O Centro PEN de Galicia entrega os premios Rosalía de Castro

“O Centro PEN de Galicia entregou este venres 28 de setembro os premios literarios Rosalía de Castro, que se celebran de modo bienal. A entrega tivo lugar no marco dunha velada literaria que se celebrou no Pazo de Fonseca, en Santiago. Esta é a novena edición dunhas distincións pensadas para honrar tanto a lingua e a literatura galegas como as de países ou linguas próximos. Esa característica reflíctese nos premios deste ano, que o xurado outorgou ao portugués Jose Viale Moutinho, á vasca Miren Agur Meabe, á bonaerense María Esther Vázquez e ao barcelonés Enric Casasses. O acto foi presidido polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o presidente do PEN-Galicia, Luís González Tosar, ademais do alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, entre outras autoridades.O conselleiro destacou que a literatura galega actual conta con diversas “obras sólidas e imaxinativas, sempre na vangarda e frecuentando o mellor que se fai fóra, sen mimetismos nin servidumes impostos pola moda”, pero fixo fincapé na obriga que ten a Administración de apoiar “todo o que signifique unha maior presenza exterior dos nosos autores e dos seus libros”.” Desde Galiciaé.

I Certame de relatos curtos Muller e empoderada!

A Asociación Nós Mesmas convoca o I Certame de relatos curtos Muller e empoderada!. Poderán participar persoas residentes en España. Cada participante podrá presentar ata dous relatos que deberán ser orixinais e inéditos. Os relatos valerá en cualquera modalidade: Drama, comedia, monólogos, musicais, etc. O relato deberá ser realizado en ordenador, os formatos válidos son .doc, .odt ou .pdf; terá unha lonxitude máxima de 4 caras de Din A4, a dobre espazo en tamaño 12 puntos e en tipografía Times New Roman. O prazo remata o 7 de outubro. As bases completas pódense descargar aquí.

Cultura e Educación institúe a través do Centro Dramático Galego o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador

“A Consellería de Cultura e Educación instituíu a través do Centro Dramático Galego (CDG) o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador como iniciativa destinada a fomentar a actitude participativa entre o público teatral. O novo galardón, de carácter anual e vinculado á temporada de exhibición do Salón Teatro, publicou a súa primeira convocatoria. O seu obxectivo é recoñecer as achegas dos asistentes aos espectáculos programados no espazo escénico compostelán sede do CDG. Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se situará á saída de cada unha das representacións. Deste xeito, e segundo o texto da convocatoria, ao final de cada temporada teatral xulgarase “a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis audaz, a máis reflexiva, a máis construtiva…” Ademais do obxectivo de estimular a participación activa do público, a Consellería de Cultura e Educación presenta o Premio Roberto Vidal Bolaño como instrumento que contribúa a afondar o diálogo entre xestores e públicos destinatarios finais do traballo escénico, de maneira que as apreciacións destes últimos incidan favorablemente no traballo desenvolvido polos responsables culturais e en beneficio da cultura galega en xeral.
O espectador ou espectadora que reciba o galardón conseguirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro da seguinte temporada, así como un lote das obras completas de Roberto Vidal Bolaño. As suxestións poderán comezar a depositarse por escrito a partir do inicio da temporada de representacións 2012-2013, que se abre o próximo venres 5 de outubro coa estrea de O Profesional de Dusan Kovacevic baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e con Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel nos catro papeis do reparto. De feito, na mesma ficha que se utiliza para optar ao Premio Roberto Vidal Bolaño, os espectadores poderán emitir tamén a súa propia valoración concreta deste ou de calquera outro espectáculo dos programados, estimando nunha escala do 1 ao 5 aspectos como Valoración global, Son, Iluminación, Posta en escena, Elenco e Orixinalidade.”

Agustín Fernández Paz leva o XI Premio Ramón Piñeiro Facer País

“O XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que convocan catorce asociacións e entidades da comarca de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para Agustín Fernández Paz. Segundo sinalaron os representantes do galardón, Fernández Paz foi escolleito por sucesivas votacións das asociacións convocantes entre 45 candidatos. Para alén dos seus amplos méritos literarios, entre os que a organización destaca a súa recoñecida contribución á literatura infantil e xuvenil, o xurado tivo en conta “o seu decidido compromiso con Galicia e a lingua galega” e apuntou “a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza” eu o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos”. Na presentación do galardón, Carlos López Sierra, secretario da Asociación Val de Láncara lembrou a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que levaran cadanseu galardón e que faleceron no último ano. O acto de entrega celebrarase o vindeiro outono, en data aínda por determinar, en Láncara.” Desde Cultura Galega.

Fene: ciclo de faladoiros cos gañadores/as do Premio Blanco Amor de Narrativa

A Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, que organiza este ano a XXX edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor, promove, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un ciclo de faladoiros con algúns dos gañadores/as de anteriores edicións. Na escolma de autores/as procurouse garantir a presenza daqueles escritores que gañaron nas edicións do Premio organizadas por concellos da comarca.
Nestes faladoiros, sempre ás 19:00 h. e na Casa da Cultura do Concello de Fene, tanto o condutor/a como o público participante dialogarán co/coa autor/a gañador/a do Premio Blanco Amor sobre a obra do autor/a e nomeadamente da obra coa que gañou o Premio.
O primeiro destes faladoiros, conducido por Mercedes Queixas, terá lugar o vindeiro xoves, 20 de setembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Fene e contará coa participación de Víctor F. Freixanes, gañador do Blanco Amor organizado polo concello de Mugardos en 1982, coa novela O triángulo inscrito na circunferencia.

