Bos Aires: homenaxe a Antón Santamarina Delgado

O sábado 18 de xuño, no Centro Betanzos de Bos Aires, terá lugar unha homenaxe a Antón Santamarina Delgado polo cincuentenario (1-xuño-1961) do seu libro Pra unha terra apremida, que foi considerado como un dos anticipadores da corrente socialrealista da poesía galega no seu tempo.

María do Carme Kruckenberg prevé editar dous novos poemarios este ano 2011

‘A editorial Barbantesa publicará este ano dous novos poemarios da escritora María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926). O primeiro deles verá a luz nas próximas semanas e titúlase O enigma do segredo. Esta obra reúne un feixe de cincuenta poemas que estaban no caixón á espera de seren publicados. “Son poesías que escribín na última época, entre 2007 e 2009. Estaban aquí durmindo. Espero que gusten, xa que considero que son moi importantes e do mellor que escribín” (…) Para Kruckenberg, estes versos reúnen gran parte do seu estilo poético. “Son un anaco moi importante do meu dicir poético, son moi importantes para min. Ten certas claves para que os lectores vexan que son versos que pagan a pena”, sinala a escritora, que destaca a presenza do “desacougo e a morte” nos seus poemas. Ademais, a Guerra Civil xoga un papel destacado no poemario, xa que centra un dos diversos apartados nos que se divide esta obra poética. Deste xeito, a escritora busca homenaxear e lembrar os mortos e as vítimas da contenda e da posguerra.
Cara ao final de ano, Barbantesa lanzará outro poemario da escritora María do Carme Kruckenberg. Neste caso, o tema central será o jazz, un estilo musical que a autora xa analizara dende un punto de vista poético en 1999. Aquel ano, Kruckenberg publicara un total de 17 poemas ilustrados pola artista Eva Llorens sobre os grandes nomes masculinos do jazz. Baixo o título Jazz Espido (Edicións do Castro), o libro estaba dedicado a varios compositores e os debuxos eran de mulleres espidas. Doce anos despois, Kruckenberg pecha o círculo. “Faltaban os poemas dedicados ás grandes mulleres do jazz, era algo que estaba pendente”, sinala a escritora, que considera que con esta obra “xoga co pasado” ao volver a el para enfrontarse cunha materia pendente. A escritora recoñece, ademais, que realizou estes poemas nas últimas semanas, nun “momento de enfermidade”. Non obstante, non puido deixar de traballar. “Non podo estar sen facer nada, cada noite soño cun poema”, recoñece.’. Vía Xornal.

Lugo: presentación de as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó

O martes 14 de xuño, ás 19:30 h., na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro de poesía as desfeitas do día, de Pedro P. Riobó, publicado en Edicións Morgante. A presentación incorpora un recital audiovisual dunha duración aproximada de vinte minutos. Os convidados son: Tareixa Campo e Antón Sampaio, do grupo Achádego Teatro.

Marín: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado

O domingo 12 de xuño, ás 20:00 horas, como parte da programación do Ciclo Artes no Mercado de Abastos de Marín que organiza a Central Folque, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión, como parte da programación do ciclo Artes no Mercado de Abastos que organiza a Central Folque.

Sanxenxo: gala de entrega de premios do VII Certame Literario IES Sanxenxo, con María Lado, Lucía Aldao e Xosé Neira Vilas

O venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo terá lugar a gala de entrega de premios do VII Certame Literario IES Sanxenxo, dentro da que haberá un recital poético-musical con María Lado e Lucía Aldao. Como escritor convidado estará Xosé Neira Vilas. Crónica posterior en Galaxia.