poesia e ensaio que fecha o livro Em torno do Imponderável do passado ano. Deixou pegada nas letras galegas, em especial no fascínio que por ele sentia o poeta Eusébio Lorenzo Baleirón.
A editora Espiral Maior dirigida pelo poeta Miguel Anxo Fernán Vello publicou em 1994 um livro inédito do poeta intitulado O Navio da Matéria. Ramos Rosa teve relação literária e pessoal com o poeta Eusébio Lourenzo Baleirón que mesmo fizera um estudo sobre a sua obra e visitara o escritor em Lisboa. Outros autores galegos como Miro Villar confessam a presença da obra de Ramos Rosa no seu imaginário poético.
Uma ampla obra poética, além de livros de ensaio de referência arredor do feito poético, compõem a trajetória literária de um dos escritores mais valorados em Portugal que trouxe para a sua língua também grandes nomes da literatura universal e pôs a andar diversas revistas literárias.
Ramos Rosa ganhou o Premio Pessoa em 1988, além de outros galardões como o Prémio Associação Portuguesa de Escritores ou o Internacional de Poesia, aliás de dar ele próprio nome a um prémio poético. Autodidata -deixou os estudos sem rematar a secundária-, mais de grande formação leitora e domínio de diversas línguas que o fizeram um reconhecido tradutor literário. Em 1958 publica o seu primeiro livro, O Grito Claro, ao que seguiram quase um cento de títulos até Em torno do Imponderável do passado ano. O Ciclo do Cavalo, Figuras Solares, Sobre o Rosto da Terra, Volante Verde, Nomes de Ninguém ou As Palavras são alguns dos títulos da sua larga trajectória.
Segundo conta a imprensa portuguesa, o poeta teve fôlegos mesmo no último momento para escrever em papel o que está considerado o verso mais conhecido e emblemático de toda a sua obra: “Estou vivo e escrevo sol”, que marca também o espírito que presidia a sua condição de escritor, claramente social, mais poética em estado puro, numa harmonia que levou à teoria mais à prática.
A morte de Ramos Rosa acontece pouco depois da desaparição de outro grande vulto das letras portuguesas, o narrador Urbano Tavares Rodrigues, dois grandes autores case do mesmo tempo que partilharam também na biografia a condição de se opôr ao regime salazarista.
O corpo de Ramos Rosa será sepultado no Jazigo dos Escritores, no Cemitério dos Prazeres.”

O adeus galego a Seamus Heaney, o irlandés con “imaxinación poética” da Fisterra

Desde Sermos Galiza:
“Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver, a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda.
Ferrín dedicoulle Estirpe, a Universidade da Coruña nomeouno Honoris Causa e Xerais inaugurara unha colección coa súa obra. O mundo da literatura galega lamenta de maneira especial a morte do escritor Seamus Heaney e, desde que a noticia se fixo pública, foron varias as mostras de pesar pola desaparición dun Premio Nobel para o que Galiza existía como nación e como universo literario. Deixouno claro cando participou no acto de nomeamento como doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña, cando xa recibira o Nobel, nun discurso no que evocou a Fisterra como unha das palabras claves no seu imaxinario biográfico e sinalou que, desde Irlanda, “Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que atopamos. E Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética”.
O libro Traballo de campo, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais en 1996, apenas dous meses despois do acto no que Heaney recibía o Premio Nobel. O tamén escritor Manuel Outeiriño foi o encargado de verquer na nosa lingua a obra teatral A cura en Troia, apenas dous anos antes de que, no 2000 o vínculo con Galiza se estreitase ao ser investido Doutor Honoris Causa pola Coruña. No 1999, a obra de Heaney merecería un lugar destacado no volume antolóxico, Poesía irlandesa contemporánea, de Antonio de Toro Santos, profesor que impulsou o nomeamento do poeta pola Universidade da Coruña.
“Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral”, escribe Manuel Bragado, director de Xerais, selo que lle deu o destaque de inaugurar a súa colección poética. “Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade”, sinala Bragado.”

