Preséntase na Baña Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007), de X. Amancio Liñares Giraut

No Salón de Actos da Casa da Cultura da Baña o 20 de febreiro, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación do libro Son para a “Unión Barcalesa de La Habana” (1907- 2007) (tresCtres Editores), de X. Amancio Liñares Giraut. No acto intervirán Carlos Sixirei Paredes, Carolina García Borrazás, Paz Gago Gómez e o propio autor.

Preséntase no Grove O frío azul, de Ramón Caride Ogando

Os libreiros do Grove e Sotelo Blanco Edicións organizan a presentación da novela O frío azul (Premio Lueiro Rey 2007), de Ramón Caride Ogando. Terá lugar o venres 15 de febreiro, ás 20:00 horas, no Pub Vinilo (rúa da Praza, fronte da Librería Besada) do Grove. Intervirán, para alén do autor, Ramón Domínguez Argibay, Xan Fuentes Castro, Luís Viñas e Ánxela Gracián.

Presentación en Vigo de Nos dominios da incerteza. Historias económicas, de Manolo Blanco Desar

O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas na Casa do libro (Velázquez Moreno, 27) de Vigo, presentarase Nos dominios da incerteza. Historias económicas (Sotelo Blanco Edicións – Col. Medusa Narrativa), de Manolo Blanco Desar. Intervirán Ricardo Beiras (Profesor de ecoloxía mariña) e Ánxela Gracián (directora da colección Medusa Narrativa).

O neno do pixama a raias, de irlandés John Boyne, preséntase na Coruña

A editorial Faktoría K vén de publicar en galego O neno do pixama a raias, o éxito literario do escritor irlandés John Boyne, traducido por Daniel Saavedra, do que se levan vendido millóns de exemplares en todo o mundo. A obra, que forma parte da nova colección Narrativa K, presentarase na FNAC da Coruña este xoves día 31 de xaneiro, ás 19:30 horas.

Presentación en Rianxo de Mentres a herba medra, de Xesús Rábade Paredes

O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas no Casa de Cultura “Cuartel Vello” de Rianxo, terá lugar a presentación do último Premio Blanco Amor de novela Mentres a herba medra, do escritor Xesús Rábade Paredes. O acto contará coa participación de Pedro Piñeiro (alcalde de Rianxo), o académico e escritor Xosé Luís Axeitos Agrelo, F. R. Lavandeira (escritor e membro de Barbantia) e mais o autor.

Presentación en Ferrol de Palabras contadas, de Patricia Casas Vázquez

O próximo día 24 de xaneiro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro da Editorial Biblos Teselas de cidade, de Patricia Casas Vázquez, gañadora do III Premio Biblos-Pazos de Galicia. Será na Galería Sargadelos de Ferrol e participarán na presentación, ademais da autora, Tucho Calvo e Iria López.

Presentación en Ferrol de Palabras contadas, de Camilo Franco

O día 11, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32), presentarase o libro de Camilo Franco Palabras contadas (Edicións Xerais). Na presentación participará o autor, acompañado polo músico Magín Blanco.