Bases do XXII Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro

“O Concello de Lalín (Pontevedra), a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, a asociación de profesionais da gastronomía “Amigos da Cociña Galega” e as demais asociacións gastronómicas galegas, no seu desexo de fomentar a difusión da cociña galega, en xeral, e para premiar o labor realizado por xornalistas e escritores que prestaron especial atención a devandito tema, así como por ampliación do Premio Nacional de Xornalismo celebrado en anos anteriores, resolveron convocar o XXII Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, recoñecido como o premio gastronómico máis importante de España.

BASES

PRIMEIRA
Poderán tomar parte en devandito concurso os escritores, xornalistas e particulares que publiquen artigos, libros, entrevistas, reportaxes, viñetas, fotografías, comentarios, etc. -en galego ou en castelán- nos distintos medios de comunicación sobre temas relacionados coa gastronomía galega nos últimos 2 anos. Tales traballos non poderán ser premiados anteriormente e non poderá ser premiado 3 anos consecutivos un mesmo autor. Ademais, poderán tomar parte os estudantes de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual que presenten os seus traballos académicos relacionados coa gastronomía.

SEGUNDA
Os traballos deberán ser presentados ben polo seu autor ou ben por terceiras persoas ou entidades, aportando inescusablemente seis exemplares dos traballos que xustifican a súa opción ao premio e un escrito dirixido ao alcalde presidente do Concello de Lalín co nome, datos persoais, teléfono de contacto e currículo do autor (no seu caso, tamén da persoa que presenta o traballo). Se se trata de artigos xornalísticos servirá a páxina orixinal do xornal e cinco fotocopias do traballo en cuestión; para as viñetas ou fotografías, será necesario a páxina orixinal da súa publicación e un exemplar da imaxe en formato jpg; no caso dos traballos en radio e televisión, deberán presentarse seis CDs ou DVDs, acompañados dunha certificación a expedir polo director da emisora ou a canle correspondente na que se faga constar a data e o programa en que o traballo foi emitido; en canto ás páxinas web, bastará cun escrito en que se indique o enderezo correspondente, acompañado dun pequeno informe do contido da páxina (non se admitirán nesta categoría artigos, reportaxes ou entrevistas difundidas a través de Internet en páxinas non dedicadas en exclusiva á gastronomía).

Poderán presentarse os traballos no rexistro do Concello de Lalín (Praza de Galicia, nº1, 36500-Lalín) por correo ou de forma presencial ou ben, os traballos que o permitan, a través do correo electrónico lalin@lalin.org

TERCEIRA
O xurado nomeado ao efecto, que estará formado por xornalistas de medios de comunicación de Galicia e representantes das institucións colaboradoras, seleccionará os traballos que considere merecedores dos premios tendo en conta en primeiro lugar a súa calidade xornalística, pero tamén a súa difusión. Ademais, considerarase un mérito engadido a súa referencia ao Cocido de Lalín.

CUARTA
O prazo límite para a presentación dos traballos será o 20 de decembro de 2015. Se o envío se realiza por correo, terase en conta a data que figure no matasellos postal.

QUINTA
Os premios subdivídense nas seguintes categorías coa súa correspondente dotación económica:

a) Premio, dotado con 3.000 euros, ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías, ao que poderán concorrer os escritos publicados en medios de comunicación impresos; os libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía galega; os traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións; as páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou os traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos.

b) Premio, dotado de 1.000 euros, ao traballo xornalístico, que o xurado decida, presentado entre todas as categorías, ao que poderán concorrer os escritos publicados en medios de comunicación impresos; os libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía galega; os traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións; as páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou os traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos.

c) Premio de 800 euros ao mellor traballo académico _prensa, radio, televisión e web_ dedicado á gastronomía presentado por alumnos de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional co fin de potenciar aos novos valores da profesión xornalística.

SEXTA
Os traballos premiados poderán ser citados, se fosen libros, ou reproducidos total ou parcialmente no caso de artigos xornalísticos ou traballos audiovisuais, polas entidades convocantes, facendo constar sempre o nome do seu autor. Ademais, os participantes no concurso renuncian a reclamar as copias ou os exemplares presentados.

SÉTIMA
O fallo do xurado darase a coñecer publicamente nun acto programado ao efecto en Lalín con anterioridade á celebración da XLVIII Feira do Cocido, que se celebrará o día 31 de xaneiro de 2016.

OITAVA
As entidades organizadoras poderán esixir a identificación da personalidade dos premiados, que, salvo causas de forza maior suficientemente acreditadas, deberán recoller os premios no acto que se organice ao efecto. A organización resérvase o dereito a convocar aos premiados en calquera das categorías para formar parte do xurado na seguinte edición.

NOVENA
O feito de participar no concurso significa a aceptación das presentes bases, tanto polos autores como polos presentadores, e considérase que existe acordo mutuo entre ambos, cando non sexan a mesma persoa.

DÉCIMA
Os traballos académicos presentados polos estudantes de xornalismo, publicidade e comunicación deberán estar acreditados academicamente por un docente do centro de estudos. O Concello de Lalín reservarase os dereitos legais de utilización do traballo ganador na categoría de estudantes.

Lalín (Pontevedra), 2015″

Premios Luzes de Novo Xornalismo

Desde a Revista Luzes:
“Dende a convicción de que o xornalismo é un ben esencial e público, un xeito de activismo democrático para evitar a subtracción de dereitos e liberdades, e dende o compromiso de contribuír a crear espazos onde escribir e ver con ollos libres, convócanse por vez primeira os Premios Luzes de Novo Xornalismo nas modalidades de reportaxe literaria e reportaxe gráfica, e coas seguintes bases:
1. A participación está aberta a todas as persoas até a idade de 30 anos e de calquera nacionalidade.
2. Outorgaranse tres premios Luzes na modalidade de reportaxe literaria e tres premios Luzes na de reportaxe gráfica.
3. A revista Luzes comprométese á publicación dos traballos premiados durante o presente ano.
4. Na modalidade de reportaxe literaria os traballos poderán ser realizados en idioma galego ou noutras linguas, con tema aberto, presentados cunha sinopse, e cun espazo máximo de 16.000 caracteres, espazos inclusive.
5. Na modalidade de reportaxe gráfica, de temática aberta, a serie fotográfica deberá ter un mínimo de quince imaxes, en calquera formato e en branco e negro ou cor.
6. O xurado estará formado por membros do comité de redacción e do consello editorial de Luzes e presidido por Fermín Bouza Álvarez.
7. A revista Luzes poderá xestionar cos seus autores a publicación doutros traballos presentados, ademais dos premiados.
8. O prazo de entrega ao enderezo da revista Luzes rematará o día 13 de xullo.
9. O fallo darase a coñecer o 1 de agosto.”

En Galicia, a 8 de marzo de 2015 […]