Convocado o II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 da Deputación da Coruña

“Para darlle continuidade ao premio creado o ano pasado en memoria de Rosalía de Castro, coa fin de recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico de forma desinteresada, a Deputación da Coruña convoca a II edición do premio de acordo coas seguintes bases:
Primeira. Obxectivos:
* Darlle continuidade á convocatoria do Premio Rosalía de Castro iniciada o ano pasado, destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias, de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, ben no ámbito da provincia, autonómico, exterior ou global, que apostan decididamente de forma desinteresada ou cun apoio insignificante.
* Manter viva a memoria de Rosalía de Castro.
Segunda. Destinatarios:
Calquera persoa individualmente, colectivo, asociación ou entidade asentada en Galicia, coa súa residencia ou sede social no territorio da comunidade autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.
Terceira. Méritos que se valoran. Para conceder os premios o xurado terá en conta os seguintes criterios:
* Tarefa continuada desenvolvida en favor da normalización lingüística do galego.
* Actuacións concretas en favor da dignificación social da lingua galega.
* Uso habitual e digno do galego nas súas actividades e nos seus servizos.
* Campañas de información e/ou publicitarias en galego.
* Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas ou entidades que se propoñan.
Cuarta. Premio:
O premio concederáselle á persoa, colectivo, asociación ou entidade de ámbito galego en xeral e na provincia da Coruña en particular, que destaque pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que saliente por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso. O Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011 non ten dotación económica. O galardón consistirá nun recoñecemento honorífico acreditativo desta distinción.
Quinta. Prazo:
O prazo de presentación das candidaturas comezará o día seguinte da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 31 de marzo de 2011, a proposta de candidaturas será libre e non se poderá autocandidatar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. Alférez Provisional 2, 15006 A Coruña, tomando como modelo o que figura como anexo a estas bases. Indicarase no sobre II Premio Rosalía de Castro de Lingua 2011, ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dicoruna.es. O xurado poderá propor candidaturas no transcurso da súa reunión.
Sexta. Xurado:
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación, e formarán parte del: o deputado presidente da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, unha persoa representante de:
* Secretaría Xeral de Política Lingüística,
* Movemento asociativo da provincia da Coruña,
* Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino da provincia da Coruña,
* Universidade da Coruña ou Santiago de Compostela,
* Medios de comunicación, nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia,
* Unha persoa de recoñecido prestixio pola súa contribución a prol da lingua galega.
Será nomeado polo presidente da Deputación, e actuará como secretario o da corporación ou o funcionario no que delegue. A composición farase pública, con anterioridade á súa reunión, no taboleiro e na páxina web da Deputación, co fin de que se poidan interpor, se é o caso, os recursos legais pertinentes. O xurado reunirase en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Para os efectos da validez da súa constitución aplicarase o disposto no art. 26.1 da Lei 30/1992 do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O xurado poderá declarar deserto o premio. A decisión do xurado terá lugar no mes de abril de 2011 e darase a coñecer no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación, e a través dos distintos medios de comunicación. O xurado queda facultado para interpretar estas bases.
Sétima. Entrega do premio:
A entrega do premio realizarase o 7 de maio na IV Festa da Lingua que esta Deputación prevé realizar na Casa de Cultura de Carballo.
Oitava. Candidaturas non seleccionadas:
Poderanas recoller ata finais de maio logo da presentación dun escrito asinado por algunha das persoas que formalmente presentaron a proposta no Servizo de Fomento-Unidade Técnica de Normalización Lingüística. Pasado este tempo entenderase que renuncian á súa propiedade.
Novena. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.”

XII Certame Literario Alfredo Suárez Ferrín de valores cívicos e morais

BASES

PRIMEIRA. O Instituto de Estudios Políticos y Sociales convoca a XII edición do Certame Literario Alfredo Suárez Ferrín de valores cívicos e morais. O tema a desenvolver na presente convocatoria é Memoria Histórica: Valor Moral dun pobo.

SEGUNDA. Poderá participar calquera persoa que o desexe.