O ciclo, que se desenvolverá entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, desenvolverase consonte o seguinte calendario:
Xoves, 20 de setembro, tertulia con Víctor F. Freixanes, conducida por Mercedes Queixas.
Xoves, 4 de outubro, tertulia con Xesús Rábade Paredes, conducida por Verónica Martínez Delgado. Anulada, pendente de reprogramación.
Xoves, 11 de outubro, tertulia con Xavier Alcalá, conducida por Alfredo Ferreiro.
Xoves, 25 de outubro, tertulia con Valentín Carrera, conducida por Tati Mancebo.
Xoves, 8 de novembro, tertulia con Francisco Castro, conducida por Carlos Negro.
Xoves, 22 de novembro, tertulia con Inma López Silva, conducida por Mercedes Queixas.
Vexa aquí a listaxe completa de obras gañadoras do Blanco Amor. O conxunto dos concellos organizadores foi merecente en 2010 da Homenaxe Os Bos e Xenerosos, promovida pola AELG.

Chamádeme Simbad, na lista de honra do IBBY

Chamádeme Simbad, do escritor vigués Francisco Castro e publicado en Galaxia, foi incluído na Lista de Honra coa que a OEPLI -Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil – (pola do IBBY no estado español) recoñece os libros máis significativos destinados ao público máis novo editados nos últimos dous anos. A OEPLI selecciona catro escritores, un por cada unha das linguas do estado, xunto a outros catro tradutores e un ilustrador. Entre estes últimos nomes hai que destacar o de Carmen Torres, tradutora ao galego de Kafka e a boneca viaxeira (Galaxia) de Jordi Serra i Fabra; e a pontevedresa Kalandraka editora (…)”. Vía Fervenzas Literarias.

Celanova: Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior no 2012

Vía Fervenzas Literarias:
“Celanova será escenario da gran festa arraiana. No centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, a Asociación Arraianos ven de recoñecer como Arraiano Universal ao autor de Longa noite de pedra. Ademais, o investigador e académico Xesús Alonso Montero será distinguido co recoñecemento Arraiano Maior da Raia Seca 2012, que concede anualmente dita asociación. Esta distinción xa lle foi entregada con anterioridade ao escritor Bento da Cruz no 2011, ao Padre Fontes no 2010 e a Xosé Luís Méndez Ferrín, que inaugurou estes recoñecementos no 2009. Os actos terán lugar o venres 31 de agosto en Celanova, e contará coas seguintes actividades literarias no seu programa:
10:00 h. Encontro na praza da vila de Celanova. Lectura do manifesto arraiano.
10:30 h. Rota literaria por distintos espazos relacionados cos literatos nados en Celanova, con lecturas de poemas e música arraiana.
11:30 h. No cemiterio de San Breixo. Nomeamento de Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012, a cargo do Arraiano Maior do ano anterior, Bento da Cruz. Entrega do recoñecemento como Arraiano Universal a Celso Emilio Ferreiro. Ofrenda floral e recital poético e musical, coa participación de poetas e músicos das terras de Celanova e do val do Limia, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
17:00 h. Espectáculo multimedia no claustro barroco do mosteiro de Celanova, facendo unha montaxe escénica atractiva e dinámica con intervencións de diferentes persoeiros, poetas, así como as actuacións de diversos grupos musicais.

O Carballiño: coñécense os premiados na Insua dos Poetas

“O vindeiro sábado, 28 de xullo, terá lugar na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño) a IV edición da Festa da Palabra, dedicada este ano a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento e no cincuenta aniversario de Longa noite de pedra. Na xornada, que dará comezo ás once e media da mañá, descubrirase a escultura Irmaus, do artista ourensán Manuel Penín, e realizarase a entrega dos premios Sete carballas da Insua dos Poetas, que onte deu a coñecer o xurado. Nas principais categorías os galardonados foron Víctor Campio, en literatura; Alfonso Sucasas, a título póstumo, no apartado de artes plásticas; Antonio González, párroco de O Irixo, en medio ambiente; a Asociación Ourensana de Hemofilia en Acción Social; e o Centro Partido do Carballiño en Buenos Aires no ámbito da Emigración.” Vía La Voz de Galicia. Crónica posterior do acto no mesmo xornal e en Galicia Hoxe.

Mini e Mero levan o premio Día da Galiza Mártir

“A Fundación Alexandre Bóveda decidiu homenaxear este ano o traballo a prol da memoria histórica de Xosé Luís Rivas Mini e mais Baldomero Iglesias Mero. Os dous investigadores e músicos recibirán o vindeiro 17 de agosto en Pontevedra o premio Día da Galiza Mártir. O galardón recoñece, segundo a fundación, a preocupación por investigar a represión franquista así como un importante traballo de divulgación mediante cancións coma Romance de cego á caída de Manuel Ponte ou Comandante Moreno ou As Cunetas ou o disco Silencios na memoria, realizado co grupo A Quenlla e que está centrado nesta temática.” Vía Cultura Galega.