O Premio de Xornalismo Reimóndez Portela recae en José Manuel Bertolo e Luis M. Ferro

Desde El Correo Gallego:
“O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela emitíu o seu fallo, tras celebrar a reunión na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Nesta ocasión, os gañadores, elexidos por maioría, foron José Manuel Bértolo e Luis M. Ferro, por unha serie de catro artigos (Casa de Vilancosta. Berres, Casa e Capela dos Reimóndez Figueroa en Castrotión, Nas orixes de Rosalía de Castro e Novas aportacións á Torre de Guimarei), publicada en dous xornais.
O xurado, presidido pola xerente da fundación estradense, Mercedes Cuíña, estivo composto por Juan Manuel Constenla Carbón, Juan Andrés Fernández Castro, Victoria Reimóndez Sanmartín, María del Carmen Vieites Conde, e José Manuel Bouzas, que fixo as veces de secretario.”

O Premio Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo gañador do Premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo Illa Soidade, publicado no xornal diario Faro de Vigo do que é colaborador. No artigo, Manuel Bragado repara, como todos os días e todas as noites, nun vello que vive na rúa, no centro de Vigo e reflexiona, cunha coidada lingua e unha tensión que convida á lectura, sobre os “sen teito” ao tempo que, desde a imaxe do home da rúa Urzáiz faise preguntas sobre o seu pasado, as razóns que conducirían a súa vida e mesmo sobre o seu futuro, nun artigo de corte social e forma literaria que toma o título da novela da escritora An Alfaya, Illa Soidade. (…)
O premio Fernández del Riego está convocado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés e está dotado con 6.000 euros.”

José Casas gaña o X Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“O xurado do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores decidiu premiar a José Casás García por Os exemplos, un texto que, segundo o xurado, conecta coas xeracións máis novas e constrúe un elo entre exemplos normalizadores de onte como a Xeración Nós e os de hoxe como a Xeración Xabarín.
O premio está dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo nos medios de comunicación colaboradores, entre os que se atopa Sermos Galiza. O artigo darase a coñecer o próximo domingo día 18 de maio. A entrega do premio desenvolverase no marco da Festa da Lingua que terá lugar a sexta feira 16 no Pazo da Cultura de Carballo na que actuarán Os Tres Trebóns e García Mc, ás 21.00 h, con entrada libre e gratuíta.
O xurado estivo composto por Belén Puñal, Mariña Pérez Rei, Cristina Abelleira e Nel Vidal.”

Manuel Darriba gaña o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

Entregouse en Pontevedra o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, outorgado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Nacido coa vocación de recoñecer e impulsar o uso do noso idioma nos medios de comunicación, este ano recaeu nun artigo de Manuel Darriba.

Xosé Luna Sanmartín gaña o XVIII premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela

Desde Cultura Galega:
“O profesor Xosé Luna Sanmartín (A Estrada, 1965) é o último gañador do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela, por cinco artigos de opinión (A paixón polos libros, Feira da Construción, Finalidade suprema da lectura, Fútbol e Literatura e Librerías Paraíso) que publicou no xornal dixital noticieirogalego.com. A entrega do galardón, dotado con 1.000 euros, terá lugar o vindeiro 20 de setembro, no marco da XXVII Feira do Moble de Galicia. O xurado destacou “a frescura e a actualidade dos mesmos, destacando a coherencia temática e o recurso eficaz ao humor e ás anécdotas ben traídas”.”

Mariña Pérez Rei, Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“O xurado do premio valorou, entre outras cousas, que O sotaque de Aurelia, de Mariña Pérez Rei ten capacidade de incidencia en públicos amplos e variados ademais da calidade da súa escrita e o abordar un tema de actualidade como foi o despoxo de Aurelia Rei.
Narradora e poeta, Mariña Pérez Rei gañou con anterioridade premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lueiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Entre as súas obras atópanse os poemarios Fanerógama, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante ou Paquidermo, mentres en narrativa escribiu Canícula, Costa Necrópole ou Contrapicados.
O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa actuación de Carlos Blanco. Presentáronse 46 textos que foron escollidos por un xurado composto por Belén Puñal, Carlos Callón, Xurxo Chapela e Nel Vidal.

Héitor Picallo gaña o XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez

O xurado do XVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela outorgou, por unanimidade, o galardón a Héitor Picallo por catro artigos publicados no Diario de Arousa. No fallo valórase ante todo o grande dominio do xénero xornalístico do premiado, así como a linguaxe cultra, rica e variada que “amosa o autor, transmitindo ao lector a importancia do uso do galego, en perfecta convivencia con calquera outra lingua”. A defensa do idioma, engade o xurado, “está feita dende o máis fondo respeto, sensibilidade e tolerancia”. Vía El Correo Gallego.

Carlos G. Reigosa gaña o IX Premio Fernández del Riego de xornalismo

“Carlos G. Reigosa obtivo o Premio Fernández del Riego na súa novena edición polo artigo Paraíso case baleiro, publicado tamén en La Voz de Galicia, suplemento Culturas, o 30 de abril do 2011. (…) O xurado destacou a calidade literaria dos escritos de ambos os gañadores, seleccionados entre máis de sesenta finalistas.” Vía Galaxia.

Marta Lemos gaña o IX Premio de Xornalismo Johán Carballeira

“O xurado do IX Premio de Xornalismo Johán Carballeira, que promove o Concello de Bueu, outorgou por unanimidade o galardón á reportaxe A Historia de Ons a través de Johán Carballeira, que publicou Marta Lemos Jorge no Faro de Vigo. “Valorouse que ese trate dunha reportaxe, xénero periodístico no que destacou Johán Carballeira, na que enlaza a situación actual do colonos da Illa de Ons coa súa historia, tal e como a recolleu o propio Johán Carballeira na súa obra”.” Vía Cultura Galega.

Carballo: festival Vitaminas para o galego, con entrega do Premio a artigos xornalísticos normalizadores a Carlos Callón

O mércores 16 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, dentro da programación do Mes das Letras do Concello de Carballo, terá lugar o festival Vitaminas para o galego. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por Fai o teu galego e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, grupo formado por María Xosé Silvar e o guitarrista Tito Calviño.