Finou Benxamín Casal, presidente de Galaxia

Desde Sermos Galiza e Galaxia:
“Finou Benxamín Casal, lucense da xeración do 35. Actualmente presidía a Editorial Galaxia. Casal era un galeguista cunha ampla traxectoria social e cultural. Foi deputado no Parlamento galego e dirixiu a Gran Enciclopedia Galega, aliás de publicar numerosos traballos e estudos sobre o mundo rural, que tan ben coñecía.”

Finou José Luis Sampedro

Desde Sermos Galiza:
“Finou o domingo en Madrid, mais a familia optou por non dar a nova até esta terza feira, día no que foi incinerado, pois quería marchar “sen publicidade” nin ”fastos”. José Luis Sampedro faleceu aos 96 anos de idade. Economista, escritor, ensaísta. Un referente para un compromiso e coherencia que nunca se rendeu fronte o pensamento único. (…)
En 2012, Sampedro recibiu o galardón de Escritor Galego Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Esta asociación destacaba a “alta calidade da literatura lúcida, profunda, radical e transgresora” de Sampedro, “impregnada do seu compromiso ético”.
A relación de José Luis Sampedro con Galiza comezou na década dos setenta a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou económicamente cunha mensualidade do seu salario de senador nas primeiras cortes após o franquismo.”

Fina Paco Lareo, dinamizador cultural do rural galego

“Esta fin de semana morreu en Cruces Paco Lareo (Piloño, Vila de Cruces, 1938), un dos referentes actuais de dinamización do contorno rural. Malia a súa faceta de creador como escultor e pintor, destaca o seu proxecto cultural que desenvolveu na Solaina, unha das casas que posuía na súa localidade natal. Unha iniciativa que leva tres décadas de traballo promovendo encontros de artistas e escritores de eido internacional nun espazo rural, moi apegado á natureza. Lareo presidiu a fundación A Solaina (en proceso de reconverterse en Fundacion Paco Lareo) que promove a actividade deste espazo ata 2011, cando deixou o cargo na súa irmá tras serlle diagnosticado parkinson.” Desde Cultura Galega.

Falece Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol

“O pasado sábado despedímola familiares e amigos no cemiterio compostelán de Boisaca. As súas cinzas quedarán depositadas no cemiterio parroquial da vila de Castropol, a carón das do seu esposo Fermín Penzol Labandera (1901-1981). Un e outra foron a alma da Fundación que leva o seu nome, creada en 1963 na órbita de Editorial Galaxia. fondo histórico fundamental para a memoria do galeguismo e da cultura galega. (…)
Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926) casou con Fermín Penzol en decembro de 1948 e dende entón desenvolveron xuntos unha intensa actividade a prol do máis importante fondo documental da cultura galega sostido por unha institución privada e civil. Ao falecemento de Fermín en 1981, Blanca asumiu a presidencia da Fundación e, posteriormente, a presidencia de Honra, a causa dos problemas de saúde que nos últimos tempos a tiveron retirada na Coruña. Era conselleira de Editorial Galaxia, empresa á que tanto Fermín coma ela se sentiron vencellados dende a creación da mesma en 1950. En febreiro de 1997 a Asociación de Mulleres Diálogos 90 recoñeceuna como Galega destacada, galardón que lle entregou solemnemente o alcalde de Vigo. No ano 2002 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao. Tamén foi membro do Consello da Cultura Galega, entre 2001 e 2004, en representación da Fundación. (…)” Desde Galaxia.