TERCEIRA. Establécese o seguinte premio: Dotación económica de 1000 euros, doados polo Concello de A Coruña, e Diploma de honra.

CUARTA. Os traballos terán unha extensión mínima de 8 folios e máxima de 15. Os orixinais presentaranse mecanografados a dous espazos e por unha soa cara. Os traballos poderán estar escritos en galego ou castelán.

QUINTA. Enviaranse cinco copias dos orixinais, sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre aparte, e no que se incluirán nome e apelidos, enderezo e teléfono da persoa concursante, así como fotocopia do carné de identidade.

SEXTA. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo:

“Instituto de Estudios Políticos y Sociales

(XII Certame Literario Alfredo Suárez Ferrín)

Rúa Juan Flórez, 109-113, local 7 (entrada por R/ José Cornide)

15005 A Coruña”

Tamén se poden entregar persoalmente no devandito enderezo, en horario de 9:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 h, de luns a venres.

SÉTIMA. O prazo de presentación de orixinais remata o 25 de marzo de 2011.

OITAVA. O xurado estará composto por persoas representativas do mundo das letras. O seu fallo será inapelábel.

NOVENA. A entrega dos premios terá lugar na cidade da Coruña a mediados de abril de 2011, co gallo da conmemoración das datas da proclamación da II República española, en data e lugar que oportunamente se comunicará. A ausencia do premiado/a no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste.

DÉCIMA. A persoa gañadora autoriza ao Instituto de Estudios Políticos y Sociales a poder publicar, no medio que estime conveniente, o traballo que resulte galardoado.

O xurado está composto por:
– Presidente: D. Xabier Puente Docampo.
– Vocal: Dª Ánxeles Penas García.
– Vocal: Dª Pilar García Negro.
– Secretaria da Fundación con voz e sen voto: Dª. Constanza Sánchez Santos.

Convocado o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con varios medios de comunicación, convoca por sétimo ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 8 de abril. Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.000 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia.
As bases completas pódense descargar neste arquivo: Bases do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011.

A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia, de Xavier Castro, gaña o XVII Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro

O máis prestixioso dos premios gastronómicos de España, o Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro, vén de ser concedido na súa decimosétima edición á primeira historia da alimentación en Galicia, o libro de Xavier Castro A mesa e manteis. Historia da alimentación en Galicia que recentemente publicou Biblos Clube de Lectores. A mesma obra merecera tamén hai poucas semanas a atención dos xurados do pretixioso premio Gourmand best in the world que o consideraron o mellor libro escrito en galego sobre a materia e que, como tal, participará na fase final do galardón que se fallará a comezos de marzo en París. Recollido en Xornal, A Nosa Terra e La Opinión.

Xesús González Gómez: “Cantos máis premios, menos premiados”

Análise de Xesús González Gómez sobre os premios literarios en A Nosa Terra:
“Polo que se leva dito (escrito), pódese deducir que os premios literarios, sobre todo nas literaturas sen Estado, ademais de privilexiar unha serie de nomes, tamén privilexian un tipo determinado de literatura. Que tipo de literatura? Non hai que ser un Sherlock Holmes para adiviñar que non se trata dunha literatura que se escribe e despois se pode presentar a un premio literario. A primeira (apresurada?) dedución que pode tirar un observador, máis ou menos imparcial, é clara: nas literaturas sen Estado, por mor dunha serie de circunstancias que sería longo, e tedioso, analizar, e que, por outra parte, xa foron analizadas en diversas ocasións, non se escriben obras literarias, escríbense premios literarios.”

2010: “O ano que andaron a mover os marcos”

“O 2010 é un ano inusual. Non sempre coincide unha maré literaria tan coherente e ao mesmo tempo tan distinta na escolla dos modelos narrativos. Os premios principais que se outorgaron o ano pasado non só valoraron os vimbios dunha narración e os seus valores literarios senón que fixeron unha aposta polo atrevemento, pola procura dun novo linde nas nosas letras, a risco de que os lectores quedasen un tanto descolocados.” O artigo completo pódese ver aquí: A Nosa Terra.