A Coruña: recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez

O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, terá lugar un recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles. O acto, presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:

– Lois Diéguez
– Francisco X. Fernández Naval
– Yolanda Castaño
– Xulio L. Valcárcel
– Marica Campo
– Diana Varela
– Cesáreo Sánchez

Haberá unha actuación musical de César Morán e Xosé Taboada.

Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar a Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña.

Vigo: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

O venres 18 de febreiro, ás 21:00 h., no Auditorio Municipal de Vigo, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.

A Coruña: Poetas Di(n)versos: recital de Miren Agur Meabe e Claudio Rodríguez Fer

O luns 21 de febreiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, terá lugar un novo recital do ciclo Poetas Di(n)versos,  organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e dirixido por Yolanda Castaño, no que participan:
– Miren Agur Meabe, nada en Lekeitio (Biscaia) en 1962, mestra e filóloga vasca, autora de narrativa, literatura infantil e xuvenil, e poeta, autora de Oi, hondarrezko emakaitz, Azalaren kodea (O código da pel), Premio da Crítica Española no 2001 e Bitsa eskuetan (Escuma nas mans). Galardoada en 2007 co Premio Lauaxeta pola súa traxectoria literaria e profesional, ten participado en múltiples Encontros Literarios Internacionais, e textos seus teñen visto a luz en múltiples antoloxías e libros colectivos, ou foron traducidos a varias linguas europeas.
– Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956), poeta, ensaísta, narrador, autor de teatro e de poesía visual. Foi catedrático de Literatura en Galicia, así como profesor en universidades de Nova York, Bretaña e Santiago de Compostela, onde actualmente dirixe a revista literaria “Moenia” e a “Cátedra Valente de Poesía e Estética”. Coordina a revista “Unión Libre. Cadernos de vida e culturas”. Publicou, disertou e recitou en numerosos lugares de Europa, América e África, e dirixiu diversos congresos e encontros e participou en decenas de actas, enciclopedias e revistas europeas e americanas. Como estudoso é autor de obras críticas, ensaios e edicións realizadas en torno a autores galegos e universais.
Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Febreiro 2011.

Pontevedra: presentación do libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., no Auditorio da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, nun acto organizado polo Ateneo desta cidade, preséntase o libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Acompañarán ao poeta o editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o grupo musical Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra). Máis información en Galicia Hoxe.

83 orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Pechado o prazo de recepción de orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño recibíronse 83 poemarios. O xuri está formado por Baldo Ramos, Chus Pato e Xiana Arias, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Arias, e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar, os dous con voz e sen voto. O ditame do xuri darase a coñecer o 26 de marzo nun acto aberto ao público no Salón de Actos do Concello de Sarria no que se procederá a abrir a plica da obra gañadora.

A Coruña: recital multimedia de Yolanda Castaño

O martes 15 de febreiro, ás 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre, terá lugar un recital multimedia a cargo de Yolanda Castaño, dentro das actividades de reapertura desta biblioteca pública. Incluirá unha proxección de videopoesía.

A Coruña: presentación do libro A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

O venres 11 de febreiro, a partir das 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Teresa Seara, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Anxo Fernán-Vello, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).