Faleceu Óscar Fernández Refoxo

“A Agrupación Cultural O Galo lamenta profundamente o pasamento, o 24 de agosto do 2012, do seu presidente de Honra, Óscar Fernández Refoxo. Refoxo foi fundador da Agrupación no ano 1961 e presidiuna desde o 1991 ata o 2011, ano no que foi nomeado presidente de honra da mesma. Home comprometido e loitador, defendeu sempre activamente a cultura e a lingua galegas así coma o asociacionismo. Participou na fundación da Agrupación Cultural O Galo, primeira iniciativa galega de asociacionismo civil no franquismo e presidiuna durante 20 anos. Na actualidade, e desde o ano pasado, ocupaba a presidencia de honra da entidade, recoñecemento polo seu traballo incansable na agrupación. Ademais de no Galo, colaboraba con moitas outras entidades, por exemplo co Museo do Pobo Galego ou coa Fundación Araguaney, das cales era patrono.” Vía A. C. O Galo.

Faleceu Avelino Pousa Antelo

Hoxe, 20 de agosto, faleceu Avelino Pousa Antelo aos 98 anos de idade. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, quere manifestar o seu pesar pola perda da persoa, do intelectual, do activista, que foi para nós, e especialmente para as xeracións máis novas, memoria e exemplo de entrega ao noso país.
Por medio deste comunicado a AELG quere darlle o pésame aos seus familiares. Ao tempo queremos honrar a figura de quen mantivo viva para nós a mensaxe e as vivencias de Castelao e de todos os galegos e galegas que loitaron arreo pola nosa nación, pola nosa lingua e pola nosa cultura.
Avelino Pousa Antelo fixo honra do que el mesmo definiu como galego, pois tivo como divisa o engrandecemento de Galiza, creu nela, creu que todos os galegos e galegas “temos un deber inexcusable de traballar polo engrandecemento da nosa terra” e quixo que isto fose en todos os aspectos: cultural, social e económico.
O seu compromiso con Galiza levouno a traballar en diferentes ámbitos e a manter viva a memoria do tempo das Mocidades Galeguistas, a doutrina de Castelao ou Bóveda. Así Avelino déixanos sendo o Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, cargos que nos trasladan a vitalidade do seu compromiso máis alá da idade, mantendo vivo o espírito do mozo que un día asistira ao mitin de Castelao no Teatro Principal de Compostela.
A AELG, que o recoñeceu co nomeamento de Bo e Xeneroso no ano 2004, lamenta esta enorme perda e desexa que a súa obra e o seu exemplo fiquen na memoria de todas e todos nós e que nunca esquezamos a Avelino nin os motivos da súa entrega, que non esquezamos que foi para el tarefa central vencellar a nosa mocidade “á tarefa que, como galegos, a todos nos afecta e obriga: a de loitar sen acougo pola mellora material, cultural e social da nosa Terra e da nosa xente.”
Desde a AELG convidamos a todas as galegas e os galegos a despedir a Pousa Antelo invocando aqueles seus versos: “Voltará da aurora / a luz temerosa, / e, na Patria nosa / voltará a brilar / a branca bandeira / co azul do ceo / ó compás do vento, / ¡ doce libertá ! / E nos nosos peitos, / e nas nosas vidas, / espranzas fuxidas / que retornarán, / encherán a Terra, / encherán os ventos / con novos alentos / na terra e no mar”.
Prezado Avelino, a túa memoria fica en nós!

Morreu o escritor Bernardo García Cendán

“O escritor e profesor Bernardo García Cendán, ligado aos movementos de crentes de base que pularon pola galeguización da Igrexa, finou este 12 de xuño en Lugo. Sociólogo, crego, escritor, compositor…, din de Bernardo García Cendán que chegaba a todas partes pero que era sinxelo perdoarlle pola súa cordialidade. Formou parte dos movementos de base da Igrexa que levan pulando dende hai décadas pola súa galeguización, con moito esforzo mais con escaso eco da súa mensaxe entre as xerarquías da institución. Crego e sociólogo, Cendán alentou do espírito renovador impulsado polo Concilio Vaticano II e logo castrado polo papa Wojtyla. Foi fundador da asociación Irimia e da revista Encrucillada, de cuxo consello de redacción formaba parte. (…)” Vía Sermos Galiza.